A xustiza dálle a razón á CIG e declara ilegais as comisións de servizo no Concello da Coruña que superan os dous anos

A sección sindical reclama ao Goberno que inicie o procedemento para cubrir os postos mediante concurso axustado a dereito

A Coruña -

O xulgado do contencioso administrativo vén de anular o nomeamento do persoal do Concello da Coruña que permanece en comisión de servizo tras superar os dous anos -o prazo máximo legal-, dando á razón na súa totalidade á demanda presentada pola CIG contra administración local polo uso irregular deste sistema de provisión de postos. A sentenza ordena o cese inmediato destes funcionarios e funcionarias, arredor dunhas 150 persoas, que deberán volver á praza que ocupaban previamente.

A resolución ten unha grande incidencia entre o persoal municipal, polo que dende a sección sindical demándase do Goberno que adopte con urxencia todas as medidas para garantir o normal funcionamento da administración e que se cubran os postos "seguindo o procedemento regulado que é o concurso, axustado a dereito".

Un procedemento extraordinario, convertido en habitual

"Levábamos anos denunciando esta situación, ningún goberno nos fixo caso e agora a xustiza dános a razón, coas consecuencias que isto ten para a administración e para o propio persoal", apuntan dende a sección sindical tras coñecer a resolución. "De maneira contundente, asevera o secretario da sección sindical, José María Calatayud, o xulgado dálle a razón á CIG, pois declara ilegais as comisións de servizo que superan os dous anos".

A este respecto, Calatayud subliña que o Servizo de Persoal do Concello da Coruña leva tempo utilizando as comisións de servizo (que é un procedemento de provisión de postos extraordinario) como algo habitual, no lugar do procedemento regulado que é o de concurso. "Se ben o Goberno da Marea non é o responsábel do inicio da totalidade dos postos denunciados, apunta, si é responsábel das sucesivas renovacións".

Calatayud lembra que hai tempo que a sección sindical da CIG vén denunciando esta situación, pero "lonxe de acometer un concurso e regularizar á adscrición dos empregados e empregadas municipais aos diferentes postos de traballo, o Goberno actual continuou promovendo máis comisións de servizo, algunhas mesmo disfrazadas de concursos nos que se engadían restricións ou preferencias, mais só para os postos máis baixos".

Regularizar a adscrición do persoal funcionario

Aínda que a sentenza pode ser recorrida, dende a sección sindical da CIG sinalan que non existen argumentos para a súa apelación, polo que "se o Concello tenta atrasar o contundente fallo do xuíz metendo un recurso, estaríamos ante un acto temerario, tanto polas costas procesuais que carrexaría, como por seguir mantendo no tempo uns nomeamentos arbitrarios para determinados postos".

Neste senso, e dada a elevada afectación da sentenza, a representación da CIG apela á responsabilidade do Goberno municipal para que de inmediato proceda a regularizar á adscrición do persoal funcionario, cumprindo coa legalidade e garantindo a carreira profesional á que teñen dereitos todos os empregados e empregadas das administracións.

200 comisións de servizo

No momento de formalizarse a demanda, a CIG tiña computadas unhas 200 comisións de servizo que representan aproximadamente o 14% do cadro de persoal municipal, composto por unhas 1.500 traballadoras e traballadores. Desas comisións de servizos, arredor de 150 (o 75%) están nunha situación de irregularidade, ao superaren os dous anos máximos que permite a lei para este tipo de provisión de postos.

Volver