Remata a folga na sanidade privada da provincia de Pontevedra tras chegar a un preacordo sobre o convenio

A CIG, CCOO e UGT salientan que o pacto permite recuperar a perda salarial dos últimos anos

Pontevedra/Vigo -

As centrais CIG, CCOO e UGT veñen de comunicar a suspensión da convocatoria de folga prevista para os días 26 e 27 de marzo na sanidade privada da provincia de Pontevedra tras chegar a un acordo coa patronal do sector sobre as bases para asinar un novo convenio colectivo, do que as centrais salientan que permitirá recuperar as perdas salariais dos últimos anos.

As organizacións sindicais presentes na mesa de negociación do convenio colectivo de Hospitalización e Internamento da provincia de Pontevedra, despois das reunións negociadoras mantidas na mañá de onte e da asemblea de traballadoras/es celebrada pola tarde, anuncian a suspensión da folga convocada para os días 26 e 27 de marzo tras chegar a un acordo sobre as bases para asinar un novo convenio colectivo con vixencia até o ano 2019. 

O acordo fixa unha suba salarial total do 5% nos tres anos de vixencia do convenio

O acordo contempla unha subida salarial total durante o período de vixencia do 5%, con subida do 1,75% para o pasado ano 2017, do 1,50% para 2018 e do 1,75% para 2019, con revisión segundo o valor do IPC para os dous últimos anos. Tamén se acordou que, no caso de non ter rematada a negociación do convenio a partires do 1 de xaneiro do 2020, estará garantida a subida salarial segundo a evolución do IPC até a sinatura dun novo convenio.

Sobre os tres días de libre disposición, recollidos xa no convenio, acordouse cambiar a súa consideración para que pasaran a ser permisos retribuídos e non recuperábeis, polo que a xornada anual efectiva para as traballadoras/es pasa de 1770 a 1749 horas.

Negociación do próximo convenio

No apartado de permisos e licenzas pactouse unha nova redacción para clarificar os permisos retribuídos e non recuperábeis no caso de nais e pais que teñan que acompañar a unha filla ou fillo menor de idade a unha consulta médica; este permiso será retribuído e non recuperable, en todo caso, para acudir a unha consulta urxente, e até un máximo de 20 horas/ano por filla ou fillo para acudir a unha consulta de especialista. Tamén se incorporan dous días como permiso retribuído e non recuperábel para as traballadoras/es que teñan que acudir cunha filla ou fillo menor de idade a unha consulta fóra da comunidade autónoma.

Dende as centrais salientan que despois dunha longa negociación para renovar un convenio colectivo paralizado desde o ano 2014 este acordo permite compensar as perdas retributivas destes anos, “pero aínda mantén unha débeda importante coas traballadoras/es do sector en aspectos sociais e de melloras retributivas que nesta negociación non se conseguiron incorporar ao convenio”.

Finalmente, adiantan que as negociacións para o novo convenio do ano 2020 comezarán o 1 de outubro de 2019, “e agardamos que coa determinación e a forza amosada polas traballadoras/es consigamos as melloras sociais e retributivas pendentes”.

Volver