As traballadoras da limpeza cumpren un mes en loita por un convenio digno

Lugo - 17 Nov 2023

As traballadoras da limpeza xa cumpriron mes en loita coa mesma disposición que o primeiro día a pelexar polo seu convenio colectivo pero, se cadra, con máis forza ante o menosprezo dunha patronal que lles nega o dereito a ter un salario e unhas condicións laborais dignas. Nin a choiva, nin o vento, nin o frío arredan a estas bravas loitadoras que cada día saen ás rúas para visibilizar un conflito que, malia o carácter esencial desta actividade, pasa desapercibido para os medios de comunicación.

O silencio mediático rómpeno elas co son seus chifres, as bocinas, os tamboriles e as diversas cancións que inventan, enchendo de reivindicación os lugares polos que pasan, un día tras outro, dende hai máis dun mes. Ruadas, concentracións, manifestacións, visitas a edificios públicos, oficinas bancarias, centros comerciais e reunións con representanes das distintas administracións que teñen os servizos de limpeza externalizados son algunhas das actividades que están a realizar estas loitadoras incansábeis.

Enfrontan deste xeito na rúa o secuestro no que a patronal estatal, ASPEL, mantén a negociación colectiva a causa das súas propostas de miseria e das tentativas de recortar os dereitos xa recoñecidos no convenio.

Porque a patronal española, que agrupa ás grandes empresas do sector que gañan millonarios beneficios, puxo enriba da mesa unha oferta que significaría seguir deixando as táboas salariais do convenio por debaixo do SMI, prorrogar esta miseria até 2026 e ademais que cada traballadora teña unha perda de 184 euros  por cada trienio até ese ano.

O próximo luns, día 20, está convocada reunión da comisión negociadora (a segunda dende que se iniciou a folga) e con tal motivo, o persoal realizará unha concentración ás 11:00 horas, diante da sede da CEL. Pero nin as traballadoras nin a CIG agardan avances dado o inmobilismo da patronal e as súas pretensións de consolidar a pobreza salarial e a precariedade no sector.  Unhas pretensións que se evidencian tamén nas mesas de negociación abertas en Pontevedra e Ourense, provincias nas que as traballadoras xa comezaron a mobilizarse para reclamar condicións xustas e a onde podería estenderse a conflititividade que hoxe se vive en Lugo.

Incrementos asumíbeis para unhas empresas con millonarios beneficios

Os incrementos que demandan as traballadoras son totalmente asumíbeis por parte de empresas como Eulen, Clece, FFC, Acciona ou Ingesan  que acumulan millonarios beneficios e que nos últimos anos se fixeron coas adxudicacións máis importantes dos contratos públicos ante o desleixo das administracións, que miran para outro lado diante dos abusos desta patronal avarenta.

Por iso, a CIG reclama a intervención das administracións neste conflito para garantir que, nun momento tan grave de carestía da vida, as traballadoras que realizan o servizo da limpeza deixen de estar nunhas condicións salarias de indignidade. As administracións públicas non poden calar ante as pretensións dunha patronal que engorda os seus beneficios con contratos públicos de manter unhas táboas por debaixo do SMI, nun sector feminizado, no que a parcialidade e os baixos soldos son evidentes.

Así llo traslaron na xuntanza coa alcaldesa de Lugo ou na que tiveron esta mañá co responsábel de contratación de Atención Primaria da EOXI, xa que os centros de saúde tamén están afectados pola folga. Pola tarde, a representación do persoal manterá un encontro coas deputadas e deputados do BNG no Parlamento galego, para informar dos motivos do conflito e pedirlles iniciativas en defensa dos seus dereitos.

Encontro Nacional de Mulleres da CIG en Lugo

A CIG reitera o seu total apoio ás traballadoras da limpeza en folga porque a súa loita é a loita de toda a central sindical. Pero tamén é unha maneira de reivindicar a loita das mulleres. Por iso, o próximo 22 de novembro, celebrarase en Lugo o Encontro Nacional de Mulleres que estaba previsto facer en Santiago de Compostela.

Nesta xuntanza abordarase a campaña e as accións do sindicato arredor do 25 de novembro, Día Internacional para a eliminación da violencia contra as mulleres. E neste sentido, hai que subliñar que ter un convenio colectivo cunhas condicións laborais de absoluta precariedade marcado polo alto índice de parcialidade na xornada, salarios baixos e no que o 95% do persoal somos mulleres, tamén é violencia contra as mulleres.