Apuntamentos sobre a desigualdade: xénero, clase e estrutura salarial

Albert Recio Andreu -

As políticas macroeconómicas neoliberais, as reformas laborais coa coartada da flexibilidade, as reformas fiscais, as privatizacións, a reorganización empresarial, a financeirización da economía, a globalización sen regulación compensatoria e o reforzamento legal dos dereitos de propiedade configuraron un novo modelo de capitalismo rentista que nalgúns aspectos parece lembrar a vella orde feudal

I

 O aumento das desigualdades volve estar no centro do debate social, aínda que, por desgraza, parece máis un tema para encher os faladoiros mediáticos que un argumento forte das políticas socioeconómicas. O groso das políticas que promoven os grandes organismos internacionais están no centro da creación de desigualdades. Sen a elaboración de propostas alternativas e a xeración de amplos movementos sociopolíticos, é difícil que vaian producirse mudanzas profundas neste eido. Máis ben hai pistas de que as cousas aínda poden ir a peor.

 Cando analizamos os debates actuais sobre o tema, xorden polo menos tres eidos en que se puxo de manifesto: o da desigualdade global entre clases sociais, o das desigualdades entre os asalariados e o das desigualdades de xénero. Deberiamos engadir, ademais, as desigualdades entre países. Por razóns de espazo voume limitar a comentar os tres primeiros temas e centrareime só nun aspecto da desigualdade, o da renda, aínda sabendo que o campo da desigualdade abrangue outros moitos espazos.

 II

 O recente estudo de Oxfam sobre a desigualdade é concluínte sobre o aumento da desigualdade global. Segundo esta organización, o 1% máis rico da poboación mundial captou o 82% do crecemento da renda nos últimos anos, mentres que o 50% máis pobre non viu aumentada a súa; os salarios globais só creceron un 2% (e dabondo é coñecido que a poboación máis pobre está entre os non asalariados da economía informal e a poboación agraria). Calquera estudo sobre as rendas adoece dalgunha marxe de erro, pero a contundencia das cifras deixa fóra de dúbida que estamos nunha situación extrema de aumento das desigualdades. Outros estudos dan pistas complementarias, como o da caída da participación dos salarios na renda nacional na maior parte dos países desenvolvidos. Aínda que a escala mundial se constata que o crecemento de China, e en menor medida da India, paliaron algo a desigualdade global, o que parece indubidábel é que se produciu un importante transvasamento de renda en favor do capital.

 Os procesos que permitiron xerar esta nova vaga de desigualdade son variados e non poden reducirse á simple drenaxe fiscal. Trátase, como explicaron ben polo miúdo autores como Stiglitz ou Standing, da combinación dunha variada gama de transformacións que provocaron o aumento do poder capitalista e aberto as portas a novos mecanismos de obtención de rendas parasitarias. As políticas macroeconómicas neoliberais, as reformas laborais coa coartada da flexibilidade, as reformas fiscais, as privatizacións, a reorganización empresarial, a financeirización da economía, a globalización sen regulación compensatoria e o reforzamento legal dos dereitos de propiedade (especialmente sensíbel no caso da vivenda) configuraron unha estrutura institucional na que os ricos, e sobre todo os moi ricos, teñen garantida unha enorme tallada do pastel e posúen a capacidade de forzar que o resto da poboación compita polas migallas. Configuraron un novo modelo de capitalismo rentista que nalgúns aspectos parece lembrar a vella orde feudal. Reverter esta situación esixe cambios en moitos ámbitos da organización e a regulación económicas. Non parece, en troca, que a simple implantación dunha nova política redistributiva, como podería ser a introdución dunha renda de cidadanía, poida alterar por si mesma unha dinámica que precisamente se consolidou pola enorme densidade de mecanismos complementarios.

 III

 A distribución global da renda entre capital e traballo, entre pagos salariais (salarios e contribucións sociais) e rendas do capital (beneficios empresariais, alugueiros, xuros financeiros), determina unha boa parte da distribución total, sobre todo cando se ten en conta que o mundo dos asalariados e os falsos autónomos reúne a inmensa maioría da poboación, mentres que o groso das rendas capitalistas se concentran en mans dun reducido número de persoas. Pero, malia ser esta a razón principal das desigualdades, no seo dos colectivos asalariados existen importantes diferenzas de renda. E tamén neste caso hai evidencias de que estas están crecendo.

 No caso español, a enquisa anual de estrutura salarial (de feito, a única fonte estatística críbel en materia salarial) mostra unha evidencia clara neste sentido. O índice de Gini, o indicador da desigualdade global dos salarios, indica un crecemento significativo entre 2008 e 2015, pasando do 32,2 ao 34,3 (e coherente cos aumentos da desigualdade medidos pola Enquisa de Condicións de Vida). Así mesmo, incrementouse a diferenza entre o 10% dos asalariados con soldos máis altos e o 10% con soldos máis baixos (o índice 9/1), que pasou de 3,34 a 3,61 (ou sexa, un individuo medio do grupo superior cobra 3,61 veces o salario dun individuo medio do grupo inferior). É posíbel incluso que este índice minimice as desigualdades e que sería aínda máis significativa a comparación entre o 5% de cada extremo.

 Hai tamén pistas de que produciu este aumento da desigualdade. Para empezar, o crecemento do emprego a tempo parcial, que desempeña un papel significativo á hora de determinar as rendas máis baixas. En segundo lugar, o campo ocupacional, que ten dous impactos: o que podemos chamar “efecto composición” (destrúense empregos en sectores de salarios máis altos e créanse outros en actividades peor pagas) e o que podemos denominar ·efecto substitución”, que se produce cando as empresas renovan os cadros de persoal con persoas que reciben un salario inferior ao daqueles aos que veñen substituír (algo que se consegue por vías moi diversas: os novos non cobran antigüidade, entran cunha categoría inferior, non se lles recoñecen pagamentos complementarios, entran con contratos temporais que os levan a realizar horas extras sen cobrar; no límite as empresas aplican -aínda que é ilegal- unha dobre escala salarial). E o terceiro e crucial elemento é a reforma laboral, o seu impacto na negociación colectiva e na propia aplicación dos convenios, o aumento do poder empresarial. O impacto da reforma laboral sobre os salarios confirmou o que algúns economistas e sociólogos críticos anticipamos desde o principio (véxase, por exemplo, J. Benach, G. Tarafa e A. Recio, Sin trabajo, sin derechos, sin miedo, Icària Editorial, 2015): que o debilitamento dos dereitos laborais ía empeorar a situación das persoas empregadas nos niveis máis baixos de ingresos, porque están nos sectores de máis difícil sindicación, porque o seu traballo é frecuentemente moi individualizado e porque é onde as empresas teñen máis marxe de presión. Ao analizar a evolución dos salarios pódese observar que realmente foi nos sectores de menores ingresos salariais onde se produciu a maior parte da depreciación salarial. Curiosamente, en sectores de servizos nos que menos importancia ten a competencia internacional (algo que non é exclusivo do Estado español; é o mesmo que ocorreu en Alemaña coa reforma Hartz).

 Reducir esta desigualdade é o que pode conseguirse coa reversión da reforma laboral, aínda que as cousas nunca son de ida e volta e posibelmente haxa que elaborar un ambicioso proxecto de reconstrución laboral.

 IV

 A terceira cuestión é a da fenda de xénero, quizais aquela da que máis se fala nos últimos meses, grazas ao esforzo de tantas mulleres que non están dispostas a manter unha situación inxusta. As desigualdades de xénero, especificamente as do emprego asalariado, son tan obscenas que dificilmente poden obviarse. Segundo a Enquisa de Estrutura Salarial, o salario medio dun home é un 23,1% superior ao dunha muller. Polo que direi a continuación, coido que esta desigualdade global é un mellor indicador da desigualdade de xénero que os intentos de illar un único factor de discriminación laboral (que só considera discriminación a diferenza de salarios que se produce entre individuos que teñen actividades, unha categoría profesional e un horario laboral similares) ou a medición segundo salario-hora.

 Como ocorre nos outros casos, a fenda salarial é a combinación de diferentes procesos que teñen un elemento en común: a presenza activa do patriarcado no mundo do emprego asalariado. Hai fundamentalmente catro mecanismos básicos que xeran esta desigualdade. En primeiro lugar, o emprego a tempo parcial, pensado e promocionado como unha forma aceptábel de conciliación da vida laboral (o cal presupón que son as mulleres as que se encargan do traballo doméstico) e que é unha fonte de xeración de working poors. Frecuentemente nin sequera é unha boa medida para conciliar horarios, porque moitos dos empregos a tempo parcial se xustifican para cubrir picos de actividade en horarios específicos (por exemplo, no sector da limpeza, un sector feminizado e onde prolifera o emprego a tempo parcial, predominan os horarios de traballo a primeira hora da mañá (de seis a dez) ou ao final da tarde). O emprego a tempo parcial explica que numerosas persoas non cheguen a percibir uns ingresos equivalentes ao salario mínimo anual.

 En segundo lugar, a sobrerrepresentación das mulleres, especialmente de mulleres con baixos niveis educativos, nos sectores de salarios máis baixos: limpeza, hostelaría, comercio polo miúdo, residencias de anciáns e asistencia domiciliaria, servizos persoais, actividades de lecer. Esta presenza advírtese mesmo nos sectores manufactureiros de máis baixos salarios, como o do téxtil e a confección ou o do calzado. A coartada oficial é que se trata de sectores de baixa produtividade que non permiten pagar salarios máis altos. A cuestión da produtividade é máis complexa; é difícil saber como se mide, como se comparan actividades heteroxéneas. E máis ben hai indicios de que a cuestión é a inversa: que consideramos pouco produtivo o que fai a xente con menor poder social, que se asocia a produtividade ao feito que estes traballos sexan moi intensivos en man de obra (tamén o son actividades como o ensino, pero desenvólveas xente “con estudos”) e en moitos casos teñan relación cos labores domésticos. Ou sexa que se paga pouco porque é un emprego de mulleres. Este é un campo onde con demasiada frecuencia a esquerda, tanto a tradicional como a feminista, asume con excesiva facilidade o punto de vista das elites. Pero o “chan pegañento” (como me aclarou hai anos a socióloga Teresa Torns) é a realidade de moitas mulleres, e a forma de saír del pasa por un aumento substancial do salario mínimo e, aínda mellor, por unha acción sindical que eleve os salarios e xere recoñecemento.

 En terceiro lugar, as desigualdades na carreira laboral; a evidencia de que as mulleres están non só infrarrepresentadas nos niveis máis altos da xerarquía profesional senón que tamén tenden a ser minoría nos niveis máis altos daquelas profesións onde en conxunto son maioría (como ocorre na educación e a sanidade). Aquí se combinan procesos de simple discriminación sexista nas promocións, de recoñecemento desigual da complexidade das tarefas (por exemplo, dáse máis valor ao profesorado universitario que ao de primaria, ou aos cirurxiáns que aos médicos de familia) e do difícil encaixe entre o emprego asalariado e a vida cotiá. O problema é aquí a forma en que se define o primeiro, como se entende a carreira profesional e, aínda máis, como se definen os empregos directivos. O capital (e unha construción do profesional á que non son alleos nin o patriarcado nin a cultura tecnocrática) desenvolveu unha definición do profesional que en parte se illa do resto da vida social e tende a ignorar tanto a necesidade das tarefas domésticas como a participación noutras actividades sociais. Para moitos empresarios e directivos, as mulleres son sempre sospeitosas de non participar desta mística profesional e son excluídas, e para moitas mulleres a aceptación acrítica do modelo é demasiado custosa e as súas prácticas de resistencia exclúenas dunha carreira competitiva. O resultado é coñecido: o “teito de cristal” que limita as mulleres educadas aos niveis intermedios da carreira profesional, xerando unha importante desigualdade salarial respecto dos seus iguais.

 O último elemento é a discriminación pura e simple. Durante anos esta estivo institucionalizada e aceptáronse salarios inferiores para as mulleres. Agora que a discriminación está formalmente prohibida, persiste baixo formas camufladas: distinta avaliación dos postos de traballo, distinto recoñecemento de primas salariais ou pagamento de horas extra, etc. É tanto o produto da cultura patriarcal que segue impregnando ao mundo empresarial como o resultado dun feito máis xeral: a discriminación en materia de salarios (como a dos prezos dos produtos) é unha técnica habitual para aumentar os beneficios das empresas, e sempre se aplica recorrendo aos diferentes niveis de poder social que teñen as persoas. A situación dos estranxeiros en moitos países é parecida, e non é casualidade que no nivel máis baixo da escala salarial estean as mulleres inmigradas no servizo doméstico, pois suman unha combinación de puntos débiles sociais: son mulleres, frecuentemente con problemas legais de residencia, realizan unha actividade feminizada, negocian individualmente cun patrón, non teñen capacidade de acción colectiva…

 V

 Os tres niveis de desigualdade son relevantes e están interrelacionados. O que motivou esta nota é o renovado debate nas últimas semanas sobre a fenda salarial nun contexto no que se ignoran o resto dos procesos. Isto non presupón que sempre teñamos que falar de todo. A desigualdade de xénero ten por si soa suficiente entidade para esixir unha acción contundente. Mais a loita pola igualdade esixe unha perspectiva global e pensar en alternativas máis coherentes. É difícil que se alcancen grandes avances en materia de igualdade mentres persista un modelo organizativo tan xerárquico, mentres a discriminación forme parte do arsenal de instrumentos do enriquecemento privado, mentres a organización produtiva capitalista sexa o núcleo organizador da vida social, mentres os dereitos dos ricos se impoña aos da maioría, mentres algúns traballos merezan un infrarrecoñecemento e outros, pola contra, estean esaxeradamente valorados. Non se pode pensar unha orde igualitaria a cachos, e por iso a impugnación das escandalosas desigualdades actuais esixe pensar globalmente nunha organización social na que homes e mulleres poidamos desenvolvernos en niveis de igualdade aceptábeis.

 

[Artigo tirado do sitio web Mientras tanto, febreiro de 2018]

 

Volver