As rúas de Vigo acollen este sábado unha romaría reivindicativa en defensa da sanidade pública

A xornada incluirá actuacións músicais, comida, xogos populares e unha manifestación

Vigo -

A xunta de persoal do Complexo Hospitalario Universitario de Vigo (Chuvi) e a plataforma SOS Sanidade Pública organizan este sábado unha romaría reivindicativa nas inmediacións do hospital Xeral en defensa da sanidade pública. A xornada, que coincidirá co primeiro aniversario da masiva manifestación celebrada na cidade o 3 de setembro de 2015, incluirá actuacións músicais, unha ruta de tapas e comida, xogos populares e unha manifestación.

Os organizadores da romaría reivindicativa explican que decidiron celebrar este sábado día 3 "un día de loita pola sanidade pública" para conmemorar o aniversario da multitudinaria marcha polas rúas da cidade na que participaron máis de 200.000 persoas “en defensa da nosa sanidade pública”.

Ademais, está previsto que este mes os tribunais europeos ditaminen sobre a reclamación da Asociación para a Defensa da Sanidade Pública co apoio da xunta de persoal e SOS Sanidade Pública diante da Comisión Europea. “Un fallo favorábel achegaría un posíbel rescate do hospital Álvaro Cunqueiro para a sanidade pública, así como dos demais centros sanitarios”.

 O programa da xornada iniciarase ao mediodía cunha manifestación polo contorno do Xeral e unha hora despois comezarán as actuacións musicais. Sobre as 14.00 horas terá lugar a ruta da tapa e da comida, mentres que ás 16.00 horas volverá a música e os xogos populares, que se prolongarán até as 19.00 horas.

PROGRAMACIÓN:

9.00-11.30 horas: Montaxe infraestruturas (rúa Padre Feijóo): postos de comida, barras, inchables, etc.

11.00-12.30 horas : Montaxe tarima e equipo de son.

12.00 horas : Manifestación.

12.45 horas: Proba de son de Sondaki.

13.00-14:00 horas: Actuación de Sondaki.

14.15-14.30 horas: Proba de son de Eladio.

14.30-15.00 horas: Actuación de Eladio.

15.15-16.30 horas: Música tradicional e animación fóra do escenario.

16.30 a 17.00 horas: Montaxe e proba de Ben sen medo.

17.00-17.50 horas : Actuación de Ben sen medo.

17.50-18.00 horas: Proba de micro voces poesía.

18.00-18.30 horas: Poesía.

Volver