As asembleas do transporte deciden manter a suspensión da folga unha semana máis mentres se negocia

Sindicatos e patronal acordaron que haxa mediación en cada unha das mesas dos convenios provinciais
Nacional - 20 Xul 2017

Os traballadores/as do sector do transporte de viaxeiros/as por estrada decidiron onte nas asembleas celebradas a última hora da tarde manter a suspensión da folga unha semana máis mentres se continúan a negociar os convenios colectivos. Os sindicatos e os empresarios/as acordaron na mesa galega que haxa mediación en cada unha das catro mesas provinciais.

O pacto subscrito en entre a patronal e as centrais sindicais produciuse na mesa galega de negociación que se celebra baixo a mediación do Consello Galego de Relacións Laborais e chegou despois dos problemas rexistrados nas xuntanzas da comisións provinciais, unha vez que as patronais de Lugo, Ourense e Pontevedra se negaron a recoñecer o acordo acadado en materia laboral que supoñía un incremento do 2,2%, cantidade que si está diposta a asumir a da Coruña.

Deste xeito, o vindeiro día 26 de xullo terán lugar as novas xuntanzas sas comisións provinciais de negociación, xa con intervención da mediación, e un día despois reunirase a mesa galega. Os traballadores/as decidiron manter a suspensión da folga até entón como mostra da vontade negociadora e para que a mediación poida reconducir un conflito laboral que vai camiño de se enquistar pola actitude da patronal.

Recurso xudicial contra o Plan de Transporte

Por outra banda, a CIG xa presentou o recurso xudicial contra o Plan de Transporte da Xunta, que rexeita fudamentalmente porque “non estamos de acordo con mesturar o escolar co regular e entendemos que vai provocar unha redución de liñas e, polo tanto, aínda que contempla a subrogación, non garante que todo o volume de emprego que hai agora se manteña”.

Ao mesmo tempo, dende a central critican que cando CCOO e UGT asinaron o acordo coa Xunta argumentando que remataban os prazos “en realidade o que estaban a facer era gañar tempo para que a conselleira puidese presentar un documento no Parlamento galego para lavar a cara diante da opinión pública porque agora veñen de ampliar en cinco días o prazo de presentación de ofertas; obviamente, nós non caemos na trampa e non asinamos”, rematan.