Arquivan a denuncia da CIG malia recoñecer ilegalidade na xestión dos helicópteros de incendios

Limita as posíbeis responsabilidades unicamente ao ámbito administrativo

Nacional -

O titular do Xulgado de Instrución nº 3 de Santiago de Compostela vén de arquivar provisionalmente a causa aberta a raíz da denuncia que a CIG-Administración Autonómica presentou na Fiscalía no ano 2012 pola adxudicación a dedo da contratación do servizo de helicópteros e brigadas as empresas Inaer e Natutecnia, respectivamente. Para o sector estamos diante dun "exercicio de surrealismo xudicial" xa que esta denuncia foi refrendada polas irregularidades que o Consello de Contas detectou nese e noutros contratos nos que o denominador común é a presencia en todos eles de Inaer.

Pese a recoñecerse no auto que a Xunta cometeu unha ilegalidade na citada contratación, a Xustiza non ve indicios de prevaricación e limita as posibles responsabilidades ao ámbito administrativo.

O xuíz utiliza como argumentación para xustificar a adxudicación a Inaer a excepcionalidade do momento e o feito de que esa empresa xa fora a adxudicataria nos concursos anteriores e posteriores ao do ano 2012, mais obvia un detalle moi importante. Nese ano 2012, por primeira vez, o contrato contemplaba o Servizo integrado de helicópteros e brigadas, aspecto este último totalmente novidoso con respecto aos contratos anteriores.

Nese senso, o sector da CIG-Autonómica lembra que na denuncia presentada pola central sindical se anunciaba, con case un ano de antelación, a adxudicación a dedo a Inaer do servizo dos helicópteros e a “subcontratación” do servizo das brigadas a Natutecnia, como así aconteceu. Este último aspecto é crucial porque até ese momento as brigadas eran propias do Servizo de Prevención e de Defensa contra Incendios Forestais (SPDCIF).

Cuestiona o auto xudicial

A CIG-Autonómica non comparte en absoluto o disposto no auto xudicial e considera que a “subcontratación” das brigadas á empresa Natutecnia “non ten cábida na argumentación do xuíz, polo que si poderiamos estar a falar dunha suposta prevaricación”.

Entende que a irregularidade que xustifica o xuíz “é froito tamén da improvisación e da incompetencia dun goberno galego que acostuma a facer gala da súa suposta boa xestión do público, cando na realidade é todo o contrario”. Considera ademais que este é un exemplo máis da ruinosa xestión que o goberno do Partido Popular está a facer dos servizos públicos, cuxo responsable último é o presidente Feijóo.

Cualifica o auto xudicial de “despropósito sen sentido” porque “deixa quedar moi mal parada a unha institución como é a Xustiza, que debera velar polos intereses xerais dunha cidadanía que cada vez mira con máis receo as súas actuacións”.

Afirma ademais que co arquivo desta causa “estase a amparar unha fraude e un calote á cidadanía galega e solicita que a Fiscalía recurra o arquivo desta causa para que se diriman todas as responsabilidades tanto penais como políticas, en forma de cese ou dimisión dos responsábeis desta ilegalidade e, en última instancia, do propio presidente Feijóo.

Volver