As persoas traballadoras de Maitours logran que a empresa lles aplique o convenio provincial

Ferrol - 20 Dec 2024

Dende o 1 de decembro os traballadores e as traballadoras de Maitours están cobrando polas táboas do convenio provincial do transporte de viaxeiros/as por estrada. Chegar a un acordo e dobregar a negativa de Alsa (propietaria da empresa) a atender as demandas sociais só foi posíbel grazas á durísima loita sostida polo persoal e á súa exemplar capacidade de resistencia.

Foron máis de catro meses en folga indefinida pelexando contra o inmobilismo patronal, o abandono das administracións, a lentitude da Inspección de Traballo, o boicot da Xunta á folga impondo uns servizos mínimos desproporcionados e o pasotismo do Concello de Ferrol, malia o impacto do conflito na prestación do servizo de autobuses metropolitano. 

Foron máis de catro meses en folga indefinida pelexando contra o inmobilismo patronal, o abandono das administracións, a lentitude da Inspección de Traballo e o boicot da Xunta

Agora, o acordo asinado, que recoñece tamén o pagamento da antigüidade recollida no convenio do sector, supón rematar coa discriminación que viñan padecendo os traballadores e traballadoras de Maitours aos que se lles aplicaba o convenio da extinta Tranvías de Ferrol, de condicións moi inferiores ao marco provincial.

O responsábel de Transportes da FGAMT-CIG, Xesús Pastoriza, pon en valor a loita destes compañeiros e compañeiras, que tiveron que ir aos xulgados e iniciar un longo conflito para lograr algo tan básico como “que a empresa cumpra coa legalidade”. Hai que lembrar que o ET estabelece que un convenio de empresa non pode ter salarios por debaixo do convenio sectorial de referencia.

Por iso, Pastoriza tamén apunta á irresponsabilidade das administracións, nomeadamente a Xunta, á hora de garantir os dereitos da clase obreira, máis aínda no caso dunha empresa como Alsa que ten adxudicado un contrato para a prestación dun servizo público e que se negou durante meses a sentar sequera a negociar. Pastoriza matiza que, en todo caso, a sinatura do acordo non supón a renuncia do persoal a continuar coas súas lexítimas reclamacións na vía xudicial.

Convenios “aquí e non en Madrid”

Delegados e delegadas do sector da Construción iniciaron mobilizacións diante da sede da Federación Galega de Construción (FEGACONS) para exixirlle á patronal a negociación dos convenios en Galiza. Agora mesmo os convenios están suxeitos ao ditame de Madrid e ao que negocien tanto a patronal madrileña como os sindicatos estatais, CCOO e UGT. Un marco que lamina a capacidade de presión das traballadoras e traballadores para conseguir unhas mellores condicións laborais.

A CIG-Construción defende que o convenio galego prevaleza sobre o estatal, un dereito recoñecido tras do recente cambio lexislativo aprobado no Congreso, segundo o que os sindicatos e asociacións empresariais que reúnan os requisitos de lexitimación “poderán negociar convenios colectivos e acordos interprofesionais de comunidade autónoma”.

A federación de Construción exixe ese recoñecemento para que non volva acontecer o que ocorreu co convenio de Pontevedra, no que se melloraban as condicións respecto do estatal mais que a patronal estatal botou abaixo amparándose en que son materias reservadas.

Convenio de Químicas

No mesmo sentido, delegados e delegadas do sector de Químicas concentráronse tamén diante da Confederación de Empresarios de Galiza (CEG) para solicitar unha xuntanza coa representación da Federación Empresarial Galega da Industria Química, co fin de explorar a posibilidade de iniciar a negociación dun acordo galego, dándolle prioridade aplicativa.

O convenio estatal da Industria Química foi asinado en novembro por FEIQUE e CCOO, a tres anos, cun incremento salarial do 3% para cada ano, sen cláusula de revisión do IPC real, e nin sequera avanza na redución de xornada.

A sinatura produciuse sen confrontación de ningún tipo coa patronal e de costas ao conxunto das traballadoras e traballadores. Nun convenio negociado en Galiza a CIG pularía polo conflito porque sen a loita, nin a participación directa das traballadoras e traballadores, non hai mellora das condicións laborais.