As humidades volven aos xulgados de Corcubión

Corcubión -

Cada certo tempo, nos xulgados de Corcubión rexístranse fugas de auga ocasionadas pola roturas de tubaxes dos pisos superiores e incluso algunha vez o persoal tivo que baldear auga con caldeiros do xulgado número 1 e dos corredores. Mais nesta ocasión, as humidades que apareceron nas paredes dunha oficina non están causadas por fugas, senón que dende CIG-Xustiza temen que se trate de filtracións procedentes das terrazas e da fachada do edificio, o cal agravaría os problemas estruturais do inmóbel.

Nas imaxes que acompañan esta nota pódese apreciar como se ennegreceron as paredes da oficina pola humidade, os avultamentos da pintura á causa da mesma ou como escorrega a auga por unha esquina. Ademais, engaden dende CIG-Xustiza, o mal illamento das fiestras non só fai que as estancias estean frías, senón tamén xera problemas de humidades arredor dos marcos (tal e como se ve na fotografía correspondente á fiestra dun corredor).  

A CIG leva anos denunciando o abandono e o mal estado no que se atopa o edificio xudicial, tanto diante da Inspección de Traballo como da Xunta de Galiza, que xustifica a súa inacción alegando que o inmóbel é responsabilidade do Concello de Corcubión e que xa se dirixiu por escrito á administración local.

Hai que lembrar que o ano pasado, logo das denuncias da CIG na prensa e na Inspección, un equipo de altos cargos da Xunta organizou unha visita aos xulgados, á que convidou aos medios de comunicación para ensinarlles varias estancias que acaban de pintar, e que eran das máis afectadas polas humidades (como a sala de vistas do xulgado 1, o consultorio do médico forense ou a escaleira ao soto). Con esta visita publicitada, a Dirección Xeral de Xustiza deu por solucionados os problemas.

Non obstante, dende CIG-Xustiza advertiron "que non abonda con darlle unhas brochadas ás paredes" e que os problemas se repetirán mentres non se ataquen as deficiencias estruturais que afectan ao edificio dos xulgados. Así as cousas, pasados os meses e coa chegada das choivas volven aparecer as humidades e as filtracións de augas nas paredes, ao tempo que o persoal se queixa do frío que entra polas fiestras mal illadas.

Diante disto, a central sindical subliña que non se pode estar nesta permanente situación de precariedade, aseverando que "non chega con que a Xunta descargue a responsabilidade no Concello de Corcubión, cando parece claro que non está a emprender todas as actuacións posíbeis para solucionar de maneira definitiva as eivas dos xulgados".

Por iso, dende CIG-Xustiza reclaman da Dirección Xeral que, máis alá de limitarse a descargar culpas, actúe con responsabilidade e inicie as accións precisas diante do Concello de Corcubión para resolver unha situación que xa ten prolongado demasiado tempo.

Volver