As corporacións de Santiago, Ames e Teo aproban mocións de apoio a Nélida Pisco

Demandan, entre outras cuestións, a intervención da Xunta de Galiza
Compostela - 27 Xan 2017

Os plenos dos concellos de Ames, Teo e Compostela, nos que opera Autobuses de Calo na concesión do transporte metropolitano, aprobaron no decurso desta semana en Ames e Teo e a pasada en Compostela, mocións en apoio a Nélida Pisco, nas que se demanda, entre outras cuestións, a implicación da Xunta a través da dirección xeral de Mobilidade no conflito, por acoso laboral, da empresa contra a traballadora.

En concreto, os plenos municipais acordaron exixir da empresa de transporte de viaxeiros Hedegasa, S.L a aplicación dunha política laboral que respecte os dereitos das traballadoras e que cese nas actuacións discriminatorias por razón de xénero; instar a respectar a igualdade nas relacións laborais nos servizos de transporte público de viaxeiros que xestiona baixo concesión administrativa e trasladar este acordo á Dirección Xeral de Mobilidade, instando ademais a que inspeccione e tutele o cumprimento da legalidade en materia laboral e de igualdade de xénero nos servizos públicos concesionados a Hedegasa.

Os concelleiros e concelleiras responsábeis da área que xestiona o transporte metropolitano, Jorge Duarte Vázquez, de Compostela, José Blas García Piñeiro, de Ames e Concepción García Vázquez, de Teo, xa manifestaran, nunha xuntanza convocada pola CIG o pasado día 18 de xaneiro, o apoio dos respectivos gobernos municipais á condutora de Autobuses de Calo, Nélida Pisco.

A moción, presentada polo BNG, debateuse en Compostela o pasado xoves día 19 de xaneiro, e contou co apoio, ademais dos representantes nacionalistas, de Compostela Aberta e do PSOE, que votou a favor dos dous primeiros puntos, pero optou pola abstención na solicitude de trasladar este acordo á Dirección Xeral de Mobilidade.

En Teo debateuse este mércores, día 25 de xaneiro, e contou co apoio, ademais do BNG, de Son Teo-Anova e o PSOE quedando só coa súa abstención o Partido Popular.

Porén, no caso do pleno de Ames, onde a moción foi asumida polo grupo de goberno no seu conxunto (conformado polo BNG, o PSOE e En Ames Contigo Pódese) foi aprobada por unanimidade tamén cos votos de PP, Ames Novo, Pacto por Ames e Cidadáns Ames.

Respaldo a Neli

Para a FGAMT-CIG de Compostela isto supón “un respaldo ás demandas de Nélida Pisco e permite darlle visibilidade, no plano institucional, a unha situación da que a Xunta vén fuxindo desde 2009”, explica Inácio Pavón.

Un comportamento que considera que constata a “hipocrisía” de formación políticas como o PP, que “fan declaracións grandilocuentes sobre igualdade e porén nun caso concreto no que si poderían actuar, porque contan coas ferramentas para facelo, porque está todo perfectamente acreditado, non teñen amosado a máis mínima sensibilidade”.

Pavón salienta fronte a isto, a avalancha de mostras de apoio recibidas por Neli por parte de diferentes organizacións , compañeiros e compañeiras do sector, centos de persoas a título individual como se pode comprobar mesmo nas redes sociais, onde este caso se ten convertido en viral.

Debate no Parlamento

A situación que Neli vén padecendo en Hedegasa foi obxecto de debate tamén no Parlamento de Galiza, onde a través dunha interpelación da deputada nacionalista Montse Prado, ademais das cuestións anteriores, se demandou revisar a concesión. Tampouco aquí o Partido Popular tomou unha posición que supuxera un mínimo compromiso de cara a obrigar a Hedegasa a solucionar, dunha vez por todas, esta situación de acoso que vén padecendo Nélida Pisco desde 2009.

“Foi impresentable a resposta do conselleiro de Economía e Industria, Francisco Conde, que se limitou a considerar que a Xunta xa non tiña que actuar toda vez que xa o fixera a Inspección de Traballo e que, polo tanto a administración xa tiña actuado”. Lonxe disto Pavón explica que “coas actas de infracción de Inspección e as sucesivas sentenzas xudiciais contra a empresa que esta se nega a cumprir, é cando a Xunta debera actuar para garantir un traballo digno e, en igualdade, a unha traballadora dunha concesión que depende directamente da propia Xunta”.

O representante da FGAMT de Compostela salienta ademais “a falta de humanidade e a hostilidade amosada polo conselleiro na súa resposta”. Xunto a isto, lembra que teñen solicitada unha entrevista coa conselleira de Infraestruturas e Vivenda, Ethel Vázquez, desde hai tres semanas sen que desde a consellaría tiveran, a esta altura, dado ningún tipo de resposta.