Ante a próxima celebración das eleccións galegas

A CIG fai un chamamento á participación, votando por forzas políticas nacionalistas e de esquerdas
Nacional - 08 Feb 2024

O vindeiro 18 de febreiro están convocadas eleccións ao Parlamento galego. Tras 14 anos de gobernos do Partido Popular temos diante de nós a oportunidade de superar as nefastas políticas económicas, sociais, industriais e laborais que teñen levado Galiza á ruína na que hoxe se atopa.

Esta lexislatura que remata vén marcada pola marcha de Feixóo e a chegada de Alfonso Rueda, sen que nada mudara nas políticas neoliberais que se poñen en marcha dende a Xunta. Tanto un coma outro renunciaron a exercer o seu papel como presidentes de Galiza para actuar con submisión ao servizo do gran capital e ao ditado da Unión Europea. 

Cómpre liquidar as políticas que padecemos deste Goberno da Xunta e as súas consecuencias: desequilibrios territoriais e sociais, desigualdade, pobreza, emigración

A absoluta inhibición deste Goberno do PP estase a percibir moi claramente nas últimas semanas co colapso da sanidade pública, nomeadamente na Atención Primaria; ou cando ante a chegada de granulados plásticos ás nosas costas tanto a Xunta como o Goberno central dedícanse a culparse mutuamente da situación, optando pola desidia e o desleixo e desatendendo as funcións que lles son propias, e que en moitos casos está a exercer a sociedade galega por si mesma, como xa ten acontecido noutras ocasións.

Fronte a un Goberno central do PSOE e de Sumar aplicado en poñer en marcha medidas de recorte ao ditado de Bruxelas e sen sequera derrogar as lesivas reformas que implantaron gobernos anteriores, a Xunta segue sen dar unha resposta, sen formular medidas alternativas que non sexan aplicar nunha versión peor das mesmas políticas neoliberais e centralistas.

Nun contexto de grave aumento da pobreza laboral e social, coa carestía da vida sen dar tregua ás familias galegas, cando ter un emprego xa non garante poder vivir dun xeito minimamente digno, son necesarias máis ca nunca políticas públicas que concentren os recursos en favor dos intereses do pobo galego.

Malia o empeoramento da situación, o PPdG segue a aplicar o mesmo libro: ausencia dunha política industrial e de emprego; fomento do macroturismo e do sector servizos (Camiño de Santiago mediante); desinterese pola grave situación demográfica; entrega dos nosos recursos ás grandes empresas enerxéticas, coa tramitación de macroparques eólicos e a eucaliptización cada vez maior dos nosos montes; desmantelamento e privatización dos servizos públicos, coa sanidade pública e a atención aos coidados nunha situación cada vez máis crítica, etc.

Cómpre xa liquidar as políticas que vimos padecendo deste Goberno da Xunta e das que sufrimos as consecuencias: desequilibrios territoriais e sociais, desigualdade, pobreza, emigración.

Ao servizo do pobo

Dende a CIG levamos anos poñendo alternativas enriba da mesa. Sabemos que medidas son necesarias para acabar coas desigualdades e coa pobreza que padecen as maiorías sociais. Este país precisa con urxencia políticas públicas que poñan os recursos ao servizo do pobo; políticas económicas e industriais que creen emprego de calidade, con salarios xustos; que reforcen a sanidade e a atención ás persoas, e tamén o ensino; que defendan os nosos sectores produtivos básicos e fomenten proxectos industriais que pechen os ciclos produtivos na Galiza; que garantan unha verdadeira transición ecolóxica. 

Apostamos por institucións e administracións ao servizo do pobo e das maiorías sociais

Cada un e cada unha de nós podemos contribuír a que sen demora haxa uns servizos públicos universais e de calidade, erradicando a súa mercantilización. Podemos axudar a acadar avances reais nos dereitos das mulleres e na dignificación das vidas das persoas maiores. Cadaquén pode facer a súa achega para rematar coas fendas: a fenda salarial, a fenda das pensións, a fenda dixital, a fenda entre a Galiza urbana e a rural... Facémolo cada vez que nos mobilizamos esixindo medidas alternativas como as que a CIG propón. E temos a oportunidade de facelo tamén o 18 de febreiro.

Porque para converter en realidade estas demandas precísase un cambio de goberno, un cambio de políticas para superar esta situación e avanzar cara a un futuro digno para a clase traballadora e o pobo galego.

Por todo isto, na CIG apostamos por institucións e administracións ao servizo do pobo e das maiorías sociais; e do mesmo xeito que chamamos a reforzar a posición da CIG como primeira forza sindical na Galiza, tamén facemos un chamamento á participación nas vindeiras eleccións, votando por forzas políticas nacionalistas e de esquerdas que poidan levar as nosas alternativas e demandas ao Parlamento galego e incluílas nas políticas que se apliquen.

Porque o que queremos é exercer o noso dereito a vivir e traballar con dignidade na nosa terra. Temos nas nosas mans unha oportunidade para seguir dando pasos no camiño dunha Galiza ceibe e sen explotación.