Abecedario para entender a vitoria do chavismo en Venezuela

Katu Arkonada - 21 Mai 2018

O chavismo volveu gañar as eleccións en Venezuela. Son 22 de 24 eleccións celebradas en Venezuela desde o triunfo do Comandante Chávez en 1998, triunfo que inaugurou o cambio de época en América Latina.

 Nun claro exemplo de disonancia cognitiva, unha boa parte da opinión pública internacional, incluída a esquerda, non termina de entender por que se Venezuela é unha ditadura no medio dunha guerra civil se celebran eleccións en paz, sen mortos, e con resultados semellantes, en participación e apoio ao gañador, a outros procesos electorais do continente.

 Imos cun breve abecedario para intentar comprender o sucedido:

 C de chavismo. Este abecedario non comeza pola A, senón pola C de chavismo, que máis que un concepto teórico, é unha teoría de acción colectiva, plebea, levada á práctica. Sen o chavismo político e sociolóxico, salvaxe en palabras de Reinaldo Iturriza, non sería posíbel entender non xa a revolución bolivariana, senón a resistencia heroica aos ataques políticos, económicos e mediáticos contra un proceso, ataques que comezaron desde a vitoria de Chávez, mais que recruaron coa súa morte en 2013.

 E de eleccións. Celebradas nun ambiente de total calma e tranquilidade, e garantidas por un sistema electoral que a propia Unión Europea avalou, e que o ex Presidente estadounidense Jimmy Carter considerou como “o máis seguro do mundo”. Cómpre salientar que o proceso para votar se abre mediante a marca dactilar, única, de cada persoa, que permite realizar un voto electrónico nunha máquina, que á súa vez emite un recibo, que á súa vez se introduce na urna. Polo tanto, o proceso ten 3 salvagardas que o converten en extremadamente seguro e fiábel calquera auditoría.

 F de Falcón. Henry Falcón, o segundo candidato (dos 4 que había, 1 oficialista e 3 de oposición) máis votado, demostrou que se pode ser opositor, promover medidas que supoñen un regreso á doutrina do shock neoliberal, e competir electoralmente sempre que se faga de xeito democrático e non violento. Outra cousa moi distinta é que o pobo venezolano fose dar a vitoria a un candidato que defendía abertamente a dolarización da moeda.

 M de Maduro. A ofensiva chavista que permitiu gañar 20 de 23 estados no país e máis de 300 alcaldías, así como as eleccións á Asemblea Constituínte, non sería posíbel sen o liderado de Nicolás Maduro. É ben lembrar que o actual Presidente venezolano non só foi un gran dirixente sindical xa desde os tempos en que Chávez daba o golpe cívico-militar de 1992, senón que ademais de Deputado, e Constituínte, foi o mellor Chanceler que tivo o ALBA, durando no seu cargo 6 anos.

 G de Guerra Económica. Estas eleccións realizáronse no medio dunha hiperinflación e especulación cambiaria inducida, situación sumada á caída dos prezos do petróleo que pasaron de 120 a 20 dólares por barril en cuestión de meses, e a corrupción presente en todo goberno onde se moven cantidades millonarias en contratos públicos (desde México á Arxentina). A diferenza é que outros presidentes non resistirían nin serían reelectos, como o foi Nicolás Maduro.

 O de Oposición. Estas eleccións son a derrota da oposición, con V de violenta. A oposición violenta que asasinaba persoas nas guarimbas ou as queimaba vivas por seren pobres, negras e/ou chavistas. Apostaron por unha estratexia de confrontación violenta, estratexia que foi derrotada por un pobo organizado, que castigou electoralmente o chavismo nas eleccións lexislativas de 2015, mais non avalou electoral nin politicamente a confrontación violenta e golpista.

 S de Santo Domingo. Seguimos esperando que un día se fagan públicos os acordos de Santo Domingo que nunca chegaron a asinarse, e se explique á opinión pública internacional por que a oposición venezolana, despois de acordar coa delegación do goberno 6 puntos, incluída a celebración de eleccións e o recoñecemento ao resultado destas, nunca sentou a asinar e ratificar o acordo consensuado por eles mesmos.

U de United States. Así, na lingua do imperio, para entender a forma de pensar dun país que fixo do imperialismo a súa doutrina política, económica e militar; dun país que mentres se rodea de muros e expulsa migrantes, sementa de bases militares América Latina e impulsa golpes de Estado; dun país cuxo Comando Sur cre ter xurisdición sobre países que defenden a súa soberanía política, económica e territorial. O imperialismo hoxe está máis presente que nunca en Venezuela (declarada perigo para a seguridade nacional de Estados Unidos), e o obxectivo é claro: o petróleo, gas, coltán e outros recursos estratéxicos venezolanos.

 Z de Zapatero. A agresión sufrida polo ex Presidente español José Luis Rodríguez Zapatero, nada sospeitoso de chavista, nun colexio electoral onde votan as clases altas de Caracas, retrata a oposición venezolana. Unha oposición con trazos fascistas, que foi derrotada politicamente, pero que aínda conta cun alto poder de lume para continuar a guerra económica e mediática.

 Este pequeno abecedario vainos axudar a entender o que sucedeu o día de hoxe, onde o chavismo se impuxo con rotundidade (case 6 millóns de votos fronte aos menos de 2 obtidos por Falcón) a unha oposición dividida na táctica e estratexia a seguir. Pero toca estar vixiantes, a estratexia envolvente que vén agora pasa tanto polo non recoñecemento do resultado electoral e illamento internacional da revolución bolivariana, como por unha estratexia de desestabilización para intentar gañar mediante a violencia o que non puideron gañar nas rúas.

 O goberno venezolano ten moitos defectos, como todos os gobernos do mundo, pero o pobo venezolano falou nas rúas e dado un voto de confianza a Maduro para resolver unha crise económica inducida. É claro que o chavismo ten máis apoio que o proxecto opositor que ten como obxectivo a volta ao neoliberalismo e iso é o único que debería importarnos; respectar a soberanía política, económica, territorial e popular dun pobo informado e politizado, que, aínda coa necesaria crítica e autocrítica, non quere volver ao pasado.

 

[Artigo tirado do sitio web Telesur, do 21 de maio de 2018]