Apoio unánime das asembleas á folga no sector do transporte sanitario

Os días 9 e 10 de maio, 6 e 7 de xuño, 4 e 5 de xullo e posteriormente indefinida se non hai solución
Nacional - 11 Abr 2018

O sector de ambulancias irá á folga os días 9 e 10 de maio; 6 e 7 de xuño; 4 e 5 de xullo e, a partir de aí irá a unha folga indefinida se nin a patronal, nin a  Xunta de Galiza atenden as súas demandas. Reclaman que se bote ás empresas que incumpren as condicións mínimas deste servizo público; que se convoque un novo concurso que garanta as condicións laborais e a calidade dun servizo tan importante como este; a retirada de todos os elementos de presión e de precarización das condicións de traballo (descolgue salarial, modificacións substanciais, sancións,...) e a sinatura do convenio colectivo, caducado dende hai dous anos.

A decisión foi acordada polas traballadoras e traballadores nas asembleas celebradas en todas as comarcas de Galiza e, tal e como informou a FGAMT-CIG nas  roldas de prensa ofrecidas este mércores en Santiago, Pontevedra e Ferrol, o apoio á convocatoria de folga foi unánime.

A este respecto, dende o sector de Transportes da CIG denúnciase que a situación do sector de ambulancias é neste momento “de abandono absoluto”, cunha patronal unicamente preocupada polo seu rendemento económico e o desprezo da Xunta cara un servizo básico como este, “maltratado durante anos”.

Empeoramento das condicións laborais

Alertan que se produciu un empeoramento das condicións laborais no que ten que ver co aumento de horas e o incremento, de entre un 10 e un 20%, da carga de traballo a consecuencia da suba dos servizos que ten que atender o 061 tanto urxentes como non urxentes. A pesar deste incremento de servizos non se reforzaron os cadros de persoal e agora “as traballadoras e traballadores son quen sofren as consecuencias”.

A consecuencia destas deplorábeis condicións, a calidade do servizo reséntese polo número elevado de baixas, a falta de persoal, o estado das ambulancias, a falta de materiais de traballo ou de condicións hixiénico sanitarias nas que non se inviste, como limpeza e desinfección de uniformes, bases ou equipos material de traballo, que en moitas ocasións se lles di aos traballadores que teñen que collelo nos hospitais porque a empresa non os facilita.

Concursos á baixa

O sector de Transportes da FGAMT-CIG sinala que “as empresas recoñecen agora que se meteron nun concurso moi por debaixo do seu prezo real, algo que desde a central sindical levamos anos denunciando, e pretenden que sexan os traballadores e traballadoras quen asuman o custe”.

Diante deste panorama a Xunta de Galiza, a Consellería de Sanidade e o 061 “están mirando para outro lado”, e nin sequera contestaron ás reiteradas solicitudes de reunión para abordar esta grave situación. “Hai dous anos entregaron os concursos a ofertas que claramente non cubrían cos gastos reais e agora fan como se non fora con eles. Néganse a recibirnos e son os verdadeiros responsábeis desta situación de abandono que denunciamos”, afirman.

Persecución, criminalización e represión

Na rolda de prensa de Compostela, os delegados de Ambuibérica denunciaron tamén “atrasos no pagamento das nóminas todos os meses desde que se iniciou o 2018, falta de pago de determinados plus e por se non fora pouco actúan con soberbia impoñendo máis de 40 expedientes de sanción nos últimos días para atemorizar ao persoal e que non proteste diante deste desfeita”. Sancións que chegaron a recibir mesmo traballadores/as que nin estaban de servizo ou que xa levaban meses fóra da empresa.

Este proceder por parte de Ambuibérica non é illado, senón que tamén abriu arredor de 40 expedientes sancionadores a traballadores/as do 061 na comarca de Vigo.

Doutra banda, o secretario da FGAMT-CIG de Compostela, Inácio Pavón denunciou ademais que este conflito está sendo tratado como un problema de orde pública con ducias de chamadas aos cuarteis da Garda Civil da comarca. “De xeito irregular someteuse aos traballadores a auténticos interrogatorios nos que entre outras cousas se preguntaba se estaban afiliados á CIG, se ían asistir á asemblea, que se ía falar e pretendendo que posteriormente se lles informara do falado. Algo absolutamente intolerábel e completamente ilegal que xa están estudando os servizos xurídicos da CIG”.