As federacións de Saúde, Administración Pública e Construción celebran os seus Congresos
Logo do proceso de debate aberto co IX Congreso Confederal da CIG en maio, agora vense de rematar coa renovación das Secretarías e Executivas e coa definción das liñas da acción sindical das diferentes federacións sectoriais.
A Federación de Saúde elixiu a Ana Lestón Gallardo como nova secretaria nacional no congreso celebrado o pasado 22 de novembro en Lugo, baixo o lema “Coidando dereitos, construíndo futuro”.
A súa candidatura, a única que se presentaba, contou co voto unánime das persoas congresistas (83 votos a favor), pasando a relevar no cargo a Manuel González Moreira, a quen se lle fixo unha homenaxe en recoñecemento e agradecemento ao seu compromiso, traballo e militancia.
No proceso escolleuse a Executiva federal –que recibiu 81 votos a favor e 2 en branco–, que quedou conformada polas seguintes persoas: Ana Belén Lestón Gallardo, Lucía Peón Soutiño, Manuel González Moreira, María Dolores Rodríguez López, Irene Tato Mosquera, Miguel Tizón Méndez, Almudena Pérez Baltar, Sonia Castro Diéguez e Xabier Alvedro Álvarez
Congreso da FCM-CIG
Ese mesmo día en Compostela, o IX Congreso da Federación da Construción e Madeira (FCM) reelixía a Plácido Valencia como secretario nacional con 54 votos a favor e 18 en branco. Ao proceso, desenvolto baixo o lema «Nós construímos, nós decidimos!», concorreu unha única candidatura tanto para a Secretaría nacional como para Executiva federal.
Neste último caso, a lista recibiu 72 apoios, quedando constituída a Executiva, ademais de por Plácido Valencia, por Eduardo Sebio Molguero, Marcos Sánchez Branco, Xulio Vicente González, Melanie Arias Puccio, Mario Maceiras Dosil, Lara Fernández Lorenzo, Alfonso Losada Rodríguez, Javier Iglesias Valiñas, Francisco Xabier Espasandín García e Jesús Antonio Varela Campos.
Congreso da CIG-Administración
A xeira de renovación interna e posta a punto programática e organizativa, concluíu o pasado 29 de novembro co IX Congreso da Federación de Administración Pública, ao que concorreu unha candidatura única a todos os organismos encabezada por Luís Carballo Pose.
Este foi reelixido no seu cargo como secretario federal polo IX Congreso con 125 votos a favor, 13 en branco e 1 nulo. A nova Executiva federal recibiu 133 votos a favor, 3 en branco e 2 nulos, e á fronte desta acompañarán a Carballo Pose as seguintes persoas: Rosa María Fernández Muñoz, Carmen Viso Rubín, Henrique del Río Otero, Manuel Gallardo Canitrot, Manuel González Fernández de Tejada, Catia Vázquez Cortiñas, Consuelo Fernández Fernández e Gonzalo Méndez Mosquera.
Neste tres procesos tamén se aprobaron os informes das Executivas saíntes (nos que se fai un balance da actividade e a xestión do último período) e as persoas congresistas debateron e definiron as liñas xerais que guiarán a acción sindical de cada unha das federacións nos próximos catro anos.