As traballadoras de Linorsa da comarca de Santiago paralizan a folga de limpeza nos centros de ensino

Comprobaron o pago das nóminas do mes de abril e a empresa comprometeuse a pagar a nómina de maio
Compostela - 27 Mai 2016
As traballadoras de Linorsa, empresa concesionaria do servizo de limpeza dos CPI de A Baña, Trazo, Touro, Pontecarreira e Boimorto acordaron este xoves en asamblea non efectivizar a folga desde ese mesmo día, tras comprobar o pago das nóminas do mes de abril e ter o compromiso da empresa de que a semana que vén cobrarán o mes de maio.

Con todo, isto non significa que a folga quede desconvocada xa que, no caso de que o 3 de xuño non teñan ingresadas as nóminas nas súas contas volverán de novo á folga indefinida.

Ademais seguirán pedindo o apoio das veciñas e vecinos na recollida de sinaturas e notas de apoio por parte da comuniddade escolar en previsión de que a empresa incumpra o seu compromiso.

Reiteran tamén a súa demanda de que a consellaría axilice os trámites de cara a rescindirlle o contrato a esa empresa.

Lembran que Linorsa ten a concesión do servizo de limpeza de numerosos edificios públicos dependentes da Xunta de Galiza, concellos e numerosos centros escolares en toda Galiza. Desde o mes de decembro acumulaba unha débeda coas súas traballadoras polo impago dos salarios, unha situación que se ve agravada pola solicitude de concurso de acredores por parte da empresa e máis polo recente embargo de 1,5 millóns de euros por parte da Axencia Tributaria.