As traballadoras e traballadores de Atento protestan polos "20 anos de explotación laboral"

Novo luns de paros laborais e mobilizacións na subcontrata de Movistar

A Coruña -

Baixo a premisa "non van poder con nós", as traballadoras e os traballadores de Atento saíron en manifestación na tarde deste luns para protestar polos 20 anos de explotación laboral na plataforma que a empresa (que presta servizos de atención telefónica para Movistar) ten na Coruña. Uns luns máis, o persoal botouse á rúa na defensa dos seus dereitos e para esixir a fin da política de abusos e despedimentos practicada pola compañía.

A manifestación enmárcase no calendario de mobilizacións semanais que as traballadoras e os traballadores veñen realizando dende o pasado 28 de maio para reclamarlle a empresa o cese das presións, os acosos, as sancións inxustas, os controis excesivos, os obxectivos inalcanzábeis  impostos ou os despedimentos arbitrarios que cada pouco sacuden o cadro de persoal.  

Nesta xornada, aproveitando que se cumpren 20 anos da implantación de Atento na Coruña, o comité acordou intensificar os paros laborais dos luns, ampliándoos a dúas horas por quenda de traballo e levar ás rúas da cidade as súas demandas. A marcha partía pasadas as seis da tarde dende as oficinas de Atento en Juan Flórez, discorreu até a Praza de Pontevedra, facendo parada diante da tenda de Movistar, para regresar ao punto de inicio, onde a mobilización rematou cunha concentración na que se deu lectura a un manifesto repasando os 20 de historia de Atento na Coruña.

Unha historia marcada polos EREs -amparándose, coa complicidade de Telefónica, en supostas reduccións de chamadas-; intentos de deslocalización e traslados forzosos do persoal; reducións masivas de xornada; modificacións substanciais das condicións laborais; e un longo etcétera de medidas represivas, reforzadas e avaladas polas reformas laborais.  

Presións, sancións e despedimentos

A pesar do seguimento maioritario que teñen os paros semanais, a dirección fai caso omiso das reivindicacións sociais e négase a abrir unha mesa de diálogo para abordar a plataforma trasladada en varias ocasións polo comité. Ao contrario, hai unhas semanas Atento daba unha nova mostra da súa política represiva despedindo un traballador "por ter collido dúas baixas de curta duración nun ano".

"Dende que comezamos coas mobilizacións, a empresa non só non se pronuncia, nin está polo labor de atender as nosas demandas, senón que neste tempo, no que seguimos na loita, continúa aplicando a súa desastrosa política de recursos humanos, con novos despedimentos, sobrecargas de traballo por falta de persoal, aplicacións e ferramentas que non acaban de funcionar, e os seus habituais excesos. Un todo vale para xustificar os seus resultados a costa da nosa saúde e os nosos postos de traballo", denuncian.

De feito, lembran dende a sección sindical da CIG, neste tempo a empresa só mantivo unha reunión co comité para informar, con todo descaro, que non tiñan constancia da existencia de problemas laborais na empresa. Porén, o persoal leva anos denunciando o acoso e as presións ás que Atento somete ao seu persoal "e que fan que caiamos enfermos e enfermas, tal e como se reflicte nos elevados índices de absentismo e como está demostrado na avaliación de riscos psicosociais".

Folga de 24 horas o luns 17 de setembro

Así as cousas, as traballadoras e os traballadores non están dispostos a renunciar aos seus dereitos e continuarán na loita até que a empresa e Movistar muden a súa actitude. Tanto é así que para o luns 17 de setembro está convocada unha xornada de folga de 24 horas, a terceira que se realiza en tres meses.

Volver