Alemaña volve ás súas
O obxectivo da última partida de 90.000 millóns de euros outorgados a Ucraína pola UE é manter a esfarelada capacidade militar ucraína dous anos máis e prepararse mentres para unha gran guerra contra Rusia en Europa. Unha guerra que se poida librar, mesmo se os Estados Unidos non participan nela
Alemaña non parece ter remedio. Volve ás súas. A estúpida arrogancia dos seus políticos está en liña coa dos seus pais e avós derrotados en Stalingrado. Vólvense armar e proclaman o seu obxectivo de “volver contar co exército máis poderoso de Europa”. A frase provoca calafríos. Non pola ameaza dun novo Hitler, senón pola imbecilidade que transmite a calquera que teña unha mínima memoria histórica.
A simple realidade é que Alemaña volveu ás súas en canto o país recuperou a súa soberanía en outubro de 1990. Dezanove meses despois da súa reunificación nacional, un xeneroso agasallo da URSS de Mikhail Gorbachov, xa utilizaron as súas forzas armadas por primeira vez desde Hitler contra un pobo, o serbio, cuxa guerrilla fora a primeira en combater os nazis nos Balcáns medio século antes, e volvían apoiar os antigos aliados dos nazis na rexión, croatas e musulmáns bosníacos, no seu esforzo por disolver Iugoslavia, un país que xornais como o Frankfurter Allgemeine Zeitung e Die Welt, así como o semanario Der Spiegel, consideraban unha “creación artificial”. Para iso, o ministro de exteriores verde Josef Fischer tivo que comparar “os serbios” cos nazis e o conflito de Kósovo con Auschwitz, comparacións monstruosas “especialmente en boca dun alemán”, segundo o xeneral Heinz Loquai, un dos raros militares alemáns que criticou aquilo.
Como apuntou Diana Johnstone, autora dun dos mellores libros sobre a intervención militar occidental contra Iugoslavia, (Fool´s Crussade, 2002); “O que ocorreu en Alemaña foi unha estraña especie de transferencia masiva da identidade nazi, e da culpa, cara aos serbios. Se cadra, isto forneceu aos alemáns unha reconfortante sensación de alivio ao sentirse inocentes, e mesmo heroes, fronte a un novo pobo “criminal”, os serbios. Condenar o “xenocidio serbio” parecía proporcionar a clave psicolóxica para superar o pasado nazi de Alemaña co fin de volver ser unha gran potencia “normal”, capaz de proxectar o seu poderío militar no estranxeiro”.
Máis de vinte anos despois daquilo, o marco desa psicanálise amplíase exponencialmente. Rusia, que cando era a URSS foi arrasada nunha guerra alemá de exterminio con millóns de vítimas civís, volveu ser oficialmente declarada inimiga na doutrina militar alemá. Hai unha crecente presenza militar xermana nas repúblicas bálticas, especialmente en Lituania, onde periodicamente se realizan manobras contra Rusia. Os tanques “Leopard” marchan en Ucraína sobre as rodeiras dos seus antepasados “Tiger” e “Panther”. Os fillos e netos dos derrotados en Stalingrado non se avergoñan por iso, nin mostran complexo ningún. Ao mesmo tempo, volven situarse no campo xenocida, apoiando cegamente o masacre israelí en Gaza e a guerra contra Irán. “Israel fai o traballo sucio por todos nós”, di o seu energúmeno chanceler, mentres a súa policía reprime, como en ningunha outro lugar da Europa parda, calquera manifestación de solidariedade coas vítimas.
En 2025 Europa, a Unión Europea máis Inglaterra, gastou en 559.000 millóns de dólares nas súas forzas amadas, é dicir, case tres veces o que gasta Rusia (190.000 millóns), segundo o Instituto de Investigacións da Paz de Estocolmo (SIPRI). Rusia é o terceiro país do mundo que máis gasta, seguido de Alemaña, que ocupaba o quinto posto en 2024. E subindo.
O 14 de abril, durante a visita de Zelensky a Berlín, o Chanceler Merz declarou Ucraína “socio estratéxico” de Alemaña. Sumando o gasto militar alemán co ucraíno, a suma xa supera o gasto militar ruso. O eixo Berlín-Kiev, xermolo do exército europeo, como di Manolo Monereo? Desde este ano, “Ucraína será o noso socio bilateral máis importante”, dixo Merz, ao anunciar axudas a Kiev en materia de defensa antiaérea, armas de longo alcance, drons e munición de artillaría. Mentres no The Wall Street Journal constatan que “Ucraína é agora a guerra de Europa”, moitos se preguntan se o país non é xa un protectorado alemán. É a cuarta vez en 150 anos que o conflito entre rexións ucraínas –rusófilas as do Leste e rusófobas as do oeste (Galizia)– dexenera en guerra exacerbada pola intervención de potencias estranxeiras que buscan utilizar o país no seu proveito. Ocorreu durante a Primeira e Segunda Guerra Mundial, durante a guerra civil despois do Maidán de 2014 e tras a invasión rusa de 2022. O nacionalismo ucraíno tamén volve tropezar coa mesma pedra, e nesa pedra sempre figura Alemaña…
En calquera caso, o obxectivo da última partida de 90.000 millóns de euros outorgados a Ucraína pola UE é manter a esfarelada capacidade militar ucraína dous anos máis e prepararse mentres para unha gran guerra contra Rusia en Europa. Unha guerra que se poida librar, mesmo se os Estados Unidos non participan nela. O máximo militar xefe do exército belga, Frederik Vansina, acábao de deixar claro ao dicir que aínda lles faltan varios anos para adquirir a capacidade necesaria e que, entrementres, se alimenta a Ucraína para que manteña a fronte. En Moscova sucédense os comentarios belicosos sobre a necesidade de lle fender os dentes a esa Alemaña antes de que o seu delirio revanchista e militarista vaia a maiores.
A simple realidade é que todo aquilo da Vergangenheitsbewältigung, a confrontación responsábel co pasado, e o Schuldkomplex, o auto cuestionamiento pola culpa dos crimes da nación durante os doce anos do seu réxime nazi, foi unha comedia de posguerra á que se puxo fin en canto o país recuperou a súa soberanía en outubro de 1990. Como senón se explica o que se está a xestar?
[Artigo tirado do blog do autor, do 28 de abril de 2026]