As traballadoras de limpeza da Xunta claman por “igual salario, a igual traballo”

Levan meses mobilizándose sen que nin a empresa nin a Xunta rematen coas discriminacións
Compostela - 18 Out 2018

Ao igual que cada xoves, desde o pasado mes de maio, as traballadoras da empresa concesionaria do servizo de limpeza da Xunta, Grupo Norte, mobilizáronse esta mañá para reclamar a “igual traballo, igual salario” e denunciar a discriminación que sofren polo feito de ser mulleres. Tal é así que os traballadores desta empresa, pasado un período de tempo, ascenden a peón especialista, unha categoría que porén, non ten ningunha das traballadoras recoñecida.

Esta negativa da empresa a recoñecerlles nin esa categoría superior, nin os pluses, provoca unha evidente brecha salarial que levan xa sete meses denunciando sen que a Xunta de Galiza, que é a responsábel da concesión, atenda as súas demandas.

Por iso denuncian o desinterese da administración galega que consideran que debería ser a primeira interesada en dar exemplo, obrigando a Grupo Norte a eliminar calquera clase de discriminación por razón de xénero.

A empresa non acepta nin ofrecéndolle facilidades

Desde que comezaron as mobilizacións celebráronse 3 xuntanzas coa empresa que, en ningún momento, asumiu o recoñecemento do dereito das traballadoras a acceder á categoría profesional subsanando a desigualdade que se arrastra desde hai anos.

A última proposta que se trasladou ao Grupo Norte, a principios do mes de xullo, contemplaba o recoñecemento inmediato desa categoría profesional para todas as traballadoras con máis de dous trienios de antigüidade, ou como mínimo con esta, de igual maneira que se viu facendo cos traballadores que entraban coa categoría de limpadores.

Canto ao aspecto económico, e para facilitar os termos do acordo, a proposta incluía o establecemento de tramos para abonar a diferenza salarial entre ambas as dúas categorías de cara a acadar o 100% de igualdade salarial a partir do 1 de marzo de 2021.

Porén, malia as facilidades que se puxeron enriba da mesa para ir reducindo as desigualdades salariais e acabar así coa discriminación da que son obxecto as traballadoras, a empresa segue sen recoñecerlles ese dereito.