A Xunta terá que pagar preto dun millón de euros ao persoal de SEAGA por non lle manter o contrato todo o período de alto risco

Comités e CIG-Servizos concentráronse diante do Parlamento para demandar emprego digno
Compostela - 29 Xun 2016
Traballadores e traballadoras de Seaga concentrábanse este mércores diante do Parlamento de Galiza para exixir traballo digno e denunciar a viva voz que “tres meses apagamos, nove non traballamos”. A mobilización coincidía coa celebración dun pleno no que, en sesión de tarde, os grupos da oposición pedirán explicacións a respecto de por que se lle dá o traballo a empresas privadas e non ao persoal da empresa pública, respecto da carga de traballo e da precariedade que sofren.

O secretario nacional de CIG-Servizos, Paulo Rubido, lembrou que o que ocorre con SEAGA non é novo senón unha situación que se arrastra desde hai anos. Cualificou á empresa pública como “unha especie de ETT mega precaria” porque contrata á xente exclusivamente tres meses, co que queda excluída de calquera tipo de prestación social. Un conflito que “lamentablemente ano tras ano se reitera”.

Rubido sinalou ademais que hai unha sentenza do TSXG, que a Xunta acaba de recorrer para ir ao Supremo, que recoñece que, mentres exista alto risco e haxa unha encomenda a SEAGA os traballadores/as teñen que estar dados de alta.

Un millón de euros

“A aplicación desta sentenza vai supor, no referido ao ano 2015, que é o que se pode reclamar a administración, preto dun millón de euros, en salarios que desde logo, por parte da CIG, pretendemos reclamar, enchendo a administración de demandas individuais”, anunciou.

Ademais reclamou que se dea a coñecer o montante total de cartos públicos que ten gastado a administración en pleitos contra os traballadores de SEAGA “que podo asegurar que supera, e bastante, ese millón de euros”, afirmou.

Xunto a isto puxo en cuestión as “supostas” medidas de aforro derivadas de contratar a través de empresas privadas, que levan á Xunta ao “esperpento de ter que pagar a traballadores que quererían estar traballando, sen facer realmente traballo efectivo, co que a administración vai tirar todos eses cartos ao lixo”.

Rubido denunciou ademais o atraso da encomenda a SEAGA, que aínda non está aprobada no Consello da Xunta e que, en anos anteriores a esta altura si o estaba, porque montar o dispositivo nesta empresa pública supón un mínimo de  15 días. Unha situación da que responsabilizou á consellaría de Medio Rural e a Tomás Fernández Couto por “pretender que estes traballadores inicien o seu período de traballo contra o 15-20 de xullo. Parece que é un empeño da administración que esta xente non traballe máis de tres meses”.

Pola súa banda Josafat Puente, presidente do comité da provincia de Pontevedra, lembrou que levan anos tratando de negociar máis carga de traballo para o persoal e recibindo como resposta que non había cartos para facelo. “Agora hai un novo PDR, hai 11 millóns de euros que se adxudicaron este inverno a empresas privadas e sae o Couto dicindo que a empresa privada é máis barata ca nós”.

Unha afirmación que o levou a demandar a publicación dos datos económicos, “que se poñan enriba da mesa os custos dunha brigada privada e dunha brigada de Seaga”, subliñando que, en todo caso, de ser real será porque “as empresas privadas teñen ao seu persoal en peores condicións ca nós apagando lumes”.

Para o presidente do comité de Pontevedra esta precariedade é a que provocou que antes SEAGA contara cuns 2.000 efectivos e que agora apenas queden 500 traballadores e traballadoras.

Neste sentido, Héctor López, presidente do comité de empresa de Lugo asegurou que “a xente, como só se traballan tres meses, estase indo. O ano pasado tivemos cento e pico baixas e este ano contamos con outras tantas. Isto vai en detrimento do servizo, tanto en materia de seguridade , como en profesionalidade e eficacia nos incendios, porque a xente nova que entra ten que aprender”.

López advertiu ademais que “os incendios non se apagan igual con xente que está mallada de todos os anos que con xente que entra nova. Teñen dereito a traballar, claro que si, pero non funciona igual que con veteranos.”

Pete Breas, do comité da Coruña, engadiu ademais que “hai traballadores e traballadoras con familia que están realmente desesperadoS. Os membros do comité somos conscientes e sabemos que hai xente que se atopa na precariedade absoluta e levan un mes preguntando cando imos comezar”.