As organizacións sindicais demandan ao SERGAS unha solución inmediata para os PACs

Consideran irresponsable prolongar o conflito e cualifican de “incompetente” a xestión dos Recursos Humanos
Nacional - 27 Set 2018

As organizacións Sindicais con representación na Mesa Sectorial CIG, CCOO, UGT, O’MEGA, CSI-F e SATSE veñen de manifestar a súa preocupación pola situación que se está a vivir nos Puntos de Atención Continuada (PACs) e que está sendo obxecto de negociación nunha Comisión Técnica da Mesa Sectorial.

“Na última reunión desa Comisión Técnica, celebrada o 21 de setembro de 2018, o SERGAS perdeu unha oportunidade importante para clarificar aspectos que levan varios meses a ser debatidos sen chegar a ningún acordo, entre eles o xeito de computar a xornada ordinaria (obrigatoria) e a complementaria (voluntaria) e como afectan a ese cómputo os permisos e as situacións de IT do persoal. A ordenación da xornada é fundamental para poder garantir a calidade asistencial nun dispositivo básico que ten que ofrecer atención continuada ás urxencias e emerxencias que se producen en calquera punto do noso territorio.

A irresponsabilidade da dirección do SERGAS, prolongando a solución deste conflito, non fai máis que poñer de manifesto a súa  incapacidade para facer fronte aos desafíos asistenciais que temos por diante, uns relacionados coa nosa demografía e outros ocasionados pola xestión incompetente dos recursos humanos.

As organizacións Sindicais con representación na Mesa Sectorial esiximos unha resposta inmediata ás reivindicacións que levan sobre a mesa máis de seis meses para poder poñer as bases que permitan garantir unha asistencia sanitaria de calidade”.