Arxentina: Novo triunfo contra a moral dogmática

Eduardo Lucita - 20 Xun 2018

O debate instalouse na sociedade, nas rúas e prazas, nos lugares de traballo e nos medios de transporte e foron as novas xeracións, moi novas, as que fixeron historia protagonizando con alegría e orixinalidade a onda que tinxiu de verde o país

 A insubordinación das mulleres continúa a súa marcha sen pausa, foi a vez agora da interrupción voluntaria do embarazo que logrou a aprobación polo Congreso e agora vai ao Senado. A irrupción das xeracións máis novas marca un antes e un despois para a moral dogmática.

 A sociedade arxentina deu un salto cualitativo nestes días. Nesta segunda década do século XXI instaurou a necesidade dun dereito propio do século XX. Este avance constitúe un novo fito na nosa historia como nación, unha conquista democrática que se inscribe nos avances, limitados pero avances á fin, que se van logrando desde 1983 en diante. Emparéntase coas leis de divorcio de 1987, da cota feminina en 1991, do matrimonio igualitario en 2010, de identidade de xénero en 2012 e máis atrás no tempo coa aprobación do matrimonio civil en 1888 ou o voto feminino en 1947.

Non é un feito illado

 Detrás da loita das mulleres a decidir sobre o seu propio corpo hai un movemento que se vén construíndo desde hai máis de tres décadas nos Encontros de Mulleres, cun alcance federal, con horizontalidade nos debates e autonomía no político. Isto que en realidade é a construción do feminismo, alberga unha multiplicidade de demandas (de xénero, de diversidad sexual, contra o embarazo non desexado e a violencia sobre as mulleres…) que o transformou nun movemento de movementos.

 Foi en 1998 coa creación da Comisión polo Dereito ao Aborto, que dez anos despois mudou a Campaña polo Dereito ao Aborto Legal, Seguro e Gratuito, que o tema se instalou con forza na sociedade. Non foi sinxelo e cómpre aquí facer un recoñecemento ás pioneiras que durante moitos anos bregaron en soidade, algunhas xa falecidas: Isabel Larguía, Nina Brugo, Marta Rosemberg, Dora Barrancos, Mabel Bellucci… e nomeadamente Dora Coledesky, da que fun amigo persoal e compañeiro de iniciativas políticas. Obreira téxtil formada no trotskismo, avogada despois e exiliada en Paris, ao seu regreso foi das principais difusoras e impulsoras do feminismo e dos dereitos das mulleres, recuperando así a tradición das anarquistas de principios do século pasado.

Unha nova xeración

 O presidente Macri seguramente pasará á historia por ser quen posibilitou o debate parlamentario, pero se a súa idea era ficase pechado no recinto errou de xeito total. O debate instalouse na sociedade, nas rúas e prazas, nos lugares de traballo e nos medios de transporte e foron as novas xeracións, moi novas, as que fixeron historia protagonizando con alegría e orixinalidade a onda que tinxiu de verde o país. Este escriba foi testemuña desta “revolución das fillas”, non poucas veces acompañadas polas súas avoas. Non só por estar na praza e compartir varias horas con elas […].

 En 1990 o escritor e xornalista Carlos A. Brocato publicou un ensaio que marcou toda unha época, Anticoncepción y aborto penúltima batalla contra la moral dogmática. Anunciando así que outras virían, por exemplo a necesaria separación da Igrexa e o Estado. Coa votación no Congreso gañouse unha batalla; a próxima será na o Senado. Se non é agora será na próxima. Pero xa nada será igual.

 En definitiva trata de batallas contra a moral dogmática nun país fondamente sexista, patriarcal, homofóbico, onde o escurantismo clerical é unha vez máis o gran derrotado.

 Como cando se opuxo ao divorcio legal, ao matrimonio entre persoas do mesmo sexo ou contra o uso de preservativos ou a morte digna. É que os seus seguidores non defenden ningún principio relixioso senón unha orde moral naturalizada, unha moral única e inmutábel no tempo.

 As mulleres, e sobre todo as novas xeracións, son as que están cambiando esta historia.

 

[Artigo tirado do sitio web Viento Sur, do 15 de xuño de 2018]