As traballadoras do Servizo de Axuda no Fogar (SAF) de Muxía denuncian o intento da empresa adxudicataria, AO Mayores Servicios Sociales, S.L., de modificar de maneira substancial as súas condicións de traballo; unha medida que consideran un grave retroceso nos seus dereitos laborais.
Explican que a empresa presentou unha proposta que pretende alterar horarios e xornadas, modificar a organización das fins de semana e ampliar a dispoñibilidade horaria, afectando ás condicións laborais que as traballadoras viñan mantendo e que están vinculadas á subrogación e ao convenio colectivo.
As traballadoras consideran que esta medida supón, na práctica, desregular as súas condicións laborais e deixalas á disposición das necesidades da empresa, dificultando ademais a conciliación da vida laboral e familiar.
Advertencia da Inspección á empresa
Esta situación prodúcese despois de que Inspección de Traballo xa advertise á empresa da necesidade de respectar as condicións laborais existentes, polo que consideran especialmente grave que agora se pretenda avanzar nunha modificación que afecta precisamente a esas condicións.
Lembran que o Concello de Muxía xa fora informado previamente das intencións da empresa e da súa forma de actuar, polo que entenden que non pode permanecer alleo a esta situación.
Por este motivo, solicitarán unha reunión co Concello de Muxía para trasladarlle directamente a situación e esixir que actúe para garantir o cumprimento das condicións laborais e do prego de condicións do servizo, así como para evitar que a empresa leve adiante unha modificación que consideran inxustificada e contraria aos seus dereitos.
“O Concello, como administración responsábel do servizo, debe implicarse e facer valer as súas obrigas fronte á empresa adxudicataria”, aseveran.
Na asemblea celebrada o martes, as traballadoras acordaron adoptar todas as medidas necesarias para defender os seus dereitos, sen descartar a convocatoria de mobilizacións e, de ser necesario, dunha folga.
As traballadoras do SAF de Muxía queren deixar claro que non van permitir que se desregulen as súas condicións laborais nin que se dea un paso atrás en dereitos polos que tanto levan loitado e reclámanlle á empresa concesionaria que retire a modificación, negocie de boa fe e respecte os seus dereitos.