Advirten sobre a falta de seguridade nas obras de mellora do IES Pedra da Auga de Ponteareas

A CIG-Ensino apoia as reivindicacións do profesorado, que denuncia tamén o atraso dos traballos e esixe solucións integrais aos problemas do centro
Ponteareas - 16 Nov 2026

O claustro de profesorado do IES Plurilingüe Pedra da Auga de Ponteareas denuncia a falta de seguridade nas obras de renovación de parte da cuberta e as numerosas molestias que está a provocar entre a comunidade educativa, así como o propio o atraso na realización duns traballos que se prolongan dende o mes de agosto. En consecuencia, esíxelle á Consellaría de Educación tanto a adopción inmediata dunha serie de medidas de prevención como de solucións integrais que impidan que se sigan producindo filtracións de auga, reivindicacións que contan co apoio da CIG-Ensino.

Dende o profesorado trasladan publicamente a súa preocupación e malestar pola xestión das obras de reparación da cuberta do instituto, unha intervención que levaba máis de 10 anos sendo reclamada debido ao seu avanzado estado de deterioración, incluída a presenza de tellas con risco de desprendemento e materiais con amianto. “Aínda que valoramos que finalmente se acometese esta necesaria reforma, o desenvolvemento dos traballos está a provocar importantes problemas que afectan directamente á seguridade e ao funcionamento diario do centro”, sinalan.

Por unha banda sosteñen que a planificación da actuación foi deficiente, xa que as obras comezaron en agosto, non estiveron rematadas ao inicio do curso e permaneceron paralizadas durante máis dun mes desde principios de setembro, desaproveitando as condicións meteorolóxicas favorábeis dese período. “Como consecuencia, a mediados de novembro atopámonos cunha cuberta do patio semicuberto en peores condicións ca antes da intervención, sen chapa metálica nin illamento e con importantes filtracións de auga”.

Consecuencias para a saúde

Por outro lado, durante a execución dos traballos producíronse numerosas situacións de falta de seguridade: caída de entullos desde a cuberta sen os sistemas de protección adecuados, mesmo durante os recreos; vertedura de materiais sobre instalacións do centro, incluídos os talleres de electricidade; utilización de maquinaria pesada durante o horario lectivo; valados insuficientes nas zonas de obra e desconexión do pararraios sen comunicación previa ao instituto.

A situación actual resulta especialmente preocupante, tendo en conta que as chuvias están provocando filtracións en distintas dependencias, como a cafetería, a aula charca, as aulas de Polos Creativos, a aula de informática e a zona de despachos. “As medidas provisionais adoptadas, baseadas na colocación de lonas, están a resultar claramente insuficientes. Hai problemas de humidade, pingueiras, falsos teitos afectados pola auga e chans esvaradíos, con posíbeis riscos para a seguridade do alumnado e do persoal do centro”.

Ademais, as pingueiras de auga sucia no patio están a ocasionar danos nas pertenzas persoais da comunidade educativa, mentres que as condicións de humidade nas aulas xeran preocupación polas súas posíbeis consecuencias para a saúde, especialmente nas persoas con problemas respiratorios.

“O que debera ser unha actuación necesaria para mellorar as instalacións do instituto acabou converténdose nunha fonte de preocupación para toda a comunidade educativa. Non podemos normalizar que alumnado e profesorado teñan que desenvolver a súa actividade entre pingueiras, humidades, chans esvaradíos e zonas de obra sen as garantías de seguridade necesarias”, rematan.

Reclamacións do claustro de profesorado á Consellaría de Educación
  • A adopción inmediata de medidas provisionais eficaces para evitar as filtracións mentres non se poida executar a impermeabilización definitiva.

  • Que se dea prioridade absoluta á reparación e impermeabilización da terraza en canto as condicións meteorolóxicas o permitan.

  • Unha solución integral que elimine as filtracións e repare os danos e problemas de humidade xa ocasionados.

  • Un seguimento efectivo das obras por parte dos responsables da Consellería e a garantía de que o centro poida desenvolver a súa actividade en condicións de seguridade e salubridade.

  • Que a continuación dos traballos se realice respectando todas as medidas de seguridade, tanto para os traballadores da obra como para a comunidade educativa.

  • Que esta experiencia sirva para evitar que se repitan situacións semellantes en futuras intervencións, esixindo ás empresas o cumprimento dos prazos e das medidas de seguridade establecidas.