Arredor do 70% do persoal dos centros de chamadas secunda o paro convocado pola CIG para reclamar un convenio xusto

Centos de traballadores/as participaron nas concentracións en Vigo, A Coruña e Lugo
Vigo - 11 Xul 2016
A nova xornada de folga convocada pola CIG nos centros de chamadas do país para reclamar un convenio xusto tivo un seguimento maioritario, xa que arredor do 70% do persoal secundou o paro na quenda de mañá, cifra lixeiramente superior na de tarde. Ademais, centos de traballadores/as participaron nas concentracións que tiveron lugar na Coruña, Vigo e Lugo.

(Galería de imaxes)

Dende a CIG-Centros de Chamadas cifraron o seguimento da folga nun 70% na quenda de mañá, mentres que a de tarde rexistrou un seguimento lixeiramente superior. Como en anteriores ocasións, as empresas onde a protesta tivo máis repercusión volveron ser as viguesas Bosch e Unísono e as coruñesas Extel e Atento.

O seguimento maioritario da nova xornada de folga convocada pola central no sector para reclamar un convenio xusto tivo o seu reflexo nas rúas, xa que centos de traballadores/as participaron nas concentracións que se desenvolveron ao mediodía en distintos puntos da Coruña, Vigo e Lugo.

Durante as protestas, os empregados/as dos centros de chamadas berraron consignas como “Convenios aquí e non en Madrid”, “Somos traballadoras, non somos escravas”, “Dereitos conquistados non poden ser roubados” ou “Sen as traballadoras non sodes ninguén”.

Rexeitamento dun "convenio lixo"

Esta nova xornada de folga no sector chega despois de que a CIG-Centros de Chamadas decudise retomar as mobilizacións para reclamar un convenio colectivo xusto tras a paréntese aberta co obxectivo de intentar acadar unha unidade de acción sindical “que non foi posíbel porque CCOO e UGT nin sequera contestaron as nosas propostas, optando por reunirse ás nosas costas para tratar de demorar calquera contestación”.

Neste senso, dende a central rexeitan a plataforma de negociación destes sindicatos, ao entender que “debera ser negociada e ratificada nun proceso aberto e participativo”. Entenden tamén que os traballadores/as teñen que ter a última palabra, polo que calquera acordo debera ser ratificado en referendo.

Consideran que tras a suspensión das protestas as empresas pensan que pacificaron o sector e que polo tanto vai aceptar un “convenio lixo”, por iso volven a bloquear a negociación do convenio. “Temos que demostrarlles que están erradas, que mantemos a nosa rebeldía fronte ás condicións inxustas que nos impoñen no día a día e fronte á súa intención de recortar salarios e dereitos”.

Así, amósanse convencidos/as de que a desmobilización prexudicou a negociación, xa que “a patronal envalentonada volveu ás andadas e presentou propostas duras, o que alonxa cada vez máis calquera posibilidade de acordo”. Diante disto, decidiron retomar as accións reivindicativas de xeito inmediato, “porque doutro xeito corremos o risco de dar por perdidas as subas salariais de 2015 e 2016, como está a acontecer noutros sectores coa complicidade dalgúns sindicatos”.