Asina a ILP en defensa da Atención Primaria!

Nacional - 11 Nov 2022

A plataforma SOS Sanidade Pública, da que fai parte a CIG, está a recoller sinaturas para levar ao Parlamento galego unha Iniciativa Lexislativa Popular (ILP) sobre a situación da Atención Primaria e para exixir medidas inmediatas para salvala. O obxectivo é, ademais, abrir un debate social e continuar presionando ao Goberno galego con mobilizacións para que se garanta unha atención sanitaria pública, universal e digna.

Tal está a ser a resposta da sociedade galega á iniciativa que a plataforma decidiu prorrogar a recollida até inicios do ano que vén, para que todas as persoas interesadas poidan achegar o seu apoio. “Durante todo este proceso estamos a constatar que a xente é moi consciente da importancia de defender a Atención Primaria e da necesidade de implementar un modelo alternativo”, explica o secretario nacional da CIG-Saúde, Manolo Moreira. 

Estamos a constatar que a xente é moi consciente de que é necesario un modelo alternativo de Atención Primaria

A Consellaría de Sanidade leva anos recortando a Atención Primaria e a sanidade pública no seu conxunto, para reducir gasto, desmantelar o sistema sanitario público e favorecer o privado. Xunto a isto, o Sergas amosouse incapaz de planificar e xestionar a Atención Primaria, poñendo en risco a continuidade do sistema.

De feito, o persoal reduciuse a menos da metade en moitos centros de saúde e PAC, mentres que a prioridade da consulta telefónica, as barreiras para contactar e conseguir cita e os peches de centros e PAC limitan o acceso á asistencia sanitaria e crean listas de espera inaceptábeis.

Isto ten provocado a desaparición, na maioría dos centros, da promoción, prevención, rehabilitación, participación e traballo comunitario, mentres que o persoal, ademais de estar sometido a unha presión inadmisíbel, padece unhas condicións laborais inestábeis e precarias incompatíbeis cunha atención de calidade.

Por iso SOS Sanidade promove esta ILP, para que o Parlamento a debata en xaneiro ou febreiro e aprobe medidas para fortalecer a Atención Primaria. Entre outras cuestións demándase incrementar e dimensionar o persoal, priorizar a atención presencial, reabrir os centros e PAC pechados, dar participación á poboación e ao persoal na planificación e xestión dos centros e acabar coa precariedade laboral.