América Latina: A esquerda pode triunfar de novo

Emir Sader - 29 Xun 2018

Cando a esquerda logra colocar no centro do debate político a oposición entre neoliberalismo e antineoliberalismo, expresando o enfrontamento central do noso tempo, a esquerda vólvese a forza hexemónica no país

 Na era neoliberal a dereita non dispón de políticas que poidan acadar a simpatía e o apoio de grandes sectores do pobo. Puido gañar varias eleccións e gobernar, mentres logrou convencer, apoiada no monopolio dos medios privados, de que os problemas dos países e de toda a súa poboación se resolverían con recortes nos recursos do Estado. Pero logo, a gran maioría decatouse de que iso non levaría a responder ás necesidades da gran maioría, senón, ao contrario, da minoría, dos banqueiros, dos grandes empresarios, dos especuladores.

 A partir dese momento a esquerda estivo en condicións de conquistar o apoio da gran maioría da poboación, propoñendo un programa que ía na dirección oposta, na prioridade das políticas sociais, para responder ás desigualdades sociais. En que o Estado invista máis recursos, pero no desenvolvemento económico e en atender os dereitos do pobo.

 As experiencias fracasadas dos intentos de restauración neoliberal en Brasil e Arxentina demostran que ese é sempre o programa da dereita, que é o proxecto fracasado nos anos 1990 o que a dereita ten que ofrecer. En Brasil, por exemplo, a contraposición entre o apoio próximo a cero do goberno de Temer, cuxa razón fundamental, segundo as mesmas enquisas, é a súa política económica neoliberal, e o apoio maioritario para que Lula volva ser presidente de Brasil, coa proposta de retomar o modelo antineoliberal, confirma absolutamente esa formulación. En Arxentina, o gran desgaste do goberno de Macri débese ás consecuencias económicas e sociais da súa política de axuste fiscal, de corte netamente neoliberal.

 Cando a esquerda logra colocar no centro do debate político a oposición entre neoliberalismo e antineoliberalismo, expresando o enfrontamento central do noso tempo, a esquerda vólvese a forza hexemónica no país.

 A probábel elección de López Obrador non se fai centrada nesa polarización, pero é parte central do seu programa de goberno a reactivación da economía e políticas sociais de redistribución de renda e de combate ao desemprego, trazos fortes dos gobernos de esquerda. En Colombia, o triunfo da dereita deuse porque esa forza logrou manter como central o tema da rediscusión das negociacións de paz. Pero, cunha formulación fortemente antineoliberal, Gustavo Petro levou, por primeira vez na historia de Colombia, a esquerda á segunda volta das eleccións presidenciais.

 A perda de apoio ao goberno de Lenin Moreno débese, sobre todo, á viraxe da súa política económica na dirección do neoliberalismo, a contramán do éxito do goberno de Rafael Correa. O goberno de Evo Morales, á súa vez, mantén políticas claramente de desenvolvemento económico, acompañado de políticas sociais, que lle garanten un apoio maioritario da poboación.

 Na era neoliberal, a esquerda ten condicións moi favorábeis para construír alternativas propias e triunfar. A forza da dereita é máis ideolóxica, buscando desprazar a axenda dos temas sociais pola crítica do Estado e as propostas do estilo de consumo como obxectivo central da vida das persoas.

 A esquerda pode triunfar, pode volver triunfar, se logra proxectar un ideal de vida en sociedade centrado na atención aos dereitos de todos, na solidariedade, na construción colectiva dunha sociedade xusta, se gaña conciencias, a alma das persoas, se logra que o conxunto da sociedade asuma como obxectivo a democratización profunda da sociedade. Se logra incorporar á vida política as mulleres, a xente nova, os negros, os máis ausentes, até aquí. Se logra combater sistematicamente os mecanismos de alienación na sociedade, se logra espertar na gran maioría da poboación a conciencia de clase, a conciencia nacional, abrindo espazos para que a xente nova exprese as súas identidades, que rescaten o interese por outra forma de facer política que a tradicional.

 A esquerda perdería unha oportunidade histórica única se non logra constituírse en alternativa á dereita na era neoliberal.

 

[Artigo tirado do sitio web Alainet, do 25 de xuño de 2018]