As traballadoras de Inditex conmemorarán este domingo o aniversario da súa histórica loita

A CIG insta a multinacional a reabrir as negociacións para abordar as demandas que ficaron pendentes hai un ano
A Coruña - 03 Nov 2023

As delegadas da CIG en Inditex conmemorarán o próximo domingo, 5 de novembro, o inicio das mobilizacións históricas que levaron a mudar as relacións laborais das dependentas co xigante téxtil. Co gallo do primeiro aniversario, as traballadoras realizarán unha acción reivindicativa na Porta Real ás 12:00 horas, xa que este foi o lugar no que rematou a primeira manifestación realizada polas dependentas para exixir condicións salariais e laborais dignas.

As delegadas da CIG nas tendas explican que con esta acción queren reivindicar o valor dunha loita a través da que conseguiron unhas melloras salariais que satisfacían as demandas das traballadoras e que permitiron acurtar as enormes diferenzas retributivas que existían cos compañeiros e compañeiras doutras empresas do grupo coa mesma cualificación.

O impulso da loita iniciada na Coruña provocou que Inditex tivera que ampliar ao resto do Estado as mellores condicións salariais e as axudas sociais logradas aquí e das que até entón as dependentes non gozaban.

Pero ademais, a conmemoración deste aniversario coincide coa convocatoria trasladada pola CIG a Inditex para reabrir as negociacións  e abordar as demandas das traballadoras que quedaron pendentes hai un ano, relativas ás melloras sociais que xa ten recoñecidas o resto do persoal do grupo e incluso o persoal dalgunhas contratas de Inditex.

A intención da CIG é que estas negociacións se desenvolvan en Galiza, no ámbito máis próximo ás traballadoras. Porque, como sinalan as delegadas, "durante este ano comprobouse que o resultado das negociacións que a empresa trasladou a Madrid, tanto mediante a nova patronal ARTE, como a través do intento de excluír a CIG en negociacións que afectan as traballadoras de Galiza, constitúen en prexuízo para o persoal".

Non hai que esquecer que Inditex no seu momento pretendeu desactivar as mobilizacións iniciadas na Coruña asinando un acordo en Madrid con CCOO e UGT de condicións inferiores ás que conseguiron as traballadoras e agora pretende sortear as melloras introducias nos convenios provinciais promovendo a negociación do primeiro convenio estatal de  grandes cadeas comerciais do sector téxtil e do calzado (agrupadas na nova patronal ARTE).