Advirten do abandono da Atención Primaria no Barbanza: menos persoal ca nunca para atender unha poboación que se multiplica no verán

A CIG-Saúde esixe a cobertura inmediata das vacacións, o reforzo extraordinario dos cadros e o cese dos peches encubertos
O Barbanza - 14 Xul 2026

A CIG-Saúde do Barbanza vén de denunciar publicamente a gravísima situación que están a vivir este verán os centros de saúde da comarca como consecuencia da falta de cobertura das vacacións e doutras ausencias do persoal. A realidade deste ano é aínda peor ca a do verán pasado e evidencia, unha vez máis, a absoluta falta de planificación da Xerencia da Área Sanitaria de Santiago e Barbanza.

Mentres os concellos costeiros da comarca experimentan un importante incremento da súa poboación durante os meses de xullo e agosto, o SERGAS decide reducir os cadros de persoal, obrigando as profesionais a asumir unha carga asistencial totalmente desproporcionada e comprometendo a calidade da atención que recibe a cidadanía. 

O SERGAS decide reducir os cadros de persoal, obrigando as profesionais a asumir unha carga asistencial totalmente desproporcionada e comprometendo a calidade da atención que recibe a cidadanía

Segundo datos do Instituto Galego de Estatística e do propio sector turístico, municipios como Ribeira, Boiro, A Pobra do Caramiñal, Rianxo e Porto do Son incrementan notablemente a súa poboación no período estival debido á chegada de persoas desprazadas, segundas residencias e turismo. Nalgúns destes concellos a poboación chega practicamente a duplicarse en determinadas semanas do verán, precisamente cando o Sergas decide traballar con cadros de persoal reducidos.

A situación da cobertura de vacacións neste distrito sanitario resulta especialmente preocupante:

  • Non se está cubrindo practicamente nada de vacacións de persoal médico nin de enfermería, deixando consultas sen substitución e obrigando ao resto do persoal a asumir os cupos das compañeiras ausentes.
  • A situación das TCAE empeora respecto a anos anteriores. Este verán, practicamente ningún centro conta con cobertura das vacacións desta categoría. Nos centros onde existen dúas prazas, como Ribeira e Porto do Son, quedan reducidas a unha soa profesional. En Rianxo están nunha quincena completa sen ningunha TCAE no centro. Unicamente na Pobra do Caramiñal se realizou a cobertura prevista.
  • Mantéñense ademais as distribucións de profesionais entre distintos centros en categorías tan sensibles como Matrona e Pediatría, dificultando a continuidade asistencial.

Especialmente grave é a situación de Pediatría. En Boiro, a baixa dunha das pediatras provocará que quede unha única especialista para atender as crianzas de Boiro e tamén as de Rianxo. Pola súa banda, as familias da Pobra deberán desprazarse ata Ribeira para recibir atención pediátrica. No caso da enfermaría pediátrica, só se están realizando intersubstitucións nos centros nos que existen dúas profesionais, como Ribeira. No resto dos centros aínda nin sequera se confirmou se haberá cobertura, cargando deste xeito as enfermeiras de persoas adultas quen teñan que asumir tamén a atención pediátrica, cando xa están desbordadas co seu traballo.

Esta política de non substitución tradúcese diariamente en situacións límite para os equipos asistenciais. Na pasada semana, o centro de saúde de Porto do Son contou unicamente con dúas enfermeiras das cinco coas que conta, ao coincidir vacacións sen cubrir con outras incidencias. En Rianxo chegou a haber tres enfermeiras das seis presencias, é dicir, apenas o 50 % da dotación habitual.

A CIG-Saúde considera absolutamente inaceptable que os centros de saúde funcionen con cadros de persoal reducidos á metade precisamente cando aumenta de forma considerable a demanda asistencial. “As vacacións son previsibles e poden planificarse. O problema non é a falta de previsión, senón unha decisión consciente de aforrar a costa do persoal e da saúde da poboación”, denuncia.

A consecuencia desta política son consultas masificadas, maiores tempos de espera, incremento da presión asistencial, dificultades para prestar unha atención segura e de calidade e un importante desgaste físico e emocional dun persoal que leva anos soportando unha sobrecarga crecente.

Desde a central sindical advirten de que esta situación non só prexudica ás e aos profesionais, senón tamén á cidadanía, que durante o verán precisa dunha Atención Primaria reforzada e non desmantelada. “Mentres o discurso oficial presume de fortalecer a Atención Primaria, a realidade nos centros de saúde do Barbanza é exactamente a contraria”.

En consecuencia, a CIG esixe á Xerencia da Área Sanitaria e ao SERGAS:

  • A cobertura inmediata das vacacións e de todas as incidencias en todas as categorías profesionais.
  • O reforzo extraordinario dos cadros de persoal durante o período estival, adaptando os recursos ao incremento real da poboación.
  • O cesamento da política de peches encubertos e de distribución de profesionais entre centros para ocultar a falta de persoal.
  • Un compromiso real coa Atención Primaria que garanta unha asistencia pública, universal, segura e de calidade para toda a cidadanía.

“A saúde da poboación do Barbanza non pode depender do aforro en contratacións nin do sobreesforzo permanente das e dos profesionais. O SERGAS ten a obriga de garantir unha asistencia digna durante todo o ano, e con máis motivo nos meses de verán, cando a demanda asistencial aumenta de forma moi significativa”, rematan.