Adeus compañeira Elvira!
Este domingo finaba Elvira Patiño Ogea, actual Secretaria Confederal de Servizos da CIG. A central sindical quere trasladar o sentido pesar polo pasamento da compañeira e recoñecer o seu labor na defensa dos dereitos da clase obreira galega, a súa contribución á construción e consolidación da propia CIG e o seu activismo para situar a problemática laboral e social da muller no centro do debate sindical. Mañá, luns 5 de decembro, realizarase un oficio ás 19:00 horas no tanatorio Albia da Coruña.
Funcionaria de carreira, Elvira Patiño foi delegada da Xunta de Persoal da provincia da Coruña nos anos 90, para pasar logo a desenvolver un papel máis activo dentro dos organismos da Confederación, primeiro como Secretaria Comarcal da Federación de Administración Pública na Coruña e logo ocupando a Secretaría Comarcal de Organización.
No ano 2001, é elixida Secretaria da Muller, cargo no que permaneceu até o ano 2007. Á fronte desta responsabilidade loitou por situar a problemática laboral e social da muller no centro dos debates do sindicalismo nacionalista, logrando consolidar a Secretaría da Muller como unha responsabilidade transversal en todos as estruturas da CIG.
Deste xeito, auspiciou a constitución de secretarías específicas de muller en cada unha das comarcas e federacións e que o departamento de muller estivera presente de forma permanente na Executiva Confederal con secretaría de seu; garantindo a transversalidade das políticas de xénero na central sindical, así como a participación das mulleres nos organismos.
Desenvolvendo campañas reivindicativas propias, consolidou a conmemoración de datas significativas para o feminismo, como o 8 de Marzo ou o 25 de Novembro, dentro da CIG. E tivo un especial interese na loita pola dignificación das condicións laborais das mulleres traballadoras do fogar, contribuíndo á organización do colectivo nunha asociación dende a que defender os seus intereses.
A partir de 2007 accedeu á Secretaria Confederal de Servizos, Afiliación e Migración (responsabilidade dende a que promoveu a creación do servizo de atención a migrantes en cada comarca), no V Congreso faise cargo da Secretaria Confederal de Organización e dende 2013 ocupaba a responsabilidade de Servizos e Afiliación.
A CIG quere recoñecer a entrega desta compañeira na defensa dos dereitos da clase traballadora, a súa participación activa no fortalecemento e consolidación do sindicalismo nacionalista de clase e nomeadamente o seu traballo por introducir a transversalidade de xénero no movemento sindical.
Grazas compañeira, até sempre!
A loita continúa