As loitas do SAF de Ponteareas e do transporte da Coruña, Premios 8 e 10 de Marzo
A CIG celebrou o 13 de marzo en Compostela o acto de entrega dos Premios 8 e 10 de Marzo, cos que quere recoñecer as loitas recentes máis significativas para a clase obreira galega. Nesta ocasión, o Premio 8 de Marzo foi para as traballadoras do SAF de Ponteareas, que durante 68 días sostiveron unha folga en defensa dos seus dereitos e por unha atención digna ás persoas usuarias.
O Premio 10 de Marzo foi para o persoal do transporte de viaxeiros/as da provincia da Coruña pola súa loita en demanda dun convenio colectivo xusto. O conflito demostrou a capacidade de mobilización, organización e resistencia fronte a unha patronal que secuestrou a negociación colectiva e recorreu a todo tipo de manobras para impoñer un acordo que o persoal rexeitou con absoluta contundencia.
Ademais, fíxose unha mención especial ás mobilizacións protagonizadas polas persoas traballadoras da compañía pontevedresa do sector da automoción Aludec contra a precariedade laboral e para reivindicar convenios colectivos xustos.