As traballadoras/es de Linorsa en Lugo continúan coas protestas para reclamar o cobro dos seus salarios

Nesta ocasión concentráronse diante da Xefatura Territorial da Consellaría de Sanidade
A Coruña - 03 Feb 2016
As traballadoras e traballadores de Linorsa en Lugo continuaron este mércores coas mobilizacións para demandar o cobro dos salarios que a empresa ten pendentes de abonar: a nómina de xaneiro e a metade de decembro. Desta volta, o persoal levou as protestas até o edificio da Xefatura Territorial da Consellaría de Sanidade.

Esta é a terceira concentración que desenvolve o persoal de Linorsa da provincia de Lugo en menos dun mes. Unhas mobilizacións que tamén se están a realizar por toda Galiza, xa que a situación de impagamento é xeneralizada en todos os centros de traballo.

Aínda que Linorsa perdeu os servizos de limpeza de todos os xulgados de Galiza, continúan a ser moitas as administracións públicas que manteñen os contratos con esta empresa, que acumula un longo e reincidente historial de incumprimentos salariais e laborais.

Por iso, hoxe, alén de demandar o pago inmediato dos seus salarios, o persoal volveu instar as administracións a rescindir os contratos de limpeza que manteñen coa empresa para que outras compañías poidan asumir os traballos.