Amplo seguimento da folga convocada pola CIG nos centros de chamadas do país

Centos de traballadores/as participaron nas mobilizacións celebradas en Vigo, Coruña e Lugo

Nacional -

A xornada de folga convocada pola CIG este xoves nos centros de chamadas do país para reclamar un convenio colectivo digno no sector rexistrou novamente un amplo seguimento. Coincidindo co paro, centos de traballadores/as mobilizáronse en Vigo, A Coruña e Lugo en defensa das súas condicións laborais.

Dende a CIG, central maioritaria no sector, explican que decidiron promover o paro despois de que na última xuntanza da mesa de negociación do convenio, celebrada o pasado 11 de xaneiro, a patronal retirase as súas propostas de subida salarial -“para manter os custes baixos”- e de horas médicas -“para que quede como está”-.

A medida de presión tivo novamente un amplo seguimento por parte do sector, que secundou a folga de xeito similar a anteriores convocatoras e participou nas mobilizacións que tiveron lugar en Vigo, A Coruña e Lugo. Nas dúas primeiras cidades as protestas consistiron nunha manifestación, mentres que no caso de Lugo celebrouse unha concentración diante das instalacións da empresa Abante BPO.

A marcha da Coruña arrincou dende a sede da compañía Atento e percorreu a Avenida Juan Flórez; en Vigo, o punto de saída foi a Praza dos Cabalos e o remate na delegación da Xunta, onde interveu a responsábel da CIG no sector dos centros de chamadas, Laura Pérez Figueroa. A representante sindical repasou os principais motivos da convocatoria e apostou por seguir coas mobilizacións até lograr un convenio colectivo digno que respecte as condicións laborais.

Volver