A Xunta racha a mesa de negociación tras ofertar unha suba do CAT irrisoria que nin sequera é lineal

CIG-Xustiza critica a actitude irresponsábel da administración, que ten na súa man pechar o conflito

Nacional -

Coa Xunta levantándose da mesa, dando por rotas as negociacións e sen vontade de concretar unha nova data, así remataba a xuntanza que este luns mantiveron o comité de folga de Xustiza e a administración galega, na xornada que se cumpren 41 días de folga indefinida. A representación da CIG critica que a Xunta peche a opción a seguir negociando, “cando dende o primeiro día está na súa man por fin a esta situación” e acusa ao Goberno galego non ter vontade real de resolver o conflito.

Na reunión deste luns abordáranse primeiro as demandas relativas a IT, substitucións, amortizacións e reforzos, e aínda que non se chegou a ningún documento de peche de acordo, cando menos en dous destes puntos houbo posibilidades de avanzar . As maiores discrepancias comezaron coa negociación do plan de amortizacións, xa que lonxe achegar posturas, "a Xunta deu pasos atrás".

Porén, foi ao tratar a  suba do CAT cando o desacordo “foi total”. “Temos o  mandato das asembleas de traballadoras/es de non asumir ningunha oferta por debaixo dos 190€, a Xunta sábeo, e hoxe presentounos unha proposta ridícula, que só mellora un chisco a última oferta, pero que nin sequera é lineal, senón que vai por corpos”, explica Óscar Freixedo, da CIG-Xustiza. Para a representación social a oferta da administración busca dividir o persoal, que se por algo se caracteriza nesta loita é pola súa unidade, firmeza e vontade de seguir pelexando por unha mellora das súas condicións, pero tamén por defender o servizo público que prestan.

Así mesmo, dende CIG-Xustiza acusan a Xunta de traer á mesa un documento inconcreto, que non especifica sequera que parte da suba se aplicaría durante este ano “e no que todo quedaría por tratar, unha vez asinado o acordo”. Diante disto, Freixedo entende como unha “tomadura de pelo” que a administración “espere que lle asinemos un acordo desas características, despois de 41 días de folga e do esforzo económico que isto significa para os traballadores e traballadoras”. Considera como unha irresponsabilidade absoluta a actitude e a estratexia que está a seguir a Xunta, da que debería render contas non só diante dos traballadores/as, senón tamén do conxunto dos galegos e galegas.

Así as cousas, mañá celebraranse asembleas do persoal por todo o país para informar do resultado da reunión e estudar as medidas a seguir.

Volver