América Latina desde a teoría da dependencia

Claudio Katz - 24 Set 2018

As experiencias dos últimos anos confirman a necesidade de respostas socialistas aos problemas da rexión. Ese horizonte foi postulado pola teoría da dependencia en contraposición ás ilusións de forxar modelos humanitarios, inclusivos ou redistributivos do capitalismo. Eses atributos contradín a lóxica dun sistema rexido por explotación e a desigualdade

 Desde hai catro décadas vivimos baixo a sombra do capitalismo neoliberal. Ese período comezou co thatcherismo, reforzouse co esfarelamento da Unión Soviética e persiste na actualidade. Modificou o funcionamento da economía con atropelos ás conquistas sociais, que facilitaron a grande ampliación de actividades e territorios sometidos á lóxica do beneficio.

 Todas as correntes de pensamento coinciden en resaltar os efectos negativos desa etapa para América Latina. Pero a teoría marxista da dependencia achega importantes instrumentos adicionais para esa avaliación.

 Este enfoque foi desenvolvido por Ruy Mauro Marini, Theotonio Dos Santos e Vania Bambirra nos anos 70. Alcanzou gran predicamento, cunha interpretación do subdesenvolvemento centrada na perda de recursos padecida pola periferia. Ilustrou especialmente como a reprodución dependente acentuaba a inserción internacional subordinada da rexión. Esa tradición permite avaliar oito características do escenario actual.

Extractivismo e primarización

 O primeiro trazo dominante da economía latinoamericana é a primarización e o extractivismo. Desde os anos 80 rexe un patrón de especialización exportadora, que recrea a antiga especialización da rexión como fornecedora de produtos básicos. Consolidáronse os cultivos de exportación en detrimento abastecemento local, a través dun empresariado que xestiona os negocios rurais con criterios de investimento e rendibilidade.

 Pola súa banda, as empresas transnacionais introduciron a explotación a grande escala da minaría, con extraccións ao descuberto que multiplican as desfeitas ambientais. Intensificouse, ademais, a succión de todas as variantes do petróleo (convencional, shale oil, subsolo marítimo).

 Este perfil de actividades centradas no agro, a minaría e a enerxía é máis visíbel en Sudamérica, pero acentúa a vulnerabilidade de toda a rexión fronte ao vaivén dos prezos das materias primas. Esta fraxilidade salta á vista no estancamento actual das cotizacións do petróleo, o cobre e a soia. Ningún deses produtos mantén os elevados niveis da década pasada.

 Aínda por riba, a nova ofensiva exportadora de Estados Unidos ameaza varios mercados da zona, mentres China incrementa a súa presenza na rexión. O xigante oriental persiste como o principal demandante de insumos básicos, mais selecciona compras e incentiva a competencia con provedores doutros continentes.

 Estes datos ilustran o agravamento dos problemas estruturais que estudaba a teoría da dependencia. A primarización e o extractivismo son as denominacións contemporáneas do subdesenvolvemento, xerado pola submisión da rexión aos prezos externos das commodities.

 A diferenza do pasado, os estudos deste problema xa non se inspiran en simples orzamentos de desvalorización das exportacións básicas. Rexistran, por exemplo, a dinámica ascendente desas cotizacións durante a década pasada.

 O movemento deses prezos é investigado tomando en conta o seu patrón cíclico. Ese vaivén reflicte a menor flexibilidade dos produtos primarios á innovación tecnolóxica, en comparación cos seus pares do universo fabril. Pola súa maior rixidez, eses insumos tenden a encarecerse xerando procesos reactivos de industrialización das materias primas.

 O dobre movemento de presións encarecedoras e reaccións de abaratamento explica a oscilación periódica deses prezos. Pero esas flutuacións sempre afectan á rexión. Pola súa condición dependente, América Latina nunca aproveita os momentos de vacas gordas e sempre padece os períodos de vacas fracas.

 Outro problema avaliado con maior atención é o adverso manexo da renda. Xurdiron importantes estudos sobre esa remuneración á propiedade dos recursos naturais, que pode ser interpretada como unha plusvalía extraordinaria xerada na propia actividade primaria ou absorbida doutros sectores.

 A gravitación desa renda creceu en forma excepcional polo seu carácter estratéxico para a acumulación. As grandes potencias disputan duramente o botín dos recursos naturais e América Latina continúa sufrindo a confiscación sistemática dese excedente. Esa apropiación retrata a dinámica actual da renda imperialista e dos procesos de acumulación por desposesión.

 A diferenza doutras economías non metropolitanas (como Australia ou Noruega) que aproveitan a renda para o seu desenvolvemento, América Latina ten vedado ese usufruto. Como ocupa un lugar subordinado na división global do traballo, drena de forma sistemática o groso deses recursos cara ao exterior.

 A primarización e o extractivismo exportador reproducen un escenario clásico do dependentismo. A análise da renda e do patrón cíclico dos prezos das materias primas complementa a clarificación que introduciu ese enfoque.

Regresión industrial

 O segundo trazo do escenario actual é o repregue da industria. En Sudamérica descendeu o peso do sector secundario no PIB e en Centroamérica quedou confinado aos elos básicos da cadea global de valor. Por iso circulan tantas reflexións sobre a “desindustrialización precoz” da rexión, que salientan as diferenzas coa deslocalización imperante nas economías avanzadas. Aumentou o distanciamento coa industria asiática e moitas fábricas pechan antes de alcanzar a súa madureza.

 Esa deterioración afecta principalmente ao modelo forxado para abastecer o mercado local, durante a substitución de importacións. A industria tradicional dos países medianos está en franco retroceso. En Brasil o aparello industrial perdeu a dimensión dos anos 80, a produtividade estancouse, o déficit externo expándese e os custos aumentan pola obsolescencia da infraestrutura. En Arxentina o declive é moito maior. A recuperación da última década non reverteu a aguda caída previa, persiste a alta concentración en poucos sectores, o predominio estranxeiro e a baixa integración de compoñentes locais.

 Mais tamén o modelo das maquilas mexicanas afronta graves problemas. Continúa ensamblando partes das grandes fábricas estadounidenses, pero perdeu gravitación fronte aos competidores asiáticos. Estas tendencias acentuaranse, se Trump impón as súas esixencias na renegociación do tratado de libre comercio (TLCAN).

 Todas as medidas que adopta o millonario para reverter o desbalance comercial estadounidense afectan a produción latinoamericana. Pretende debilitar os rivais brasileiros con escándalos tipo Oderbrecht e afortala o predominio ianqui nos servizos, o tráfico de datos e as comunicacións. Busca especialmente disputar con China o control do aparello fabril da rexión.

 Desde Hai anos o xigante asiático desprega un modelo de compras de materias primas e vendas de manufacturas, que erosiona o tecido industrial. Frecuentemente utiliza os convenios de librecomercio para bloquear calquera protección ao ingreso dos seus produtos.

 As dúas grandes potencias contan, ademais, co auxilio dos gobernos da restauración conservadora. Eses réximes aceleran a diminución de aranceis, no mesmo momento que Estados Unidos e China discuten o incremento das súas tarifas. Os presidentes dereitistas de Sudamérica avanzan mesmo na subscrición dun convenio de librecomercio coa Unión Europea, que afectará fondamente a Mercosur.

 A regresión industrial da rexión actualiza todos os desequilibrios do ciclo dependente que estudaron os teóricos da dependencia. Nos anos 70 salientaban a sistemático drenaxe de recursos que afectaba a ese sector, a través do xiro de utilidades. O maior predominio dos capitais foráneos acentuou nas últimas décadas esa obstrución ao proceso local de acumulación.

 A globalización produtiva xera unha crecente especialización latinoamericana en insumos básicos ou no simple funcionamento dos talleres de pezas. Polo lugar marxinal que ocupa da cadea de valor, América Latina non cumpre ningún papel significativo no deseño, a innovación ou a xestación de novos produtos.

 Pero a diferenza do escenario descrito polos teóricos da dependencia, o retroceso actual da industria latinoamericana coexiste cun despunte dos seus equivalentes asiáticos. Esa diverxencia verifícase no enorme alargamento da fenda que separa Corea do Sur de Brasil ou Arxentina.

 Ese distanciamento obedeceu nos seus inicios ao gran atractivo capitalista de explotar a forza de traballo barata do Sueste Asiático. Pero a fenda de salarios derivou posteriormente nunha inserción diferenciada de ambas as rexións na división global do traballo. Corea do Sur quedou integrada ao elo superior dun vasto entramado oriental, que recrea en bloque a vantaxe comparativa dunha forza de traballo desvalorizada e disciplinada.

 Mentres que América Latina era funcional ao vello modelo substitutivo de importacións, o Sueste Asiático optimiza a actual internacionalización capitalista da produción.

 A interpretación dependentista desa bifurcación pon o acento na forma de extraer plusvalía. Esa ollda contrasta coa simplificada visión neoliberal, que atribúe as diverxencias de ambas rexións a unha vantaxosa inclinación asiática pola apertura comercial.

 Moitos autores heterodoxos demostraron a falacia dese argumento. Pero supoñen inxenuamente que a diverxencia entrambas as zonas obedeceu á implementación de políticas económicas contrapostas. Estiman que os asiáticos optaron por un bo camiño desbotado polos seus pares latinoamericanos. Con ese orzamento de libre albedrío, esquecen todos os condicionamentos estruturais que impón a maximización do beneficio na división global do traballo

 O razoamento dependentista achega un bo soporte para comprender o retroceso industrial da rexión. Mais o distanciamento de América Latina co desenvolvemento asiático non se explica só co instrumental dos anos 60. Esa bifurcación esixe indagar a nova dinámica da globalización produtiva.

Modalidades de explotación

 A dramática deterioración dos indicadores sociais retrata un terceiro plano da realidade latinoamericana. Baixo o neoliberalismo non só se agravou o desemprego e a informalidade laboral. As fendas sociais novamente se alargaron na rexión máis desigual do planeta. Esa polarización explica a aterradora escala da violencia social que impera nas cidades. Das 50 urbes máis perigosos do planeta 43 localízanse en América Latina.

 A expulsión de campesiños provocada pola transformación capitalista do agro foi determinante desa degradación. Contribúe a engrosar a masa de excluídos urbanos que atopa pouco traballo e percibe ínfimos ingresos. A enorme expansión dese segmento explica o novo papel da narco-economía, como refuxio de supervivencia.

 Outro correlato da especialización en exportacións básicas é a concentración de actividades no turismo. En varias economías pequenas de Centroamérica a creación de empregos está practicamente restrinxida a ese sector.

 A ausencia de postos de traballo multiplica a emigración e a conseguinte dependencia familiar das remesas. Enormes continxentes de mozos desempregados teñen simultaneamente vedado o arraigo e a emigración. Trump acentúa esa adversidade declarando a guerra aos desamparados. Insulta os mexicanos, constrúe muros e despreza os países do Caribe.

 As teorías económicas convencionais adoitan omitir eses padecementos. En cambio a tradición dependentista, prioriza a denuncia de todas as desgrazas xeradas polo capitalismo dependente. Ilustra como o modelo neoliberal potencia a miseria reforzando a informalidade laboral. A diferenza das economías desenvolvidas, a pobreza supera en América Latina o segmento precarizado e afecta a unha enorme porción dos traballadores estábeis.

 A clase media da rexión só aglutina na rexión un reducido conglomerado da poboación. En comparación cos países avanzados achega un colchón moi exiguo, ao abismo que separa os adiñeirados dos empobrecidos. Está constituída principalmente por pequenos comerciantes ou 'contrapropistas' e non por profesionais ou técnicos cualificados.

 Ese infradesenvolvemento reflicte a estreiteza da industria e a escasa gravitación dos servizos de alta tecnoloxía. A expansión dos sectores medios nalgúns países durante a década pasada foi sobredimensionada e omitiu a súa coexistencia coa enorme desigualdade.

 É evidente que o modelo actual amplía a fenda de salarios entre América Latina e as economías centrais. Esa disparidade corrobora a continuidade do escenario dependentista. Tal como sinalaba Marini, esa disparidade de soldos acentúase pola inclinación dos capitalistas locais a compensar a súa debilidade internacional, con maior opresión da forza de traballo.

 As grandes diferenzas nacionais de salario afianzáronse baixo o capitalismo neoliberal. Pero non validan o tradicional contrapunto entre formas de explotación no centro e modalidades de superexplotación na periferia.

 A globalización produtiva diversificou a estrutura internacional dos salarios, con novas estruturas de valores altos, medios e baixos da forza de traballo. As empresas transnacionais teñen en conta esas diferenzas, para definir os seus investimentos e optimizar o fraccionamento do proceso de fabricación en distintos países.

 Os grandes cambios xerados por esa reorganización da actividade laboral afectan a todas as economías. América Latina acompaña, por unha banda, a tendencia á segmentación dos asalariados entre un sector formal-estábel e outro informal-precarizado. Os países centrais incorporan, por outra banda, a retribución dunha parte da forza de traballo por baixo do seu valor. A actualización do razoamento dependentista esixe conceptualizar esas transformacións das últimas décadas.

Determinantes do endebedamento

 O crecente peso da débeda constitúe un cuarto trazo da economía latinoamericana actual. Ese pesadelo segue afectando á rexión, a través da vella secuencia de desequilibrios fiscais e déficits externos, que engrosan os pasivos e precipitan as crises.

 Baixo o capitalismo neoliberal rexistráronse períodos de distinta gravidade dese encadeamento. Na década pasada a apreciación das materias primas e o ingreso de dólares permitiron certo alivio. Posteriormente ese respiro desapareceu e o endebedamento rexurdiu con gran intensidade.

 A relación débeda/produto desmellorou significativamente na maioría dos países desde o 2015. A presenza de dous actores complementarios dese proceso -o FMI e os fondos de investimento- é moito máis visíbel que no pasado.

 A tradición dependentista adoita evitar a análise do endebedamento en simple clave de especulación financeira. Salienta que o crecente peso dos pasivos expresa a fraxilidade produtiva e comercial do capitalismo dependente. A vulnerabilidade financeira complementa esas inconsistencias.

 Hai desacougo co pagamento dos xuros, os refinanciamentos compulsivos e as cesacións de pagamentos polo perfil subdesenvolvido de economías primarizadas, con pouca industria e elevada especialización en servizos básicos. O endebedamento non se dispara só polo “saqueo dos financeiros”. Reflicte a crecente debilidade dos procesos de acumulación.

 O mesmo ocorre co déficit fiscal. Ese desbalance non deriva do populismo, o malgasto ou a indisciplina dos latinoamericanos. Reflicte a condición dependente de todos os países. A deterioración das contas públicas profundouse, ademais, pola xeneralizada fuga de capitais que instrumentan os adiñeirados da rexión.

 Esa emigración de fondos acrecentouse nas últimas décadas pola localización das grandes fortunas nos paraísos fiscais. A mudanza é tamén indicativa da estreita asociación xestada polos grandes grupos locais (Rocca, Slim, Cisneros, Camargo Correa) coas empresas transnacionais. A concentración e estranxeirización das principais empresas confirma o diagnóstico das clases dominantes formulado pola teoría marxista da dependencia.

 A vella burguesía nacional de industriais -que privilexiaba a expansión da demanda, fabricando para o mercado interno con protección aduaneira- extinguiuse. Na actualidade predomina unha burguesía local que prioriza a exportación e prefire a redución de custos á ampliación do consumo. Todos os cuestionamentos dependentistas á existencia dunha burguesía nacional desenvolvementista foron validados por esa evolución das clases capitalistas.

Variedade da crise

 Tamén a dinámica da crise corrobora as caracterizacións da teoría da dependencia. Esas convulsións constitúen unha quinta característica do escenario rexional.

 Baixo o neoliberalismo as crises foron máis periódicas e intensas a escala global. En certos casos (2008-09), provocaron grandes recesións e involucraron socorros aos bancos liquidados con emisión monetaria. Noutras circunstancias, golpearon as economías intermedias (México en 1995, Sueste Asiático en 1997, Rusia en 1998, Arxentina en 2001).

 Esta última variedade reaparece na actualidade e xa impacta sobre Arxentina e Turquía. A crise concéntrase novamente nos denominados países emerxentes, afectados pola valorización do dólar, o aumento da taxa de xuros estadounidense e as tensións comerciais entre as grandes potencias.

 A mediados do 2018 Arxentina transformouse no elo máis débil do entramado rexional. A política neoliberal extrema de Macri xerou déficit comercial, fuga de capitais e un festival de especulación financiado con créditos externos. Cando os acredores cortaron os empréstitos temendo a cesación de pagamento, o goberno recorreu a un desesperado auxilio do FMI. Esa decisión puxo en marcha un círculo vicioso de axustes que empobrecen a poboación. O potencial contaxio da convulsión arxentina a outros países é a principal preocupación dos economistas.

 As crises foron un pesadelo recorrente do capitalismo dependente. Obedecen, en primeiro lugar, ao estrangulamento do sector externo que xeran os desequilibrios comerciais e as saídas de fondos financeiros.

 Como as economías latinoamericanas dependen do vaivén de prezos das materias primas, nos períodos de valorización exportadora aflúen as divisas, aprécianse as moedas e o gasto expándese. Nas fases opostas os capitais emigran, decrece o consumo e deterióranse as contas fiscais. No pico desa adversidade irrompen as crises.

 Esas flutuacións magnifican á súa vez o endebedamento. Nos momentos de valorización financeira os capitais entrar para lucrarse con operacións de alto rendemento e nos períodos inversos xeneralízase a migración dos capitais. Estas operacións consúmanse engrosando os pasivos do sector público ou privado.

 O segundo determinante das crises rexionais son os periódicos recortes do poder adquisitivo. Esas amputacións agravan a ausencia estrutural dunha norma de consumo masivo. A debilidade do mercado interno e o baixo nivel de ingreso da poboación explican esa carencia. A expansión da informalidade laboral, os baixos salarios e a estreiteza da clase media acentúan a fraxilidade do poder de compra.

 As dúas modalidades da crise -por desequilibrio externo e por retracción do consumo- verificáronse en todos os modelos das últimas décadas. Irromperon durante a substitución de importacións (1935-1970) e reapareceron na “década perdida” de estancamento e inflación (anos 80). No posterior debut do neoliberalismo asumiron maior intensidade polo impacto da desregulación financeira, a apertura comercial e a flexibilidade laboral.

 Os mesmos desequilibrios persistiron durante os ensaios neodesenvolvementista da década pasada. A intervención do estado para soster o nivel de actividade non fixo fuxir a pantasma da crise. As desfasaxes da balanza de pagamentos e as asfixias do consumo están inscritos no ADN do capitalismo latinoamericano.

 A teoría da dependencia sempre estudou esas tensións con criterios multicausais e subliñou a ausencia dun só determinante da crise. As convulsións que padece a rexión son desencadeadas por forzas diversas, que combinan os desequilibrios externos coas restricións do poder de compra. A sobreprodución ou o declive porcentual da taxa de ganancia -que impactan máis directamente sobre as economías desenvolvidas- operan a unha escala que vai alén do escenario rexional.

Imperialismo e subimperialismo

A sexta característica da rexión deriva da súa continuada subordinación ao imperialismo estadounidense. A pretensión de Trump de restaurar a hexemonía da primeira potencia agrava ese sometemento. O magnate intenta utilizar o poder xeopolítico-militar do seu país para recuperar posicións económicas perdidas. Nesa estratexia de recomposición imperial, América Latina é tratada como un patio traseiro suxeito á doutrina Monroe.

 Trump busca reducir a marxe de autonomía dos tres países medios da rexión. Esixe que Brasil entregue a explotación petroleira, que México reforce a penetración da DEA e que Arxentina se some ás provocacións antiiranianas. Como as invasións directas tipo Grenada ou Panamá non son factíbeis (polo de agora), o ocupante da Casa Branca reforza as bases en Colombia e auspicia accións terroristas contra Venezuela.

 Os presidentes dereitistas da rexión -que agardaban unha relación de sometemento tradicional- aceptaron a submisión extrema que esixe Trump. Non só validan as decisións do Ministerio de Colonias (OEA) e se axeonllan nas Cimeiras de Lima. Promoven, ademais, a disolución de UNASUR por simple pedido do Departamento de Estado.

 Este escenario actualiza o legado antiimperialista da teoría da dependencia, que combinaba tradicións de resistencia nacional con proxectos socialistas. Ese enfoque inspirouse no proceso anticapitalista que inaugurou a revolución cubana, radicalizando a batalla contra o agresor estadounidense.

 O período de grandes esperanzas en acelerados avances do socialismo, que espertou ese triunfo no Caribe pechouse nos anos 80, coa derrota dos movementos guerrilleiros, o fracaso da Unidade Popular chilena e a frustración de Nicaragua.

 Mais o antiimperialismo reapareceu posteriormente nas rebelións populares que iniciaron o ciclo progresista, con ideas de soberanía nacional e campañas contra o pagamento da débeda externa. A continuidade desa batalla actualmente inclúe a denuncia do embargo que sofre Cuba e as agresións que padece Venezuela.

 As bandeiras antiimperialistas non perderon centralidade coa globalización. As resistencias populares xorden, maduran e desenvólvense en distintos países ou rexións, a través de organizacións e programas nacionais.

 O dependentismo tamén legou unha tradición de empalmes entre a teoría económica, a acción política e o compromiso social. Esa complementariedade é decisiva nunha rexión con elevados niveis de mobilización popular.

 Neste mesmo terreo político verifícase unha sétima característica máis peculiar das economías medianas, que nos últimos anos foron clasificadas na marca dos emerxentes. Actualmente, verifícase unha gran remodelación deses estamentos intermedios.

 A vella relación bipolar (centro-periferia) actualmente adopta certos trazos triangulares, ante a competencia entre economías metropolitanas e novas potencias industrializadas polo sometemento da periferia. No seu amoldamento á globalización produtiva, as distintas franxas intermedias adoptan modalidades diferenciadas.

 Algunhas economías insírense no gran taller industrial de Oriente e outras recrean o seu antigo rol de provedoras de insumos. O primeiro grupo ascende e o segundo retrocede da división global do traballo, seguindo as traxectorias contrapostas que transitaron Corea do Sur e Brasil.

 Como a teoría marxista da dependencia sempre prestou gran atención aos países intermedios, a súa ollada facilita a comprensión destas novas situacións. Cómpre lembrar que Marini analizaba as singularidades desas formacións, distinguindo o status dos países máis relegados do lugar alcanzado por Brasil no escenario rexional.

 O teórico da dependencia introduciu o concepto de subimperialismo para retratar ese segmento. Asignoulle a esa categoría unha dimensión económica de expansión externa e outra xeopolítico-militar de protagonismo rexional.

 A caracterización complementaria de semiperiferia que achegou Wallerstein definiu os países intermedios pola súa inserción internacional e nivel de desenvolvemento. Esa noción permite, por exemplo, distinguir na actualidade a Corea do Sur de Moçambique.

 O alcance do subimperialismo é máis controvertido. Aplícase ás subpotencias rexionais con capacidade de acción militar, que cumpren un dobre rol de xendarmes asociados e autónomos de Estados Unidos. Turquía e India exemplifican ese rol no medio Oriente e o Sur de Asia.

 Pola contra Brasil mantén un estatus semiperiférico, sen desenvolver unha acción subimperial en Sudamérica. Ese perfil xeopolítico é coherente coa súa regresión manufactureira e a súa especialización nas exportacións primarias. Brasil ilustra a inexistencia de estritos paralelos entre potencias subimperiais e economías semiperiféricas.

Réximes autoritarios

 A multiplicación de gobernos autoritarios constitúe o oitavo trazo actual de América Latina. Ese perfil verifícase tanto nos réximes dereitistas continuados (Perú e Colombia), como nos xurdidos de eleccións (Arxentina) ou golpes institucionais (Honduras (2009, Paraguai 2014, Brasil 2017).

 En todos os casos se afianzan sistemas represivos que utilizan o estado de excepción para aplicar a axenda neoliberal. As situacións de maior dramatismo obsérvanse en México (2.000 mortes por mes, incontábeis desaparecidos, 330.000 desprazados) e Colombia (385 líderes sociais asasinados desde a asinamento do Acordo de Paz). A mesma tónica adopta o asasinato de militantes populares. Xa hai varios nomes que simbolizan o mortífero accionar dos xendarmes e as bandas parapoliciais (Marielle Franco, Sabino Romero, Berta Cáceres, Santiago Maldonado, Yolanda Maturana).

 A persecución de opositores e a proscrición dos principais líderes do ciclo progresista ilustran a mesma tendencia, nun marco de crecente fraude e alta abstención electoral. Mesmo os gobernos conservadores con certo apoio social afrontan escenarios de lexitimidade decrecente.

 Na maioría dos países os medios de comunicación fixan a axenda dereitista. Identifican a corrupción co progresismo, ocultando o protagonismo de moitos presidentes neoliberais nos desfalcos do erario público.

 O golpismo de Brasil sintetiza todos os trazos do novo modelo autoritario. Os poderosos gobernaron coa complicidade dos xuíces, utilizando as infamias difundidas polos medios de comunicación e as ameazas propagadas polos militares. Vulneraron as formalidades institucionais para instaurar unha descarda plutocracia.

 Para caracterizar os novos réximes represivos son moi relevantes algunhas ideas expostas polos teóricos da dependencia. Neses traballos asignaron unha significativa gravitación ao alicerce coercitivo dos sistemas políticos latinoamericanos.

 Na época das ditaduras analizaron especialmente os modelos de contrainsurxencia, avaliando as súas familiaridades e diferenzas co fascismo. No período posditatorial advertiron a incompatibilidade do neoliberalismo coa continuidade das conquistas democráticas. Esa contraposición corroborouse de xeito contundente nas últimas décadas.

Adversarios e balances

 A teoría marxista da dependencia contribúe a esclarecer as principais características do escenario latinoamericano actual. Permite comprender o extractivismo, o repregamento da industria, a deterioración social, o endebedamento estrutural, o reinicio da crise, a relación co imperialismo, a especificidade das semiperiferias e a dinámica dos réximes autoritarios. Esa clarificación verifícase na polémica coas dúas teorías máis influentes da rexión: o neoliberalismo e o neodesenvolvementismo.

 A primeira corrente mantén o seu predominio na maioría dos gobernos, universidades e medios de comunicación. Persiste como práctica reaccionaria, pensamento conservador e modelo de acumulación antipopular.

 O neoliberalismo anticipou en Sudamérica (a fins dos 70) a súa preeminencia internacional. Mais tamén enfrontou nesa rexión resistencias superiores ao resto do mundo. Tivo unha etapa inicial de políticas de axuste e outra fase posterior centrada nas privatizacións. Esas orientacións acentuaron todos os desequilibrios económicos tradicionais.

 Na actualidade, os neoliberais continúan repetindo as mesmas receitas de apertura comercial e flexibilización laboral. Idealizan o capitalismo e negan os seus desequilibrios intrínsecos. Supoñen que a mundialización aproxima a sociedade a un idílico estadio de mercados perfectos, distribución óptima de recursos e converxencias entre economías avanzadas e atrasadas.

 Desde o atril reiteran todas as fantasías da ortodoxia neoclásica. Mais na xestión práctica volvéronse máis pragmáticos e eluden a análise de calquera episodio que contradiga os seus dogmas. quedaron especialmente desconcertados pola presenza dun presidente estadounidense que emite discursos proteccionismo e un inimigo chinés que defende o librecomercio.

 A confrontación dependentista coas incongruencias do neoliberalismo enriquece a batalla de ideas, contra os principais defensores da orde opresivo imperante en América Latina.

 O debate co neodesenvolvementismo transita por outro carril. Aquí prevalece un contrapunto de perspectivas opostas para superar o atraso da rexión. A diverxencia actual está centrada no balance dos modelos heterodoxos ensaiados na última década, para retomar a industrialización con políticas de regulación estatal.

 A crítica dependentista salienta que esas orientacións obviaron os cambios estruturais requiridos para erradicar o subdesenvolvemento. En Arxentina eludiron a xestión estatal do comercio exterior, en Brasil validaron a primacía das finanzas e a escala rexional conxelaron os proxectos de integración (Banco do Sur, fondo común de reservas, sistema cambiario coordinado). Por esa razón, as melloras logradas no comezo deses modelos disipáronse, cando se consolidou a adversidade económica internacional.

 A teoría da dependencia permite entender os límites das experiencias neodesenvolvementistas. Eses proxectos minimizan a escala e intensidade dos conflitos vixentes baixo o capitalismo. Relativizan o sometemento da rexión á dominación imperial e apostan inxenuamente por un funcionamento amigábel das economías asentadas no beneficio.

 Certamente o ciclo progresista da década pasada permitiu desafogos políticos, conquistas democráticas e melloras sociais. Pero non chegou a conformar unha etapa posliberal. Os gobernos mantiveron os privilexios dos grupos dominantes e asustáronse fronte ás protestas sociais. Por iso toleraron a demagoxia da dereita e abriron o camiño á restauración conservadora.

 O balance crítico debe estenderse tamén ao proceso máis radicalizado de Venezuela, que continúa afrontando a guerra económica e as conspiracións criminais. O chavismo desenvolveu políticas de redistribución do ingreso, que afectaron ás clases dominantes e melloraron inicialmente o ingreso das maiorías. Pero nunca transformou a renda petroleira no alicerce dun proxecto produtivo. Todas as iniciativas de industrialización quedaron bloqueadas polo mal uso das divisas e os compromisos coa boliburguesía.

 As experiencias dos últimos anos confirman a necesidade de respostas socialistas aos problemas da rexión. Ese horizonte foi postulado pola teoría da dependencia en contraposición ás ilusións de forxar modelos humanitarios, inclusivos ou redistributivos do capitalismo. Eses atributos contradín a lóxica dun sistema rexido por explotación e a desigualdade.

 Ningunha modalidade do capitalismo de estado resolve os desequilibrios do capitalismo privado. As mesmas contradicións que xeran a competencia, o beneficio e a explotación afectan a ambas sa variantes. A superación do capitalismo dependente esixe unha renovada batalla polo socialismo.

Reivención do dependentismo

 A proveitosa actualización do legado de Marini non se estende á obra de Fernando Henrique Cardoso. O ex mandatario de Brasil inspirou a versión convencional da teoría da dependencia, a partir dunha caracterización do nivel de autonomía exhibido por cada país latinoamericano.

 Cardoso rexeitou primeiro a contraposición entre dependencia e desenvolvemento, para auspiciar un desenvolvemento asociado coas empresas transnacionais. Posteriormente incorporou todos os dogmas do neoliberalismo. Houbo continuidade de pensamento e non só improvisación, no home que queimou todos os seus escritos para ocupar a cadeira presidencial.

 A visión marxista situouse no camiño oposto. Retomou a revalorización da loita nacional que concibiu o autor d’O Capital na súa madureza e reelaborou todos os estudos da centuria pasada sobre o subdesenvolvemento. Ese dependentismo madurou nos encontros coa teoría do sistema-mundo e nos empalmes co marxismo endoxenista. Con ese sustento alargado ofreceu un gran alicerce para comprender a realidade latinoamericana.

 A teoría marxista da dependencia foi revitalizada por dúas figuras recentemente falecidas. Theotonio Dos Santos pescudou múltiples facetas do capitalismo contemporáneo e achegou importantes reflexións sobre o estado, as clases dominantes e a burocracia. Samir Amin razoou desde Asia e África os problemas de antigas sociedades orientais sometidas ao colonialismo, combinando en forma maxistral a historia coa economía. A continuación desas investigacións permitirá anovar unha concepción imprescindíbel para descubrir os enigmas do século XXI.

Resumo

 Un enfoque renovado da teoría marxista da dependencia clarifica as causas do retroceso económico latinoamericano durante o neoliberalismo. Ilustra como o extractivismo recrea o subdesenvolvemento e explica o repregamento da industria fronte á competencia asiática.

 Tamén salienta a coexistencia da fenda internacional dos salarios, coa segmentación laboral na periferia e a precarización no centro. Destaca que o crecente endebedamento expresa a fraxilidade do capitalismo dependente e a asociación das clases dominantes cos seus pares foráneos. Esclarece, ademais, a combinación de crise por desequilibrios externos e asfixias do poder adquisitivo.

 Os principios antiimperialistas do dependentismo recobran vixencia fronte ao intento estadounidense de recuperar hexemonía. Os seus conceptos de semiperiferia e subimperialismo clarifican o despunte dos emerxentes. Esa escola ofrece interpretacións do autoritarismo dos réximes dereitistas e argumentos para confrontar co neoliberalismo. Permite ademais extraer balances da frustración neodesenvolvementista. A reinvención desa teoría transita polo camiño que labraron Theotonio Dos Santos e Samir Amin.

 

[Artigo tirado do sitio web Resumen Latinoamericano, do 20 de setembro de 2018]