Compañeiras:
Un novo 8 de marzo saímos ás rúas para manifestar que non temos nada que celebrar. Saímos para proclamar os nosos motivos para un 8 de Marzo combativo, como foron para as mulleres da CIG os 364 días restantes do ano. Porque para nós o 8 de marzo é un ponto e seguido na loita polos nosos dereitos como mulleres, como traballadoras e como galegas.
Co lema A CRISE NON A IMOS PAGAR AS TRABALLADORAS, queremos pór de manifesto que, co pretexto da crise, se están empeorando as nosas condicións de vida a través dunha subida inxustificábel dos prezos de productos e servizos básicos -alimentación, enerxía, hipotecas- inasumíbeis cuns salarios que xa non permiten manter unha vida digna. Sabede que máis do 40% das traballadoras galegas teñen salarios inferiores ao SMI.
A fenda salarial presenta en toda a nosa vida laboral, é indicativa de moitas outras desigualdades, é a mostra de que o traballo das mulleres está minusvalorado.Precisamente, son os sectores máis feminizados os que contan con salarios máis baixos. Asi, a rama de actividade coa maior fenda de xénero é a de “outros servizos persoais e de ocio”, cunha presenza de mulleres do 58,7%, e unha fenda do 29%. Os ingresos medios nesta rama de actividade apenas superan a metade do SMI.
Na mocidade, cando a formación das mulleres supera notabelmente a dos seus compañeiros, a fenda salarial xa acada o 11% de media. A precariedade laboral é especialmente grave no colectivo de mozas, con grandes dificuldades para o acceso ao traballo remunerado en condicións dignas, o que obriga a moitas a emigrar.
A un ano da aprobación da reforma laboral do goberno PSOE-PODEMOS, constatamos que a falta de perspectiva de xénero desta, agrava a precarización das condicións laborais sobre todo das mulleres. Segue aumentando a contratación a xornada parcial e no ano 2022 o 77% das persoas traballadoras con contrato a xornada parcial son mulleres.Tamén o desemprego nos afecta en maior medida, sendo o16,6% superior nas mulleres, en xaneiro deste ano máis do 77% das persoas que pasaron ao desemprego foron mulleres.
Mais o efecto máis salientábel e pernicioso desta reforma é que substitúe a contratación temporal pola fixa-descontinua. Esta modalidade, que estaba limitada a situacións moi concretas, estase a ampliar a todos os sectores e estase a practicar polas ETTs, de forma que aumentou en máis dun 800% no caso das mulleres. Baixo a denominación de fixo-descontinuo enmascárase a contratación máis precaria, de forma que as traballadoras nunca saben cando van ser chamadas nin por canto tempo, o que fai imposíbel calquera planificación ou organización da conciliación ou da vida en xeral.
Outro motivo para un 8 de Marzo combativo son os recortes nos servizos públicos. Estes recortes inciden moi negativamente nas nosas vidas ao nos facer máis difícil a conciliación e deixarnos desprotexidas no dereito á saúde, á educación, aos coidados, etc. Queremos denunciar que o goberno da Xunta practica con determinación e aleivosía a deterioración dos servizos públicos perseguindo o seu exterminio para favorecer a privatización e o negocio lucrativo de empresas amigas. Queremos denunciar neste 8 de Marzo, día en que os responsábeis políticos deste ataque aos servizos públicos fan bonitas declaración pola igualdade, que a Xunta é a maior empresa de traballo temporal do País e as traballadoras do SERGAS as que máis padecen este abuso.
Unha vez máis reiteramos que a valoración social dos traballos de coidados é indispensábel para o avance dos dereitos das mulleres e que este recoñecemento pasa por unhas condicións laborais e salariais dignas. Por outra parte, cómpre que os coidados a persoas idosas e a dependentes se conciban como unha prestación pública, universal e gratuíta, entre outras cousas, porque son indespensábeis para que as mulleres poidamos desempeñar un traballo en igualdade de condicións e non nos vexamos forzadas á redución de xornada ou mesmo a abandonar o posto de traballo por ter que nos facer cargo de crianzas, anciáns e dependentes.
Peores salarios, xornadas a tempo parcial, saída do traballlo remunerado para atender as necesidades de coidados, son causa de que as nosas xubilacións sexan moi inferiores. Como consecuencia, a día de hoxe a diferenza entre a pensión dunha galega e a dun galego é de case 400 euros mensuais, superando xa a fenda de xénero nas pensións o 34%.
Compañeiras, se xa tiñamos claro que a fenda nas pensións vai seguir aí de non se corrixiren as desigualdades no mundo do traballo, coa nova reforma das pensións tal como se anuncia, agrandarase aínda máis, ao aumentar de 25 a 30 anos o tempo de cálculo. O que persegue a ampliación do período de cálculo é rebaixar as contías das pensións. Este era o obxectivo tamén da reforma aprobada en 2011, cando o PSOE, co aval de CCOO e UGT, atrasou a idade de xubilación aos 67 anos e ampliou o período de cálculo dos 15 aos 25 anos. Hai unha estratexia deseñada que nada ten a ver cos fondos da caixa das pensións, senón que está pensada para derivar a capacidade de aforro á contratación de plans privados. É fundamental defender unhas pensións públicas dignas, pois de aprobarse esta reforma, a maior parte das traballadoras estarán condenadas a sobrevivir con pensións miserentas xa que os salarios da maioría non chegarán para poder pagar un plan de pensións.
As mulleres demostramos nas celebracións do 8 de Marzo dos últimos anos que temos conciencia da nosa discriminación. De aí que os conflitos laborais protagonizados por mulleres neste último ano cobrasen tal importancia que mesmo nos situou na vangarda a nível internacional. A través das mobilizacións e folgas conseguimos avances notábeis en sectores moi feminizados como o SAF, a Conserva, as tendas de Inditex… As compañeiras que protagonizaron estes conflitos mostraron que non non hai lugar para a resignación, que ESTA CRISE NON A IMOS PAGAR AS TRABALLADORAS.
Por nós, polas que nos precederon e polas que virán, seguiremos loitando para conseguir os nosos dereitos como mulleres, como traballadoras e como galegas.