Arxentina: A terapia de choque de Milei: idéntico enfoque, similar resultado

Isidro Esnaola - 27 Nov 2023

A represión da ditadura serviu para que os ricos se apropiasen do ingreso dos traballadores (a súa parte caeu en nada menos que 21 puntos). Os gobernos de Menem e De la Rúa conseguiron que o PIB crecese un pouco e a débeda non se disparase, grazas á venda do patrimonio do país. E o de Macri o único que conseguiu foi empobrecer aínda máis o país

 O programa que o recentemente elixido presidente de Arxentina, Javier Milei, entregou na administración electoral consta de 13 páxinas nas que enumera un bo número de medidas. A maioría son do estilo de «incentivos para a creación de empregos xenuínos e de calidade» ou «mellorar os procesos produtivos e de servizos», frases que se poderían atopar en case calquera programa electoral. Hai, con todo, algunhas propostas que teñen moita carga de profundidade.

 O máis rechamante é que propón un programa para 35 anos –moitas reeleccións necesitará para culminalo– dividido en tres fases cuxa extensión non concreta. Ese cronograma lembra os programas da chamada terapia de choque que se aplicaron en Europa do Leste ou os programas de axuste do FMI. Quizais nese alongamento cara ao infinito estea a escusa para poder disimular o seu fracaso. Porque ese programa foi probado nunha chea de ocasións e o resultado sempre foi desastroso.

A primeira etapa

 Segundo Milei, o seu programa de reformas aplicaríase en tres etapas sucesivas. A primeira comezaría cun «forte recorte do gasto público do Estado e unha reforma tributaria» para baixar os impostos, «a flexibilización laboral para a creación de empregos no sector privado e unha apertura unilateral ao comercio internacional». Os que propoñen este tipo de recortes do gasto público parece que seguen sen comprender que o gasto do Estado é un ingreso para o sector privado; son esas empresas que tanto queren consentir as que fornecen aos servizos públicos, as que proporcionan alimentos aos comedores públicos ou as que reparan as avarías. Recortar o gasto público provocará unha caída da actividade económica e a ruína de moitas empresas. E iso ben o sabemos en Europa, onde as políticas de austeridade deixaron un ermo.

 Coherente co recorte do gasto é a baixada de impostos: para que recadar se o Estado non vai gastar? Agora ben, hai que ter en conta dúas cuestións. Primeiro, os que máis se benefician da baixada de impostos adoitan ser os máis ricos, e canto maior é a fortuna, maior beneficio sacarán. Pero, ademais, o maior gasto que poidan facer os ricos con eses impostos que non van pagar será, sobre todo, en bens de luxo, que adoitan ser importados, e que grazas á apertura ao comercio internacional entrarán sen pagar aranceis. O recorte de impostos terá un impacto mínimo na economía e un moi grande no aumento das desigualdades. Estas dúas medidas conxuntamente retardarán a actividade económica e beneficiarán ese 1% máis rico do país.

 A dolarización

 A primeira etapa culminaría cunha «banca libre e desregulada xunto á libre competencia de divisas». A crise de 2008 xa deixou boa mostra dos perigos asociados á desregulación da actividade financeira. Máis enigmático resulta iso da libre competencia de divisas. Dá a impresión de que Milei propón que cada un use a que lle apeteza. Aínda que non lle guste a Milei, a moeda non se elixe por votación, é froito dunha imposición. Talvez estea a propor que o país elixa a que queira no canto de impor el o dólar, e dese xeito evita a contradición de apoiar a liberdade e impor unha moeda concreta.

 En calquera caso, para introducir o dólar fan falta dólares que nin o Goberno nin o Banco Central teñen. Impor o dólar supón que todos os pesos vallan cero, os que están no banco ou nun fondo de pensións. De feito, desde a vitoria de Milei, o peso arxentino non fixo máis que perder valor.

 Posibelmente estea a pensar na privatización como fonte de dólares. A empresa de petróleo YPF e Aerolíneas Argentinas son as primeiras candidatas. Ambas foron privatizadas e posteriormente nacionalizadas. Ademais, están os xacementos de litio e outros minerais. Vender o patrimonio nacional para conseguir dólares é como vender o coche para comprar gasolina.

 A dolarización significa a perda de soberanía monetaria, algo que os países europeos mediterráneos sofren directamente. Outros serán os que fixen os tipos de xuros ou a cantidade de diñeiro en circulación segundo as súas necesidades. E cando toquen axustes, haberá que facelos por desvalorización interna, é dicir, baixando os soldos.

Segunda etapa

 Para a segunda etapa, que non determina cando empezará nin cando terminará, propón recortar o gasto en xubilacións e pensións, alentando un sistema de capitalización privado. Propón reducir o número de ministerios a oito e sinala que nesta etapa comezará a eliminar de forma progresiva os plans sociais que xa non serán necesarios na medida en que se creen postos de traballo no sector privado.

 Para esta etapa propón así mesmo eliminar o Banco Central e estabelecer un sistema bancario de reserva 100%. A idea é que os depósitos á vista, os que se poden retirar en calquera momento, estean dispoñíbeis ao 100% sempre. Nos actuais sistemas bancarios só unha parte está dispoñíbel e o resto investida, o que permite aos bancos crear diñeiro. Este sistema eliminaría o perigo de que houbese un pánico bancario e tampouco faría falta que detrás dos bancos houbese un prestamista de último recurso, o banco central. Segundo Milei, os bancos dedicaríanse pouco menos que a pór de acordo os aforradores cos investidores que buscan financiamento, de xeito que neste esquema o risco o correría o aforrador e non o banco, como ocorre agora.

 Esta é unha idea moi controvertida, mesmo entre a extrema dereita económica. Un sistema bancario de reserva 100% (ou sistema Simons) restrinxiría moito a expansión do crédito e nas épocas de bonanza poderíase converter nun freo á economía. Por outra banda, tendo en conta o volume que alcanzaron as finanzas especulativas en todo o mundo, este sistema limitaría a súa capacidade para especular. Nese sentido, sería moito máis eficiente que a famosa Taxa Tobin. É por esa razón pola que os economistas menos ideoloxizados e máis conscientes das necesidades do capital financeiro se opoñen a esta medida.

Terceira etapa

 O programa tampouco define cando comezaría e finalizaría este apartado que inclúe a reforma do sistema de saúde, unha reforma do sistema educativo e a «ampliación dun sistema de seguridade», iso si, non invasivo. Resulta que o único sistema que pretende ampliar é precisamente o represivo.

 Chama a atención que pretenda reducir o peso do Estado, pero que os verdadeiros gastos do Estado queden para dentro de 35 anos.

Que se pode esperar?

 O cadro que se achega recolle os resultados dos anteriores programas de axuste neoliberal. A represión da ditadura serviu para que os ricos se apropiasen do ingreso dos traballadores (a súa parte caeu en nada menos que 21 puntos). Os gobernos de Menem e De la Rúa conseguiron que o PIB crecese un pouco e a débeda non se disparase, grazas á venda do patrimonio do país. E o de Macri o único que conseguiu foi empobrecer aínda máis o país engadindo aínda máis débeda externa.

 

[Artigo tirado do sitio web vasco Naiz, do 27 de novembro de 2023]