As traballadoras de limpeza da Xunta manteñen a súa loita pola igualdade salarial

Continuarán mobilizándose até rematar coa discriminación que sofren por ser mulleres

Compostela -

A práctica totalidade do persoal masculino do servizo de limpeza da Xunta ten recoñecida a categoría de peón especialista, á que accede ao transcorrer un tempo traballado na empresa. Porén, nin unha soa traballadora conta co recoñecemento desta categoría, a pesar de realizar un traballo semellante e levar tanto ou máis tempo no servizo. Elas tampouco teñen recoñecido o dereito a cobrar pluses que si cobran os seus compañeiros. Isto provoca unha evidente fenda salarial contra a que levan meses mobilizándose. Hoxe volveron saír á rúa e concentráronse diante da consellaría de Presidencia para reclamar o que é de xustiza: “A igual traballo, igual salario”.

Para as traballadoras é indignante que logo destes meses de mobilizacións Grupo Norte, a empresa concesionaria, non fora quen de dar unha solución á situación de discriminación salarial que padecen as mulleres que traballan nesta contrata. Mais tamén é indignante que non houbera unha reacción clara por parte da Xunta de Galiza, que é, lembran, a responsábel última desta concesión.

Sobre esta cuestión a presidenta do comité Amelia Sayáns denuncia a “hipocrisía” do vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, quen en sede parlamentaria chegou a afirmar que os dereitos laborais (equiparación) dos que goza na actualidade o persoal de limpeza da Xunta de Galiza foi grazas ao goberno galego cando “eses dereitos foron conquistados polas traballadoras e traballadores deste servizo logo dunha folga de case un mes que rematou tal día coma hoxe (31 de outubro) hai 18 anos”.

Pola súa banda o representante da CIG, Anxo Noceda, lembra que desde que comezaron as mobilizacións celebráronse 3 xuntanzas coa empresa que, en ningún momento, asumiu o recoñecemento do dereito das traballadoras a acceder a esa categoría profesional, subsanando así a situación de desigualdade que se arrastra desde hai anos.

Facilitar o acordo

Sinala que desde o comité mesmo se tratou de facilitar un acordo. Para iso, a última proposta que trasladou á empresa, a principios do mes de xullo, contemplaba o recoñecemento inmediato desa categoría profesional para todas as traballadoras con máis de seis anos de antigüidade, ou como mínimo con esta, de igual maneira que se viu facendo cos traballadores que entraban coa categoría de limpadores.

Canto ao aspecto económico, e tamén para facilitar os termos do acordo, a proposta incluía o establecemento de tramos para abonar a diferenza salarial entre ambas as dúas categorías de cara a acadar o 100% de igualdade salarial a partir do 1 de marzo de 2021.

Porén, malia as facilidades que se puxeron enriba da mesa para ir reducindo as desigualdades salariais e acabar así coa discriminación da que son obxecto as traballadoras, a empresa segue sen recoñecerlles ese dereito.

Aínda así, nin o desleixo da administración, nin a actitude “imprensentable” da empresa, que malia a denuncia pública mantén esta política de discriminación salarial, conseguiron desanimar a estas traballadoras que manteñen a súa loita semana tras semana. Loita que xa advertiron que continuarán até ver recoñecido o seu dereito á igualdade.

Volver