A xustiza recoñece como accidente de traballo unha baixa por violencia sexual nun SAF

A CIG-Servizos reclama que este tipo de situacións teñan a consideración de accidentes laborais
Vigo - 18 Set 2026

O Xulgado do Social nº 7 de Vigo, mediante sentenza ditada o 1 de setembro de 2026, estima a demanda presentada por unha traballadora dun Servizo de Axuda no Fogar (SAF) dunha localidade do sur de Pontevedra e declara que a súa baixa por incapacidade temporal iniciada o 20 de febreiro de 2023 ten a consideración de accidente de traballo. A CIG-Servizos reclama que este tipo de situacións teñan a consideración de accidentes de traballo.

A resolución xudicial pon o foco na necesidade de garantir a protección efectiva das traballadoras dos SAF, especialmente ante situacións de violencia, acoso ou riscos psicosociais no desempeño das súas funcións, ao tempo que condena as entidades responsábeis do proceso a asumir as consecuencias derivadas desta declaración. 

A traballadora comunicoulle á empresa e ao Concello ter sufrido acoso sexual durante a prestación do servizo, malia o que non se activou o protocolo de acoso

Segundo os feitos declarados probados na sentenza, a traballadora comunicoulle á empresa e ao Concello ter sufrido acoso sexual durante a prestación do servizo, malia o que a empresa non activou o protocolo de acoso, tal e como se recolle na resolución xudicial.

Con anterioridade, a CIG presentara denuncia na Inspección de Traballo por estes feitos, tras o que a autoridade laboral constatou que existían antecedentes de episodios cualificados nos partes de traballo como “violentos”, sen que se producise unha revisión da avaliación de riscos nin unha adaptación das medidas preventivas. A avaliación de riscos databa de 2018 e, segundo a acta inspectora recollida na sentenza, non contemplaba de maneira independente o risco de acoso sexual ou por razón de sexo.

A propia Inspección propuxo unha sanción administrativa de 24.586 euros á empresa por incumprimentos en materia preventiva, entre eles a falta de revisión da avaliación de riscos psicosociais e a ausencia de medidas adecuadas ante os feitos coñecidos.

Protección fronte aos riscos laborais

O órgano xudicial considera acreditado o vínculo entre o acontecemento producido no ámbito laboral e a baixa médica iniciada ese mesmo día. A sentenza aplica o artigo 156.2.f da Lei Xeral da Seguridade Social e sinala que unha patoloxía previa non impide a consideración de accidente de traballo cando se produce un agravamento como consecuencia da actividade laboral.

Para o secretario de Organización da CIG-Servizos, Pedro Pérez, esta resolución debe servir como “chamada de atención” sobre as condicións nas que se presta o SAF e sobre a obriga das empresas e das administracións titulares dos servizos de garantir ambientes de traballo seguros, protocolos efectivos e medidas preventivas reais.

“Reclamamos que a sentenza non quede nunha resposta xudicial a un caso concreto, senón que impulse cambios reais na organización e prevención do Servizo. As traballadoras teñen dereito a prestar os seus servizos con seguridade, dignidade e protección fronte a calquera forma de violencia ou acoso”, sinala Pérez.

A decisión xudicial, contra a que cabe recurso de suplicación ante a Sala do Social do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, establece expresamente que a baixa por incapacidade temporal iniciada o 20 de febreiro de 2023 deriva de accidente de traballo.

Principais reivindicacións da CIG para garantir a protección nos SAF
  • Revisar e actualizar as avaliacións de riscos, incluídos os riscos psicosociais e os relacionados coa violencia e o acoso sexual. E garantir que son avaliados todos os domicilios para adoptar as medidas que se consideren necesarias.
  • Aplicar protocolos de acoso e violencia de maneira inmediata cando existan indicios ou comunicacións por parte das traballadoras.
  • Garantir que ningunha traballadora do SAF teña que afrontar soa situacións de risco coñecidas ou previsíbeis.
  • Establecer medidas de protección e adaptación do servizo ante persoas usuarias que presenten comportamentos violentos ou inadecuados.
  • Garantir a coordinación efectiva entre empresas adxudicatarias e Concellos como titulares ou responsábeis dos servizos.
  • Poñer os dereitos e a seguridade das traballadoras por diante de criterios exclusivamente económicos ou organizativos.