Traballadoras/es da limpeza bótanse á rúa en todo o país para reclamar unhas condicións dignas

Os paros nas provincias de Pontevedra e Ourense rexistraron un amplo seguimento, mentres que a folga de Lugo vai camiño dos 90 días
Nacional - 10 Xan 2024

Centos e centos de traballadoras/es da limpeza de edificios e locais tomaron hoxe as rúas das principais cidades do país para reclamar uns convenios provinciais que dignifiquen as súas condicións laborais. Os paros de 24 horas convocados en Pontevedra e Ourense rexistraron un amplo seguimento, mentres que a folga indefinida de Lugo vai camiño de cumprir xa 90 días. Na caso da Coruña, delegadas/as da CIG no sector desenvolveron unha acción reivindicativa cortando varios carrís da avenida Alfonso Molina.

As empregadas galegas da limpeza apostaron nas asembleas celebradas recentemente por intensificar as mobilizacións para reclamar uns convenios provinciais dignos ante o inmobilismo da patronal estatal Aspel, que teima en achegar propostas inasumíbeis que non supoñen unha mellora das condicións de traballo. Deste xeito, á folga indefinida de Lugo sumáronse hoxe paros de 24 horas nas provincias de Pontevedra e de Ourense, mentres que na Coruña levouse a cabo unha acción reivindicativa.

Durante a xornada de loita de hoxe desenvolvéronse distintas protestas, con manifestacións e concentracións pola mañá en Vigo, Pontevedra e Ourense, Lugo e Vilagarcía. No caso de Vigo e de Pontevedra as mobilizacións repetíronse tamén durante a tarde, con saída do centro comercial Gran Vía ás 17:00 horas e da praza da Peregrina ás 19:00 horas, respectivamente. Ao longo de todo o día a accións dos piquetes informativos está a ser intensa, e nalgúns lugares, como no caso de Vigo, a Policía española optou por levar a cabo algunhas identificacións.

A secretaria nacional da CIG-Servizos, Transi Fernández, que participou nas concorridas manifestacións de Vigo, salientou a importancia da loita que están a levar a cabo as traballadoras/es do sector en defensa dos seus dereitos e lembrou que tanto o convenio de Lugo como de Ourense contemplan salarios inferiores ao SMI. “Mais as propostas de Aspel non chegan ao salario mínimo; mentres que en Pontevedra ofrecen unha suba de soldos do 2.66 %, por debaixo do IPC real de 2023”.

Éxito da xornada de loita

Fernández cualificou de “éxito” o desenvolvemento da xornada, e cifrou o seguimento dos paros en máis do 65%, tendo en conta que a pesar de que a incidencia na industria (sobre todo na automoción) e nas fábricas (como as conserveiras) foi moi alta, os elevados servizos mínimos fixados nos servizos públicos (centros de saúde, hospitais, aeroportos, Concellos, colexios, etc) -nalgúns casos incluso do 100%- reduciron o seu impacto.

“É moi importante que as traballadoras/es se decidisen a dar este paso para dignificar as súas condicións laborais porque son un servizo esencial e como tal teñen que ser tratadas/os”, sinalou a responsábel sindical.

Neste senso, explicou que as diferencias coa patronal Aspel son substanciais, xa que ofrece unicamente un 2,66% de suba salarial, négase a pagar os atrasos con carácter retroactivo e non quere reducir a xornada até as 37,5 horas semanais. “

Isto último é para nós unha reivindicación fundamental tendo en conta que se trata dun sector altamente feminizado, con moitos contratos a tempo parcial, así que se reducimos a xornada as traballadoras/es parciais aumentarán os seus soldos e as que están tempo completo traballarán menos horas”.

Finalmente, chamou o empresariado a sentarse a negociar con vontade de chegar a acordos que permitan desbloquear os conflitos “porque do contrario vanse atopar coa capacidade de loita e de resistencia dunhas traballadoras/es que están a amosar un sólido compromiso coa defensa das súas condicións laborais”.

87 días de folga en Lugo

Cando se cumpren 87 días dende o inicio da folga indefinida, as traballadoras da limpeza de Lugo retomaron con forza este mércores as protestas diarias na rúa tras o parón do nadal. Esta mañá levaron as súas demandas por un convenio xusto ás portas do edificio administrativo da Xunta, onde volveron reclamar a intervención no conflito da administración galega para frear as pretensións patronais de consolidar a pobreza e a precariedade no convenio da limpeza.

Asunción Castiñeira, representante da CIG, lembrou que a próxima reunión da mediación terá lugar o 18 de xaneiro, sobrepasando xa os tres meses de folga sen que haxa avances, precisamente polo inmobilismo da patronal estatal, ASPEL, que reunión tras reunión teima nunhas propostas económicas que significarían deixar as táboas do convenio por debaixo do SMI. Salientou que esta patronal participa nas catro mesas de negociación provinciais e é a responsábel da intensificación e da extensión da conflitividade que se vive en Lugo.

Nesta liña, Castiñera reiterou que as traballadoras non van recuar e manteñen firmes a súa disposición a continuar na loita até conseguir un convenio digno con salarios xustos.

Corte de tráfico na Coruña

No marco desta xornada de loita, na Coruña delegadas e delegados da CIG da limpeza desenvolveron unha acción reivindicativa cortando varios carrís da Avda. Alfonso  Molina, sentido saída da Coruña, mentres portaban unha faixa para reclamar condicións salariais e laborais xustas para todas as traballadoras e traballadores deste sector.

A protesta tivo un carácter solidario e de apoio ás compañeiras en folga, mais tamén para manifestar a preocupación que hai no sector pola actitude patronal, toda vez que o convenio provincial da Coruña venceu o 31 de decembro e, previamente ao inicio da nova negociación, toca agora aplicar a cláusula de revisión salarial pactada, que suporía un incremento salarial de arredor do 10%.

"Queremos que a patronal cumpra co que ten asinado, que permitiría recuperar o poder adquisitivo perdido nestes últimos catro anos. Por iso, a primeira xuntanza coa patronal non vai ser de comisión negociadora do novo convenio, senón da comisión paritaria para que se aplique o pactado a respecto do diferencial co IPC", explicou Paulo Rubido, voceiro da CIG-Servizos na mesa de negociación e membro da Executiva Confederal.

Rubido engadiu que o 15 de xaneiro publicarase o dato do IPC real de 2023 e ese día "remitirémoslle unha comunicación á patronal convocando a comisión paritaria para executar o incremento salarial aprobado no anterior convenio".