As mulleres non somos cousas. Tampouco patrimonio de ninguén

Margarida Corral Sánchez - 15 Nov 2017

É preciso afastar do imaxinario colectivo estereotipos que sacralizan a imaxe das mulleres como obxectos que hai que protexer. Somos donas do noso propio destino, non somos patrimonio de ninguén, nin dos homes, nin da Xunta de Galiza, nin do capital

Sen palabras. Atropeladamente saen da miña boca palabras que definen a carraxe, a indignación e a fartura que me produce un novo caso de machismo institucional. Teño diante de min a campaña impulsada pola Secretaría Xeral de Igualdade da Xunta de Galiza, con motivo do Día internacional para a eliminación da violencia contra as mulleres. Na publicidade saen tres mulleres, unha delas moza, unha de mediana idade e unha muller maior (por iso de representar todo o ciclo reprodutivo das mulleres, esquecendo as crianzas como vítimas da violencia) cun xesto entre serio e desafiante, rodeadas de monumentos representativos de cada unha das provincias do noso país, acompañadas do lema: “o máis grande de Galicia non se maltrata, dándolle continuidade ao lema empregado na campaña con motivo do 8 de Marzo (“As mulleres: o máis grande de Galicia”), mais desta vez, prescindindo do suxeito.

 A campaña vai na mesma liña de anos anteriores: centrada na “grandeza” das mulleres, como eixo fundamental da sociedade galega. No ano 2012, a Secretaría Xeral da Igualdade escollera o lema: “Sen mulleres non hai Galicia” con motivo do 8 de Marzo, para ilustrar a mulleres e nenas sostendo o teito, baixo o sublema de: “En Galicia somos 1.445.831 mulleres, e todas somos pilar”. Sen importarlles cometer un erro gramatical ao confundir “pilar” con “piar”, nun exemplo de desleixo cara ao noso idioma, e ao tempo, representando as mulleres como centro da sociedade galega, mais esquecéndoas na aplicación das súas políticas, precisamente no ano no que as galegas participamos de xeito masivo en dúas folgas xerais contra os recortes no gasto público, contra as reformas laborais e das pensións, e contra leis retrógradas aprobadas no Parlamento galego como a Lei de familia, que cousificaba as mulleres e pretendía devolvelas ao seu rol tradicional de nai/coidadora do fogar, coincidindo co anuncio de derrogación da lei do aborto por parte do PP no Congreso.

 Este exercicio de hipocrisía, foi parabenizado por parte de publicistas españois, obtendo a axencia Bap&Conde, o premio de “Mellor Produción Publicitaria” da VI Edición do Publifestival, Festival Internacional de Publicidade Social, amosando, deste xeito, unha inexistente formación en perspectiva de xénero por parte dunha axencia acostumada a empregar estereotipos nas súas campañas, tal e como vén facendo ano tras ano coa campaña de GADIS “Vivamos como galegos”, simplificando o discurso sobre a identidade galega, banalizándoa, estereotipándoa e explotándoa con fins comerciais.

 Neste caso, continúan co filón “identitario” introducindo na composición (como fixeron en entregas anteriores) monumentos que representan as catro provincias galegas. Escollen na súa analoxía a coruñesa Torre de Hércules, a muralla de Lugo, a ponte vella de Ourense e a fachada da igrexa Peregrina en Pontevedra, sumando a esta simbólica representación as cidades de Santiago (empregando, unha vez máis, a imaxe da Catedral de Santiago) e Vigo (elixindo, por certo, o monumento ao traballo, situado en Gran Vía, composto en exclusiva por figuras masculinas). Introducen, unha vez máis, símbolos patriarcais como os relixiosos, como emblema do país, para facer unha analoxía coas mulleres e o rol que representamos na sociedade.

 Recrean unha falsa sublimación das mulleres que non é acorde con denominarnos en terceira persoa. As mulleres deixamos de ser o suxeito da oración para pasar a ser obxectos: “o máis grande de Galicia”, continúa a frase con “non se maltrata”, de novo unha terceira persoa sen atribuírlle a autoría. Quen maltrata? A quen? Nada se di do causante da violencia e do “maltrato”. Por que non afondan nas causas da violencia machista e poñen o foco nos verdadeiros suxeitos que causan a violencia?

 As mulleres non queremos un falso recoñecemento. Non somos máis ca ninguén. O que solicitamos é exercermos os nosos dereitos como cidadás, vivirmos sen violencia, sen padecer abusos, discriminacións polo simple feito de sermos mulleres. Mais para iso é preciso afastar do imaxinario colectivo estereotipos que sacralizan a imaxe das mulleres como obxectos que hai que protexer. Somos donas do noso propio destino, non somos patrimonio de ninguén, nin dos homes, nin da Xunta de Galiza, nin do capital.

 A violencia contra as mulleres é froito dun sistema económico, político e social baseado na dominación. O patriarcado exerce a violencia contra todas e cada unha de nós en todas as circunstancias da vida: en tempos de paz e de guerra, dentro do fogar, nas rúas, no lugar de traballo, no ocio, no ámbito privado e no público. Reducirnos a posesións, a obxectos, é a mellor demostración de que para o goberno do Partido Popular as mulleres non importamos nada.

 

(14 de outubro de 2017)