As traballadoras das residencias intensifican a loita por un convenio digno

Nacional - 06 Mai 2025

As traballadoras das residencias privadas de maiores e dos centros de día seguen en loita por un convenio que dignifique as súas condicións laborais e salariais. Malia os abusivos servizos mínimos decretados pola Xunta para as xornadas de folga convocadas pola CIG, que nalgúns casos chegan ao cen por cen dos cadros de persoal, as traballadoras demostran unha firme capacidade de loita.

Para visibilizar as súas reivindicacións, centos de traballadoras participan nas mobilizacións convocadas pola CIG nas xornadas de folga, e incluso as traballadoras que están en servizos mínimos amosan o seu apoio aos paros con protestas espontáneas diante dos centros residenciais, aproveitando os tempos de descanso ou os cambios de quenda. 

Os paros continúan os días 7 e 21 de maio

Logo das dúas xornadas de folga de abril, da manifestación nacional realizada en Compostela e da protesta en Vigo con motivo dun acto co Presidente da Xunta e a Conselleira de Política Social, os paros continuarán os días 7 e 21 de maio. Unha resposta contundente ante o inmobilismo dunha patronal, encabezada por DomusVi, que ten secuestrada a negociación colectiva.

O sector das residencias privadas emprega en Galiza a unhas 14.000 persoas, a maioría mulleres, que desenvolven un traballo esencial e necesario en condicións precarias. Non obstante, desde o pasado mes de outubro a mesa de negociación non se reúne, impedindo deste xeito a patronal a mellora nas condicións retributivas e de traballo.

Por debaixo do SMI

O secretario de Negociación Colectiva da CIG-Servizos, Adolfo Naya, denuncia que a patronal “non quere ceder nin o mínimo, e como tal está mantendo o 60% das traballadoras de residencias por debaixo do salario mínimo interprofesional (SMI)”.

Ademais dun salario digno, as principais reivindicacións do colectivo refírense á redución da carga de traballo e da xornada laboral anual, á ampliación das coberturas das situacións de IT (xa que neste sector son habituais as baixas por problemas músculo-esqueléticos que non se recoñecen como enfermidades profesionais), medidas de conciliación que permitan compatibilizar a vida laboral e persoal ou que se compensen os festivos.

A Xunta, desaparecida

Naya critica a falta de resposta da Xunta de Galiza ante as demandas do sector, a pesar de que moitas residencias privadas xestionan prazas concertadas ou son centros públicos privatizados. “A Xunta ten que implicarse e deixar de lavar as mans diante dun sector tan importante. Non fai ningún control efectivo sobre as condicións laborais nin sobre a atención ás persoas usuarias, permitindo que multinacionais e fondos voitre prioricen os beneficios económicos por riba do benestar das persoas”, engade. 

Unha das demandas básicas pasa pola mellora das ratios de persoal para atender adecuadamente as persoas usuarias

Neste senso, lembra que unha das demandas básicas pasa pola mellora das ratios de persoal para atender adecuadamente as persoas usuarias e rexeita a decisión da Consellaría de Política Social de eliminar a obrigatoriedade de contar coa presenza física de persoal de enfermaría as 24 horas.

Precisamente, un dos problemas máis graves rexistrados nas residencias durante a colapso do sistema eléctrico do pasado 28 de abril foi a falta do persoal de enfermaría na quenda de noite. “Isto supuxo menos persoal para atender as necesidades asistenciais e sobre todo que non se contaba con persoal formado para programar os respiradores ou controlar a alimentación por sonda”, advirte Naya.

Outras das cuestións que denuncian as traballadoras son os problemas derivados da decisión da Xunta de Galiza de ingresar persoas con doenzas psiquiátricas en residencias de maiores, cando “nin o persoal está formado para atender este perfil de usuarios/as, nin os tratamentos que se lles teñen que aplicar están validados, nin os centros están adaptados ás súas necesidades”.

Neste contexto, as traballadoras son conscientes que só a través da loita e da mobilización conseguirán mellorar os seus dereitos e avanzar no camiño da equiparación coas condicións que xa ten o persoal das residencias públicas de xestión directa.