As mobilizacións na ESAD comezan a dar froitos: Educación acepta parte das demandas

CIG-Ensino destaca o esforzo e a combatividade do profesorado e o alumnado para frear os recortes

Vigo -

Despois de tres días de folga e concentracións en Vigo, Pontevedra e Compostela, convocadas e apoiadas en todo momento pola CIG-Ensino, a Xefatura Territorial de Educación rectifica e vén de aceptar algunhas das demandas do profesorado e alumnado da Escola Superior de Arte Dramática (ESAD). Segundo explican dende CIG-Ensino, nunha reunión celebrada o pasado venres entre a dirección do centro e unha delegación da Inspección Educativa acadáronse tres importantes compromisos:

1.-  Revisar o cadro de persoal do centro e incrementalo nunha praza e media. Unha de Dramaturxia e media de Espazo Escénico. Isto supón a restitución da metade do profesorado que fora eliminado neste curso.

2.-Recoñecer as titorías docentes dentro do horario lectivo do profesorado cun mínimo de 3 horas. Na Escola xa viñan aplicando esa figura desde 2012 por mor da entrada no Espazo Europeo de Educación Superior, pois o crédito ECTS contempla non só a docencia directa, senón tamén as actividades académicas complementarias, como titorías, que son especialmente necesarias na Educación Superior.

3.-Relevar e substituír o inspector do centro con carácter inmediato, con data de 1 de outubro. Cambio que cualifican de "elemento fundamental" para favorecer a convivencia entre a a comunidade educativa da ESAD e a administración educativa.

Combatividade do profesorado e alumnado

Dende a CIG-Ensino subliñan que aínda non se acadaron todos os obxectivos demandados, nomeadamente a recuperación da totalidade do profesorado, "mais temos que felicitarnos polo esforzo, a afouteza e a combatividade do profesorado e alumnado da ESAD".

Entre os asuntos pendentes atópase a recuperación ao completo do cadro de persoal necesario e demandado polo centro ou a adscrición á Universidade das Ensinanzas Artísticas Superiores. Por iso, dende a CIG advirten que "imos ter ben presentes estas cuestións e estaremos vixiantes co que aconteza nesta escola".

Contra os recortes, mobilización

Para a central sindical este conflito evidencia que, fronte ao desleixo, sempre é preferíbel a loita e a mobilización. A negativa a negociar e a escasa empatía e preocupación demostrada dende os diferentes niveis de responsabilidade  -Inspección e a Xefatura Territorial, os servizos centrais e o anterior conselleiro-, "levounos a un conflito do que o profesorado e a CIG-Ensino saímos coa convicción que, malia non conseguir todos os nosos obxectivos, si demos un paso adiante fundamental na defensa dos dereitos do profesorado do centro e da calidade das ensinanzas de arte dramática no país".

A este respecto, engaden que "somos consciente de que o esforzo destas semanas, xunto con outros conflitos como o do IES de Brión, son o camiño a seguir fronte ás políticas de recortes da Consellaría de Educación e nesa loita sempre estará a CIG-Ensino".

Volver