Agrupación Enfermeira da CIG-Saúde na provincia da Coruña: "Non merecemos este Colexio e non nos representa"

A Coruña - 18 Abr 2023

A Agrupación Enfermeira da CIG-Saúde na provincia da Coruña vén de emitir un comunicado para denunciar a situación que se vive no Colexio de Enfermería, cunha xunta de goberno na que dimitiron xa 15 persoas das 18 persoas que a integran; pedir transparencia e a dimisión da actual presidenta para "que se materialice un cambio de verdade nesta institución".

A seguir reproducimos o comunicado íntegro:

"Non merecemos este Colexio de Enfermería na Coruña e non nos representa"

Hoxe en día a lei obriga a colexiarse como requisito indispensábel para o exercicio da profesión. Se estamos obrigadas a isto, temos o dereito de esixir información e responsabilidades ás directivas dos colexios, e non só o deber de pagar un recibo máis que  chega a final de mes.

En 2019, as colexiadas da Coruña puideron saber por fin cando había eleccións no COE da Coruña, xa que sempre se facían de forma opaca e sen publicidade nin difusión adecuada, perpetuando unha única candidatura. Desta candidatura eterna (da cal Ines López Carral era vicepresidenta), e froito do que parece unha disputa interna,  saíu a presidenta actual, que se rodeou de forma express dalgunhas persoas que daban certa esperanza a un cambio.

Tampouco deron tempo á proliferación doutras candidaturas polo que a oferta alternativa  veuse condicionada. Moitas persoas colexiadas puideron votar por primeira vez, e por esta razón a candidatura de Inés López Carral gañou as eleccións.

Que está acontecendo hoxe no Colexio de Enfermería (COE) da Coruña?

Despois destes anos, de 18 membros da xunta de goberno do COE dimitiron 15 e só queda  a presidenta, a súa tesoureira e unha persoa que nunca apareceu.

O motivo destas dimisións, evidentemente, son diversos. Pero sen dúbida son por discrepancias de como a  presidenta fai uso do Colexio. Os estatutos condicionan que na toma de decisión o restos de membros non teñan toda a relevancia que deberían, polo que os cambios máis profundos non se puideron executar. E, por suposto, tampouco se quixo abordar un cambio nos estatutos aínda que era posíbel e necesario.

Que pasou con esas expectativas?

O Colexio segue sendo unha institución pouco transparente, e dende logo non está ao servizo das persoas colexiadas. Non hai un control económico adecuado e a actual presidenta quedou soa sen dar contas a ninguén. A lexitimidade que lle deron as e os colexiados era rodeada dunha xunta de goberno, e non unha volta ao pasado onde ela xa foi cómplice dun colexio opaco. Por iso necesitamos que DIMITA, polo ben da Enfermería da provincia da Coruña.

Pedimos transparencia nunha entidade que ten un presuposto de máis de 1 millón de euros e na que as persoas colexiadas apenas recibimos nada, só a obrigatoriedade de pago que nos vén imposta. Necesitamos persoas que traballen polas colexiadas e colexiados e que se materialice un cambio de verdade nesta institución. Esta persoa non pode representar durante máis tempo as profesionais que traballamos todos os días para o avance e o desenvolvemento da profesión.