As raíces políticas da desigualdade no mundo

Isidro Esnaola - 17 Dec 2025

O informe sobre a desigualdade global lembra que a fenda entre ricos e pobres segue a agrandarse. A principal novidade é que o estudo analiza tamén outras variábeis, como o xénero ou a estrutura de clases, e mostra así que a desigualdade é o resultado de relacións de poder concretas

 Nun mundo no que a fenda entre ricos e pobres segue a ampliarse, a loita contra a desigualdade convértese nunha cuestión central. O Laboratorio de Desigualdade Mundial (World Inequality Lab) dependente da Escola de Economía de París, acaba de publicar o seu terceiro informe sobre desigualdade global. 

 A principal novidade é que analiza outras dimensións da pobreza máis aló da renda e o patrimonio. Introduce nas análises variábeis como o cambio climático, o xénero ou o impacto do sistema financeiro, de xeito que a desigualdade non aparece como consecuencia da acción do mercado, que premia os gañadores e castiga os perdedores, senón que se mostra como o resultado de decisións políticas e institucionais.

Renda e riqueza

 A desigualdade na distribución da renda segue a ser a maneira de presentación do mundo actual. O 10% máis rico acapara o 53% do ingreso global, máis da metade, mentres que o 90% da poboación restante recibe unicamente o 47%; e a metade da poboación con menores ingresos apenas recibe o 10% da renda mundial.

 A riqueza está aínda máis concentrada que a renda. O 10% máis rico controla tres cuartas partes da riqueza. Doutra banda, a metade da poboación máis pobre apenas controla o 2% do total. En definitiva, o 50% da poboación do mundo apenas recibe o 10% do ingreso e posúe unicamente o 2% da riqueza. Unha proporción escandalosa.

 Neste aspecto, o máis preocupante é que, se en 1995 a riqueza dos millonarios crecía a un ritmo do 4% anual, na actualidade a súa riqueza aumenta a unha velocidade do 6% anual. Os ricos acumulan patrimonio moito máis rápido que a velocidade á que crece a economía, e, por tanto, o ingreso.

Cambio climático

 O informe parte de que a xente ten unha capacidade limitada para alterar o seu consumo, por iso é polo que considera interesante estudar a achega da produción á que atribúe o 60% das emisións. Pois ben, o 10% máis rico é responsábel do 77% das emisións; a metade máis pobre da poboación, doutra banda, causa só o 3% do total.

 Estes datos mostran que a propiedade do capital está moi concentrada, e con ela as decisións sobre investimentos, o que en moitas ocasións é un freo para transformar o modelo produtivo que xera esas emisións. A desigualdade converteuse nun factor que dificulta a loita contra o cambio climático.

 Esa desigualdade reprodúcese entre países. As rexións que menos emiten son poboacións con baixos ingresos, con todo, son as máis expostas ás crises climáticas, ao careceren de recursos para amortecer os seus efectos. Dáse, por tanto, unha responsabilidade desigual na crise climática, e ao mesmo tempo, unha exposición ao risco moi diferente. En definitiva, a desigualdade no ingreso alimenta a desigualdade climática.

Desigualdade de xénero

 O informe parte de que esta desigualdade está arraigada nas estruturas da vida cotiá e determina que traballo se recoñece, que contribucións se recompensan e que oportunidades se limitan. E estas decisións son as que definen a fenda de desigualdade entre homes e mulleres.

 As mulleres gañan o 61% do que gañan os homes por hora de traballo, pero se se inclúe o traballo non remunerado, a distancia multiplícase: os ingresos das mulleres redúcense case á metade, o 32%. A desigualdade de xénero «non é só unha cuestión de xustiza, senón tamén unha ineficiencia estrutural. Aquelas economías que minusvalorizan a metade da poboación socavan a súa capacidade de crecemento», conclúe o informe.

Desigualdade entre rexións

 O informe subliña o enorme contraste entre rexións. Unha persoa de América do Norte gaña de media unhas trece veces máis que alguén que vive no África Sub-Sahariana. Unha desigualdade que se reproduce no interior dos países, coa particularidade de que as rexións empobrecidas son as máis desiguais. No Estado francés, por exemplo, o 10% máis rico gaña 17 veces máis que o 50% máis pobre; en Brasil esa diferenza é de 65 veces.

 Esa distancia ten un impacto directo no que a informe chama o acceso ao capital humano, é dicir, á educación e a sanidade. A diferenza no gasto chega a ser dunha proporción de 40 a un, maior que a distancia que existe no PIB per capita entre os países. A desigualdade na repartición da riqueza perpetúa a falta de oportunidades e constrinxe as posibilidades de desenvolvemento de millóns de mozos e mozas, e en consecuencia dos seus países.

Desigualdade causada polo sistema financeiro

 Non é habitual incluír o impacto da arquitectura financeira internacional na desigualdade. O informe constata que os países que emiten moedas que se consideran seguras poden endebedarse cun custo menor e prestar a taxas máis altas. O resultado é que atraen o aforro mundial, mentres que para os países empobrecidos do sur a situación é a contraria: as débedas son moito máis custosas, os seus activos dan pouco rendemento, o que provoca unha constante fuga de capitais.

 O estudo valora o impacto desa diferenza e taxa o beneficio no 6% do PIB para Xapón, o 2,2% para os EUA e o 1% para a UE. Pola contra, os países que conforman os BRICS soportan unha carga negativa que anda polo 2,1%.

 Esta transferencia é o resultado dun deseño que beneficia os países ricos. Os centros financeiros, as moedas de reserva e os activos «seguros» forman parte desta andamiaxe financeira que extrae riqueza da mesma forma que as potencias coloniais extraían materias primas dos países do sur.

Algunhas conclusións políticas

 O informe sinala que a expansión na educación, sobre todo nos países con maiores ingresos, engadiu complexidade á estrutura de clases, onde se combinan títulos superiores con ingresos relativamente baixos, con outros grupos onde os ingresos son relativamente altos, aínda que non teñan título. Tamén apunta que a crecente división entre a contorna urbana e a rural fracturou a cohesión social e o resultado é que a clase traballadora está fragmentada en partidos de ambos os lados do espectro político, o que «limita a súa influencia política e afianza a desigualdade».

 O estudo salienta que a fragmentación da clase traballadora erosiona os alicerces políticos para abordar a desigualdade. Ademais, apunta que a crecente concentración da riqueza incrementa a influencia política dos poderosos e, con ela, agrávase a desigualdade.

 Os autores conclúen que para reconstruír coalicións redistributivas como as da posguerra é necesario deseñar plataformas políticas ambiciosas que beneficien a todos os territorios. Tamén apuntan a necesidade de modificar as normas sobre financiamento de campañas e o deseño institucional para reducir a desmesurada influencia da riqueza nos procesos electorais.

Orientacións públicas

 O informe recolle algunhas propostas para mitigar a desigualdade. Subliñan a importancia do investimento público en educación e saúde, dirixida sobre todo a reducir a desigualdade nas primeiras etapas da vida e fomentar as oportunidades de aprendizaxe.

 Salientan o alcance dos programas redistributivos que inclúen as pensións, as prestacións por desemprego e as axudas aos fogares vulnerábeis. Así mesmo, salientan o valor para a igualdade do desmantelamento das barreiras estruturais que determinan a valoración e distribución do traballo.

 Propoñen, así mesmo, combinar subvencións climáticas cunha fiscalidade progresiva. En fiscalidade recollen a proposta que o equipo de Gabriel Zucman fixo ao G20 para estabelecer un imposto aos milmillonarios que podería recadar entre o 0,45% e o 1,11% do PIB mundial.

 As propostas no ámbito internacional para loitar contra a desigualdade son moito menos precisas.

 

[Artigo tirado do sitio web vasco Naiz, do 14 de decembro de 2025]