Acerca da suba do SMI

Antolín Alcántara - 14 Dec 2016

A diferenza do SMI no Estado co resto de países da contorna é clamorosa. Francia 1.466€, Alemaña 1.440€, Inglaterra 1.110€, Italia 1.000€, Holanda 1.500€, Bélxica 1.531€ e Irlanda 1.546€

O Goberno do Partido Popular, co apoio do PSOE, aprobou nestes días atrás un incremento do SMI que eleva este indicador até os 707€ mes para o ano 2017.

Esta decisión anula o aprobado días antes polo Pleno do Congreso que acordaba unha suba gradual que elevaría o SMI até os 950€ no ano 2020.

Cómpre que entendamos que o SMI representa o mínimo de salario que perciben os traballadores e traballadoras que non están amparados por un convenio colectivo. Tamén debemos saber que este salario de 707 € corresponde a unha xornada completa de 8 horas; por tanto, todos aqueles contratos a tempo parcial aplican a proporción correspondente a esta cantidade.

Esta decisión avalada por estes partidos mantén a clase traballadora afectada por este indicador nun nivel de pobreza estrutural, amplificado pola reforma laboral do PP que instrumentalizou os contratos a tempo parcial como bolsa masiva de fraude, con xornadas efectivas de traballo infinitamente superiores ás pactadas nos contratos. Estes partidos non ignoran esta realidade, pero contrariamente evitan lexislar medidas que corrixan esta explotación e precariedade.

No ano 2008, con Zapatero como Presidente recén electo, o PSOE acordou elevar o SMI até os 800€ no 2011. Oito anos despois a diferenza con esta cantidade parece insalvábel nos próximos anos. Na actualidade máis de dous millóns e medio de asalariados/as están afectados polo SMI; e representan o sector máis vulnerábel e necesitado socialmente. Tamén cómpre lembrar que, por lei, o SMI debe ser actualizado pola aplicación do artigo 27 do Estatuto dos Traballadores respecto a diferentes indicadores como o IPC ou a produtividade, pero en todos estes anos os diferentes gobernos alternativos de PSOE e PP desobedeceron este mandato, sendo distintamente obedientes aos reclamos dos grandes empresarios da CEOE. Interesa saber que por este feito o SMI perdeu máis dun 27% de incremento nos últimos 8 anos. De se aplicar a Lei, a contía actual do SMI debería ser de 832€.

Por efectos deste SMI e das reformas laborais, hoxe máis de 5 millóns de traballadores e traballadoras no Estado, ingresan menos desta cantidade de 707 €. En Galiza até o 32% dos asalariados/as, máis de 320.000 persoas perciben menos do SMI, segundo os datos da Axencia Tributaria.   

Desde A CIG sempre denunciamos que a pobreza dos salarios fai menos competitiva a economía. Os exemplos son evidentes e históricos. Con salarios máis baixos sempre temos máis paro e máis precariedade. A diferenza do SMI no Estado co resto de países da contorna é clamorosa. Francia 1.466€, Alemaña 1.440€, Inglaterra 1.110€, Italia 1.000€, Holanda 1.500€, Bélxica 1.531€ e Irlanda 1.546€.  

Resulta evidente que as políticas seguidas por estes Gobernos afondaron na desigualdade e na pobreza afectando deliberadamente á clase traballadora, mentres as rendas máis altas e as propias do capital se elevaron desproporcionadamente. Os ricos multiplicaron a súa riqueza con esta política neoliberal.

O IPREM

Até o ano 2004 o SMI era a referencia absoluta para prestacións, bolsas de estudo, axudas para alugueiro, vivendas sociais, desemprego,o  dereito á axuda familiar ou a prestación para maiores de 52 anos unha vez esgotada a prestación contributiva. Neste ano o PSOE crea o IPREM para regular estas continxencias quedando este indicador por debaixo do SMI. Na actualidade o IPREM está en 532€. Esta diferenza provoca que centos de miles de persoas nestes últimos anos non accedesen a estas prestacións, por superar o límite do IPREM; canto máis baixo, deixa a máis persoas fóra destas prestacións. A medida do PSOE prexudicou gravemente as persoas e familias máis humildes.

A continuidade destas políticas tan agresivas coa clase Traballadora debe ter unha resposta proporcionada a todo dano que nos causa. Só poderemos cambiar o noso futuro mobilizándonos coa forza que representamos os traballadores e traballadoras. Somos nós, a nosa clase, a que crea riqueza.

 

 

[Vigo, 14 de decembro de 2016]