Aprovado o 'Protocolo Lingua Vital' para reverter a emerxencia lingüística

Nacional - 23 Mar 2026

Centos de persoas acudiron o pasado 14 de marzo á Praza da Quintana de Santiago de Compostela para participar na asemblea coa que Queremos Galego (da que a CIG fai parte) someteu á aprobación da sociedade galega o Protocolo Lingua Vital. Un documento de actuación elaborado ao longo dos últimos meses por 57 entidades de todos os ámbitos, co apoio doutras 396, para reverter a emerxencia lingüística.

A asemblea amosou o seu apoio unánime á proposta, que entra agora na fase de aplicación por parte das entidades sociais e institucións adheridas. 

A asemblea da plataforma Queremos Galego celebrouse en Compostela

No decurso do acto, o voceiro da plataforma, Marcos Maceira, lembrou que os datos estatísticos poñen en evidencia o devalo da lingua galega, “como resultado da súa exclusión e da súa ausencia acelerada polo desprezo de quen ten o deber de a asegurar sempre” e denunciou que “o PP usa a lingua como refén co que chantaxear o movemento social pola normalización”.

Fronte a esta realidade, asegurou, “a sociedade galega asumiu a responsabilidade e construíu, participación directa e co apoio de centos de entidades sociais, unha alternativa sólida, unitaria e eficaz á política lingüística de desleixo, miseria e apartheid xestionada por desertores e irresponsábeis”.