Apupan diante do Parlamento a Lei de 'Depredación' de Galiza que quere aprobar o PP pola vía de urxencia

A Plataforma convoca unha manifestación en Compostela o domingo 22 ás 12:00 horas

Nacional -

Representantes de organizacións sociais e sindicais apuparon esta mañá, diante do Parlamento de Galiza, a Lei de Fomento de Implantación de Inciativas Empresariais que vai ser aprobada pola vía de urxencia polo Partido Popular. Unha lei da que denunciaron o seu “carácter colonial”, por favorecer a espoliación dos nosos recursos sen ter en conta o impacto das actividades que se instalen no noso país, e que cualificaron como “Lei de Depredación de Galiza”.

A concentración estaba convocada pola Plataforma contra a Lei de Depredación de Galiza, conformada por ADEGA, CIG, Comisión contra as minas da Terra Chá, Comisión de Medio da Gentalha do Pichel, ContraMinAcción, Equo, Organización Galega de Comunidades de Montes, Plataforma para a Defensa de Corcoesto e Bergantiños, Sindicato Labrego Galego, Verdegaia e Véspera de Nada.

 

No decurso da mesma o secretario xeral da CIG, Paulo Carril, sinalou que con esta concentración a plataforma exixe ao PP que retire a proposición de lei de Fomento de Iniciativas Empresariais. Unha lei coa que “o PP pretende legalizar a espoliación do noso país e, en absoluto para sentar as bases para a industrialización e o crecemento de Galiza”, afirmou.

Xunto a isto denunciou que coa súa aplicación o rural “non ten previsto un futuro con dignidade, máis ben o contrario, porque senta as bases para arrásalo” e engadiu que “arrasa” tamén “os nosos sectores produtivos básicos e os nosos recursos mineiros e enerxéticos en favor das grandes corporacións”.

Un modelo industrial que definiu como “colonial” e que, ao seu entender, se impón dun xeito “antidemocrático e golpista” por saltarse todos os trámites. A este respecto cualificou o procedemento para a súa tramitación como “perverso” e “fraudulento”, por ter sido presentada como proposición de Lei do PP e non polo goberno e ademais tramitada pola vía de urxencia para eludir o debate parlamentario e social.

Abandono dos nosos sectores produtivos

Carril denunciou ademais a ausencia de medidas, “nin unha soa”, puntualizou, que teñan como obxectivo apoiar proxectos e actividades que contemplen que tanto o proceso produtivo como o de transformación teña lugar en Galiza ou que impulsen os nosos sectores produtivos, recuperando e consolidando o tecido empresarial galego.

Xunto a isto advertiu das consecuencias que terá a súa aplicación polos elevados custos ambientais e sociais ao reducirse os controis medio ambientais, da participación cidadá e dos requisitos administrativos, protección do  patrimonio natural e da saúde, tanto das persoas como do medio natural.

Chamamento á mobilización

A Plataforma contra a Lei de Depredación de Galiza fixo ademais un chamamento a participar na manifestación nacional que terá lugar o vindeiro día 22 de setembro, con saída ás 12:00 horas da Alameda compostelá.

 

Volver