Ames, Teo e Compostela manifestan o seu apoio á traballadora de Autobuses de Calo, Nélida Pisco

Para este xoves hai convocada unha concentración solidaria na estación de autobuses ás 11.00 horas

Compostela -

Os concelleiros e concelleiras responsábeis da área que xestiona o transporte metropolitano, Jorge Duarte Vázquez, de Compostela, José Blas García Piñeiro, de Ames e Concepción García Vázquez, de Teo, manifestaron esta mañá, nunha xuntanza convocada pola CIG, o apoio dos respectivos gobernos municipais á condutora de Autobuses de Calo, Nélida Pisco.

Estes tres concellos son nos que HEDEGASA S.L. (Autobuses de Calo) conta coa concesión administrativa para realizar o transporte metropolitano e escolar. En todos levaranse mocións aos próximos plenos para mostrar o apoio á traballadora do conxunto da corporación e para instar á Xunta a facer cumprir as medidas laborais que recolle o Plan de Modernización do transporte de Viaxeiros e que rexe as concesións destas liñas.

Inácio Pavón, responsábel do sector de transportes na CIG de Compostela lembra que nese Plan recóllese explicitamente un “plan de fomento de emprego feminino que a empresa incumpre porque, desde que se prorrogou a concesión, despediu a dúas das tres traballadoras que tiña e Nélida Pisco, a única que continuaba até o de agora, está padecendo unha situación de acoso laboral acreditada desde 2009 por pretender acollerse a unha redución de xornada. Un dereito contemplado na lexislación vixente”.

Na xuntanza, na que participou xunto con Pavón a secretaria comarcal da Muller da CIG de Compostela, Lucía Freire, fíxoselle entrega aos representantes municipais dun dosier que recolle cronoloxicamente a principal documentación deste caso que inclúe sentenzas, actas da Inspección de Traballo, escritos da empresa así como informes médicos que acreditan que a traballadora está perfectamente apta para desenvolver o seu traballo.

Ademais o BNG levou ao Parlamento por vía de urxencia o caso de acoso laboral a Nélida Pisco demandando da Xunta de Galiza que, de persistir o mobbing, rescinda o contrato a esta empresa concesionaria de transporte colectivo e escolar na Comarca de Compostela. Xunto a isto presentou mocións nos tres concellos afectados para o seu debate a aprobación nos próximos plenos.

Concentración na Estación de Autobuses

A CIG ten convocada para mañá unha concentración diante da estación de Autobuses á que fai un chamamento a participar para denunciar a situación de acoso desta compañeira, que é un exemplo da violencia machista que sofren moitas mulleres no seu lugar de traballo polo simple feito de demandar o que é un dereito: ser nai e manter o posto de traballo.

Volver