Absentismo laboral: manipulación, mentiras e criminalización

Esta cuestión centra o Boletín 20 do Gabinete Técnico Confederal de Saúde Laboral da CIG

Compostela -

“Considerar calquera ausencia ao traballo como absentismo laboral, estea esta acreditada e xustificada ou non, supón na práctica, unha interesada distorsión da realidade laboral e das estatísticas…” Partindo desta premisa, o Gabinete Técnico de Saúde Laboral da CIG analiza a cuestión do absentismo laboral e como se manipulan os datos para criminalizar ás/aos traballadoras/es e xustificar recortes de dereitos laborais no seu Boletín nº 20.

Xunto con esta cuestión, o Boletín inclúe tamén un artigo de opinión baixo o título “Alongamento da vida laboral, saúde e sustentabilidade do traballo” e unha información relativa á proposta da Comisión Europea de modificación da actual directiva sobre canceríxenos e o establecemento de novos límites obrigatorios para 13 substancias.

A respecto deste último artigo, o Gabinete lembra que o cancro é a primeira causa de mortalidade laboral na UE, cun 53% do total, sendo o maior risco individual para a saúde dos/as traballadores/as, fronte ao 28% debido a enfermidades cardiovasculares ou o 6% que supoñen as enfermidades respiratorias. Por iso entende que é imprescindible “mellorar a protección contra os canceríxenos e mutáxenos químicos, limitando a súa exposición nos lugares de traballo”.

Canto ao alongamento da vida laboral, fai unha análise das razóns polas que se impuxo o atraso da idade de xubilación. Fronte a isto, que cuestiona taxativamente, entende que “é evidente que unha política razoable de xubilación favorecería non só unhas maiores taxas de reposición a nivel de emprego, senón que incidiría positivamente na calidade do mesmo se este se efectuase a través do modelo de “contrato relevo”, q que permitiría ao traballador/a entrante manter as condicións laborais do/a traballador/a saínte”.

Pódese acceder a todas as información contidas na publicación aquí: Gabinete Técnico de Saúde Laboral, Boletín nº 20

Volver