Abanca destruíu 1011 empregos en 3 anos, un 20% dos postos existentes antes da privatización

Os despedimentos son a 'custe 0' porque se pagaron con diñeiro provisionado polo estado
Nacional - 14 Ago 2017

Dende a entrega de NCG Banco ao Grupo Banesco, impúxose un relato público sobre a xestión de Abanca que agocha a durísima reestruturación sufrida pola entidade. En 2013, NCG Banco tiña 5.043 traballadores e traballadoras e un total de 641 oficinas, segundo datos publicados pola Comisión Europea. En 2016, conforme aos datos publicados por Abanca, pechou o ano con 4.032 empregados/as e 668 oficinas.

En só 3 anos a nova dirección destruíu 1 de cada 5 postos de traballo, unha media de 1,8 postos menos por cada oficina. No mesmo período, medrou o volume de negocio xestionado por cada empregado/a e, polo tanto, a carga de traballo.

Estes datos, que de por si son escandalosos, hai que poñelos en relación ao ano 2010 e a fusión promovida pola Xunta de Alberto Núñez Feijóo. Daquela, as caixas galegas empregaban a case 8.000 persoas.

Malia a destrución de 1.011 postos de traballo, Abanca continuou recibindo axudas públicas conforme ao establecido polo FROB no momento da venda. Só polas cláusulas chan recibiu 427 millóns de euros entre o ano 2016 e o primeiro trimestre de 2017 (nese curto período de tempo o máximo accionista embolsouse 353 millóns de euros). Mesmo os beneficios do primeiro semestre de 2017 medraron un 23,1% até acadar os 229,1 millóns de euros.

Xa cando o Estado procedeu a vender NCG Banco S.A., a CIG reclamou que un dos baremos a valorar na poxa pública fose o mantemento do emprego. O FROB explicou que sería “difícil” valorar o mantemento do emprego, amosando un desprezo absoluto cara aos postos de traballo.

O feito é máis grave, xa que o rescate autorizado por Bruxelas levou ao Estado a provisionar con diñeiro público os despedimentos previstos inicialmente no Plan de Reestruturación do 2013. Así, Abanca está despedindo sen que lle custe un euro, pois os despedimentos son pagados con diñeiro público.